domingo, 26 de diciembre de 2010

Lugo, pola mañá

Algunhas imaxes refescantes de Lugo tomadas hoxe pola mañá.

.

jueves, 23 de diciembre de 2010

Bo Nadal





miércoles, 22 de diciembre de 2010

Proxectoterra: O lugar no que vivimos

O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia dentro da programación do Proxectoterra e en colaboración co CFR de Lugo organiza a actividade O lugar no que vivimos dirixida a profesorado de educación primaria. Dita actividade desenvolverase o 17, 18 e 19 de xaneiro en Lugo e terá unha certificación de 10 h. Aportan recursos educativos diferenciados para cada un dos tres ciclos tanto en soporte impreso como audiovisual que se remitirá gratuítamente aos centros nos que haxa participado profesorado.

Obxectivos: presentar os recursos educativos do Proxectoterra.

Relatores:
Dn. José Luis González Fernández: "Espazo e tempo na educación primaria. Recursos educativos para o 1º ciclo"

Dn. Xosé Manuel Rosales Noves (coordinador do Proxectoterra): "Recursos educativos para o 2º ciclo. Recursos educativos para o 3º ciclo. Actividades complementarias do proxectoterra para educación primaria"

Podedes facer a inscrición accedendo con este enlace para inscribirse.

domingo, 19 de diciembre de 2010

Sociais 2.0 Deseñar tarefas para desenvolver competencias na rede

Podedes facer a inscrición na actividade Sociais 2.0 Deseñar tarefas para desenvolver competencias na rede entrando na aplicación FPROFE. Dita actividade desenvolverase no CFR de Lugo a partir do mes de xaneiro de 2011 e no seu desenvolvemento daranse a coñecer as potencialidades educativas da web 2.0, recursos na rede e experiencias didácticas. Traballaranse as principais ferramentas da web 2.0: marcadores sociais, blogs, Wiki, mapas conceptuis, Google Maps, liñas de tempo interactivas, cazatesouros, ferramentas ofimáticas,etc.
O curso será eminentemente práctico no que se potenciará a reflexión e a colaboración entre todo o profesorado participante.

domingo, 5 de diciembre de 2010

Presentacións de Isaac Buzo sobre a web 2.0

Nestas dúas presentacións de Isaac Buzo faise un repaso das ferramentas web 2.0 máis útiles para o profesorado de xeografía. Forman parte do 2º Seminario sobre la Enseñanza de la Geografía en la Educación Secundaria organizado pola Universidade Carlos III de Madrid no ano 2008.
Na primeira comeza explicando as razóns para utilizar os ordenadores na clase, unha introducción da web 2.0 e unha explicación da estructura e utilidade da páxina web de Isaac, chea de recursos para ESO e bacharelato.

Na segunda presentación céntrase nas ferramentas da web 2.0, empezando cunha explicación da forma de introducir nunha web contidos xerados con estas ferramentas para pasar a explicar o uso dalgunhas delas. Trata ferramentas de son, imaxe, vídeo, presentacións, documentos, mapas conceptuais, enquisas e mapas.

No espazo de Isaac Buzo en Slideshare podes ver máis presentacións de interese para o profesorado de Xeografía e Historia.

jueves, 25 de noviembre de 2010

25 de novembro, Día Internacional de Loita contra a Violencia de Xénero

Este día vense celebrando oficialmente desde o ano 1999. A data foi elixida en homenaxe ás hermanas Mirabal, asesinadas o 25 de novembro de 1960 na República Dominicana.
Na páxina Educación en valores hai enlazadas un montón de actividades para concienciar ao alumnado neste tema. Entre elas estiven fixándome nas webquest, lembrando que un dos obxectivos cando abrín o blog era a súa clasificación e difusión.
  • 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia cara a Muller, de Ana Hermoso Rodríguez e Fernándo García Páez, do CEIP San Walabonso de Huelva, revisada no ano 2006.
    Destinada ao alumnado do 3º ciclo de educación primaria. En grupos de dous, neno e nena, hai que buscar información sobre as irmás Mirabal e o dereito da muller a unha vida sen violencia. Poden verse as presentacións feitas na clase.
  • A violencia de xénero, de Víctor García e Ana Mª del Bosh. Para 3º e 4º de ESO.
    Como tarefas hai que realizar a simulación dun xuizo, obrigando ao alumnado a documentarse sobre o papel que ten que representra: agresor, víctima, familiares, xuiz... Tamén hai que contestar a unha serie de preguntas.
    É unha pena a gran cantidade de publicidade que aparece nesta webquest. Entre anuncios e ventás emerxentes ocupan a metade da pantalla. En Educación en valores teñen o texto da webquest sen esta publicidade.
  • Violencia de xénero, de Juana G. Linares e Juán Lafuente Vázquez. Para secundaria e bacharelato.
    Sitúa ao alumnado como integrantes dunha Mesa de Expertos contra a Violencia de Xénero, que ten que facer propostas de mellora partindo dun estudio estatístico da situación, a busca da lexislación vixente e a análise das opcións da muller maltratada.
Tamén hai unidades didácticas para primaria, secundaria e educación para persoas adultas, talleres, actividades con audio e vídeo, cuestionarios... En fin, que non quede a mensaxe sen difundir por falta de actividades.

viernes, 19 de noviembre de 2010

Sociais 2.0 Deseñar tarefas para desenvolver competencias na rede

O 15 de decembro de 2010 remata o prazo para facer a inscrición na actividade Sociais 2.0 Deseñar tarefas para desenvolver competencias na rede. Dita actividade desenvolverase ao longo do segundo trimestre do 2011 e nela abordaremos entre outras cousas os seguintes aspectos:
  • Introducción á web 2.0
  • Características da web 2.0 (evolución, características, web 2.0 e educación)
  • Web 2.0 e organización
  • Recursos didácticos da web 2.0 e recursos en ciencias sociais (sitios de referencia, ferramentas, exemplos de experiencias educativas)
  • Exemplos de traballo: marcadores sociais
  • Ferramentas multimedia online (Gimp, Audacity, Picassa...)
  • As webquest e as cazas do tesouro. Aulas virtuais
  • Posibilidades didácticas dos blogues
  • Posibilidades didácticas dos wikis
  • Ferramentas cartográficas (Google earth, Google Maps, mashups...
  • Ferramentas ofimáticas
  • Organizadores gráficos (liñas do tempo, esquemas e mapas conceptuais)
  • As redes sociais e as súas potencialidades educativos
  • Experiencias educativas
Este curso será eminentemente práctico no que a teoría complementarase coa práctica. Despois de coñecer as principais ferramentas e as potencialidades educativas da web 2.0, deseñaranse propostas educativas para promover a aprendizaxe colaborativa coas principais ferramentas e metodoloxías utilizadas.

sábado, 13 de noviembre de 2010

Adeus, Luís García Berlanga

Hoxe lamentando a morte do director de cine Luís García Berlanga recordamos o motivo anuncio protagonizado por Berlanga para a campaña de Médicos sen Fronteiras Pastillas contra a dor allea.


Ver máis información:
Video de J.Minguell / P. Casado onde repasan a súa obra: El rey del esperpento
El País
No País: Adiós Mr. Berlanga

miércoles, 10 de noviembre de 2010

A viaxe de María

Neste vídeo explícase moi clariño o autismo e os seus problemas. Remata cunha mensaxe optimista.

Máis información sobre o autismo:

jueves, 4 de noviembre de 2010

Mural Locator

A través dun twit do MoMA coñecín a páxina Mural Locator na que se expoñen murais xeolocalizados de todo o mundo . Aquí podemos pasar unha tarde entretida con estas obras de arte que non podemos admirar nos museos.
Como podedes ver no mapa a maioría das imaxes proceden de Estados Unidos.
Vou enchear de cor este recuncho do blog con algúns dos que máis me gustaron:
  • Rue Notre Dame, de artistas descoñecidos en Canadá

lunes, 1 de noviembre de 2010

O Camiño dos Satélites

Onte estiven vendo unha exposición itinerante sobre tecnoloxía accesible. Está organizada pola Fundación Tecnología Social e vai percorrendo as cidades pretas aos tramos do Camiño de Santiago polos que transita Serafín Zubiri xunto con varias persoas invidentes.
Este grupo forma parte das accións programadas por O Camiño dos Satélites para facer accesible o Camiño de Santiago. Para conseguilo empregan a tecnoloxía e ferramentas que axudan a que todo o mundo teña a oportunidade de facer o camiño: GPS, audioguías, grabación dun documental difundido en internet, emprego de blogs para difundir as accións e as guías de axuda aos pelegríns...
Entre os obxectos que puden ver na exposición chamoume a atención un sistema para manexar o ordenador coa vista (experimentei cómo funcionaba) mediante dous emisores de luz infravermella e unha cámara que capta o movemento do ollo e úsao para mover o rato e os parpadeos para facer clic en determinados obxectos. Contáronme que hai persoas que chegan a escribir un libro con este método.
Tamén me resultou de interese o código bidi, un código bidimensional que se pode ler cun móvil con cámara. Utilízano as persoas invidentes para etiquetar obxectos de uso cotiá. O programa de lectura destes códigos é gratuíto.
Outros obxectos que puden ver na exposición son o GPS que usa Serafín Zubiri no camiño, unha mochila con paneis solares coa que poden cargarse móviles e outros aparellos mediante unha conexión USB, obxectos antigos como dúas máquinas de escribir Braille, un contagotas e unha cámara de fotos así como un panel promocionando as accións realizadas pola Fundación Vodafone España en favor das persoas discapacitadas.
Moitas grazas a Celia Romero, secretaria da Fundación Tecnoloxía Social, pola gran cantidade de información que me deu e pola súa disponibilidade e amabilidade.

domingo, 24 de octubre de 2010

Os tellados da Catedral de Santiago

Os dous últimos sábados estiven colaborando nas xornadas "Os camiños de Santiago como recurso didáctico".
Para rematar a actividade fixemos unha visita ás cubertas da Catedral. Desde alí pode verse como foi evolucionando a construción pasando por diversos estilos: románico, gótico, renacentista e barroco. Tamén poden contemplarse de xeito distinto outros edificios e rúas de Santiago.
Podedes ver información sobre as cubertas na páxina: http://www.catedraldesantiago.es
Deixo algunhas das fotos que sacamos. A ameaza de chuvia fíxonos temer que non poderíamos subir, pero hoube sorte e tal como nos repetía a coordinadora María Paz Gago, ata o remato non caeu nen unha pinga.
Unha visita recomendable.

viernes, 15 de octubre de 2010

Libro colaborativo LIM

No blog Actividades LIM propóñennos participar na construción colaborativa de unidades didácticas utilizando o programa LIM, creado por Fran Macías. Estas unidades publicaranse cunha licenza Creative Commons.
Pode facerse en calquera momento do curso, creando unidades didácticas apropiadas para a época: O Samaín, O Outono, Os Dereitos Humáns, O Día da Paz, Día da Muller Traballadora, A Semana da Prensa, O Día do Libro, Día Mundial da Saúde, Galicia, Europa, As Letras Galegas, Día Mundial do Medio Ambiente... As propostas para O Samaín deben entregarse antes do 25 de outubro e as dos dereitos humáns antes do 29 de novembro.
A organización deixa aberta a posibilidade de que propoñamos máis temas.
As actividades que se entreguen antes das datas propostas formarán parte do libro que se publicará en Actividades LIM, coa posibilidade de descargalo para usar sen conexión a internet.
Na seguinte presentación pode verse como participar. Animádevos!!!

jueves, 14 de octubre de 2010

Curso: Elaboración de materiais didácticos dixitais para a ensinanza-aprendizaxe das ciencias sociais

Hoxe, no CFR de Lugo, comezamos o curso: "Elaboración de materiais didácticos dixitais para a ensinanza-aprendizaxe das ciencias sociais" o cal desenvolverase ata o día 1 de decembro.
O relator Dn. Marco Antonio López Grande, profesor de ensino secundario e gran experto en tic, abordou neste primeiro achegamento moitas e variadas posibilidades didácticas desta plataforma. Todo o profesorado traballou sen descanso e froito desa labor o curso creado para prácticas xa ten un abundante material. Desde aquí agradezo o seu interese.
Tamén quero agradecer a labor de Dn. José Luís Barreiro e todo o equipo de Santiago que conseguiron, despois de moitas horas de traballo, que para esta data estivera funcionando esta aula virtual.
Aproveito para poñer os novos enlaces da páxina do CFR de Lugo e da súa Aula virtual Mooodle:

Agora xa non temos disculpas para seguir traballando...

lunes, 11 de octubre de 2010

Mapas culturais do Consello da Cultura

Desde a páxina do Consello da Cultura temos acceso a tres mapas que tratan diversos aspectos da cultura de Galicia:
  • Mapa de equipamentos culturais de Galicia, onde se recolle a situación de espazos culturais: museos, cines, teatros, salas de informática, galerías de arte... Pódese buscar por provincia, concello ou categoría.
  • Roteiros, onde se expoñen unha serie de viaxes temáticos: a Xeneración Nós, Castelao en Pontevedra, Uxío Novoneira no Caurel, Curros Enríquez en Ourense... Ten un buscador que nos permite buscar os roteiros que se poden facer a pé ou en coche e roteiros con determinadas características: catedrais, ruinas romanas...
  • As escolas da emigración é un proxecto que pretende recuperar o legado educativo da emigaración rescatando testemuños dos emigrantes. Moitos deles enviaron diñeiro a Galicia co que puideron construírse escolas ou mellorar o equipamento das existentes. A maioría destas escolas están nas provincias de Lugo e Ourense.
    Neste mapa podemos ver a situación destas escolas, o uso que na actualiadade se fai delas, a súa historia, coñecer os promotores...

jueves, 7 de octubre de 2010

Actividades para grupos escolares do Museo Provincial

O Museo Provincial acaba de publicar o catálogo de actividades escolares para o curso 2010/2011. Na guía temos un resumo das actividades programadas e os niveis educativos aos que van destinadas:
  • A muralla dos nenos (2º, 3º e 4º de primaria)
  • A muralla no museo (5º e 6º de primaria e 1º de ESO)
  • A arte do vestido (4º e 5º de primaria e 1º de ESO)
  • Algo máis que ver un cadro (4º e 5º de primaria)
  • Debuxa un conto: a escola de Doloriñas (educación infantil e 1º e 2º de primaria)
  • Safari no museo (1º, 2º e 3º de primaria)
  • Rutas literarias (ESO e bacharelato)
  • Visita de iniciación ao museo (primaria, ESO e bacharelato)
  • Visita á sección de prehistoria e arqueoloxía (3º ciclo de primaria, ESO e bacharelato)
  • A romanización (ESO e bacharelato)
Tamén hai unha unidade didáctica sobre Castelao destinada a que o profesorado de ESO, bacharelato e ciclos formativos prepare e dirixa unha visita á colección Castelao.

Para concertar unha visita ou solicitar calquera información pódese chamar ao teléfono 982242300 ou enviar mensaxe ao correo didactica@museolugo.org
Os responsables do museo piden que os grupos non superen os 30 alumnos e que as visitas se concerten polo menos 15 días antes.
Aquí podedes ver o folleto que distribúe o Museo:
1328 PROGRAMA Actividades Escolares-curso 2010 2011

domingo, 3 de octubre de 2010

Curso: Elaboración de materiais didácticos dixitais para a ensinanza-aprendizaxe das ciencias sociais

No CFR de Lugo está a punto de comezar o curso "Elaboración de materiais didácticos dixitais para a ensinanza-aprendizaxe das ciencias sociais". É a primeira actividade dirixida especialmente ao profesorado deste ámbito, tanto de primaria como de secundaria. Un obxectivo é actualizar ao profesorado abordando contidos e elaborando materiais didácticos dixitais utilizando a plataforma Moodle e abordando os principais recursos que nos ofrece a plataforma e o manexo de ferramentas multimedia. Completarase con experiencias didácticas e exposición de recursos on line.
O curso será eminentemente práctico no que cada asistente dispoñerá dun ordenador e desenvolverase desde o 14 de outubro ata o 1 de decembro de 2010.
Na aula virtual Moodle do CFR de Lugo irase subindo información e materiais ao longo do desenvolvemento do curso.
O díptico do curso é o seguinte:
Elaboración de materiais didácticos dixitais para a ensinanza-aprendizaxe das ciencias sociais

miércoles, 29 de septiembre de 2010

Ensino da historia a través de Google Earth

É o título co que o ITE publicou en novembro do 2009, un monográfico dedicado ás aplicacións do Google Earth nas clases de historia. En cada un dos artigos describese brevemente a ferramenta empregada e proponse varias actividades para levar á aula.
Os artigos que compoñen este monográfico son:
Seguro que a lectura destes artigos vai proporcionaros ideas para novas aplicacións deste programa.

lunes, 20 de septiembre de 2010

Realidade aumentada e Ciencias Sociais

Na web wwwhatsnew.com atopo esta presentación sobre realidade aumentada con fins educativos:
Na diapositiva 28 fala de Arsights, un programa que permite obter monumentos e edificios de Google Earth para velos nunha cámara web en realidade aumentada. Hai que descargar a aplicación, instalala e buscar no Google Earth algún monumento co logo de Arsights.
No mesmo artigo hai outras tres presentacións en castelán sobre realidade aumentada e un enlace a unha colección de 13 vídeos que mostran as súas aplicacións nos museos.
Xa teño entretemento para uns días!!!

jueves, 16 de septiembre de 2010

Grupos de traballo

Remato esta serie de artigos dedicados á formación en centros cos grupos de traballo. É a modalidade máis solicitada nos CFR. Permite a posibilidade de docencia externa por unha persoa que non estea destinada no centro sede.
A convocatoria está no Plan Anual de Formación do Profesorado.
Para solicitar un grupo de traballo hai que ter en conta:
  • A solicitude de preinscrición pode presentarse entre os días 14 de setembro e 17 de decembro de 2010 segundo o modelo do Anexo I.
  • Unha vez recibida a solicitude a Directora do CFR asignará o proxecto a un asesor ou asesora que se comunicará coa persoa coordinadora do grupo para preparar o proxecto conxuntamente segundo o Anexo III da convocatoria.
  • A solicitude de participación (Anexo II) e o proxecto de traballo deberán presentarse no prazo de 20 días contados dende a recepción da solicitude de inscricion. Na solicitude de participación deben figurar os datos dos compoñentes do grupo e estará asinada polo coordinador/a , co Vº e prace do director/a do centro sede e informe da persoa asesora. O proxecto debe entregarse en formatos papel e informático.
  • A duración do proxecto está entre 20 e 50 horas. Pódese dedicar á docencia impartida por persoas non destinadas no centro un máximo do 20% das horas solicitadas.
  • O número de participantes será como mínimo 5 e como máximo 12, incluída a persoa coordinadora do grupo. Poden traballar en distintos centros, pero a lo menos os dous terzos do total dos compoñentes deben pertencer ao ámbito do CFR onde se solicita. Os participantes nun grupo de traballo non poden participar noutros grupos ou seminarios permanentes. Tampouco en proxectos de formación e asesoramento coa mesma temática e tamén nas convocatorias que a consellería de Educación e Ordenación Universitaria estableza como incompatibles.
  • No proxecto incluirase unha proposta de orzamento, que non poderá superar os 1000 €. Debe estar desglosada nos apartados: a) docencia externa, b) material funxible e bibliografía e c) desprazamentos.
  • Unha vez presentado o proxecto, a comisión de selección deberá reunirse nun prazo máximo de 30 días contados a partir do día seguinte á data na que se presentou a solicitude de preinscrición.

Seminarios permanentes

É unha modalidade de formación onde se prima a colaboración entre o profesorado do grupo, que debe facer o traballo sen docencia externa, coa única colaboración do/a asesor/a do CFR. Desenvolverá un aspecto concreto do labor docente: traballar, investigar e experimentar novas propostas didácticas desde a óptica da innovación educativa, organización escolar, elaborar materiais de aula e experimentar os aspectos tratados .
A convocatoria está no Plan Anual de Formación do Profesorado.
Para solicitar un seminario permanente hai que ter en conta:
  • A duración do seminario está entre 30 e 50 horas.
  • O número de participantes será como mínimo 3 e como máximo 6. A lo menos os dous terzos do total dos compoñentes deben pertencer ao ámbito do CFR onde se solicita.
  • Os participantes nun seminario permanente non poden participar noutros seminarios ou grupos de traballo. Tampouco en proxectos de formación e asesoramento coa mesma temática.
  • A sede do seminario permanente será o centro dun dos membros pertencentes ao ámbito do centro de formación.
A solicitude de participación presentarase seguindo o modelo do Anexo I acompañado da documentación complementaria antes do día 29 de outubro. Nesta solicitude debe ir a relación do profesorado comprometido no proxecto. Debe estar asinado polo/a coordinador/a do seminario e o/a director/a do centro e co selo do centro sede.
Acompañando a solicitude débese entregar o proxecto segundo o modelo do anexo II da convocatoria en soporte papel e informático e co visto e praze do director ou directora do centro donde se desenvolverán as reunións do seminario.
No proxecto incluirase unha proposta de orzamento, que non poderá superar os 600 €. Neste orzamento non se contemplarán os desprazamentos dos compoñentes do seminario.
A comisión de selección do CFR realizará a selección e aprobación dos proxectos de formación presentados no prazo de 20 días naturais a partir do seguinte ao de finalización do prazo de presentación.

miércoles, 15 de septiembre de 2010

Proxectos de formación e asesoramento en centros

Esta modalidade de formación ten, en liñas xerais, como obxectivo fomentar o traballo colaborativo do profesorado partindo dos intereses da maioría do claustro en aspectos xerais dos ámbitos curricular, organizativo e de investigación educativa para fomentar a súa autonomía pedagóxica e organizativa. Preténdese que interveña a maioría do profesorado do centro coordinados pola xefatura de estudos ou persoa coordinadora da formación no centro contando coa colaboración do asesor ou asesora de referencia do Centro de Formación e Recursos. Debe contar co compromiso de implantación das melloras nas áreas ou aspectos traballados para propiciar o cambio e a innovación, polo que deberá estar informado o claustro.
A convocatoria está no Plan Anual de Formación do Profesorado 2010-2011.
Para solicitar un Proxecto de Fomación en Centros hai que ter en conta:
  • Antes do día 6 de outubro de 2010 hai que facer a preinscrición mediante o formulario do Anexo I para poder realizar, coa intervención do CFR a delimitación do tema e a elaboración do proxecto. Este formulario pode entregarse no CFR mediante correo electrónico, fax ou correo postal. Debe estar asinado polo xefe/a de estudos e o director/a do centro e co selo do centro.
  • A duración do proxecto está entre 30 e 50 horas. Pódese dedicar á docencia impartida por persoas non destinadas no centro un máximo do 30% das horas solicitadas.
  • Un centro que teña concedido un proxecto de formación non poderá participar, no mesmo curso escolar, noutro proxecto promovido pola Administración que desenvolva a mesma temática.
  • O número de participantes será proporcional e representativo do claustro, e nunca menor de 10 persoas, agás en centros con menos de 20 profesores, nos que a comisión de selección poderá reducir de xeito extraordinario o número minimo de participantes.
  • A solicitude de participación presentarase segundo o modelo do Anexo II acompañado da documentación complementaria antes do día 29 de outubro. Nesta solicitude debe ir a relación do profesorado comprometido no proxecto. Debe estar asinado polo xefe/a de estudos, Vº e prace do director/a do centro e co selo do centro.
  • Acompañando a solicitude débese entregar o proxecto segundo o modelo do anexo III da convocatoria en soporte papel e informático e a certificación de que foi informado ao claustro.
  • No proxecto incluirase unha proposta de orzamento, que non poderá superar os 1500€. Debe estar desglosada nos apartados: a) docencia externa, b) material funxible e bibliografía e c) desprazamentos. Deberase constar expresamente que non se recibiu nin se solicitará ningunha outra axuda económica.
  • A Comisión de Selección do CFR realizará a selección e aprobación dos Proxectos de formación presentados no prazo de 20 días naturais a partir do seguinte ao de finalización do prazo de presentación.

lunes, 13 de septiembre de 2010

Cursos organizados pola asesoría de Humanística no CFR de Lugo

Por un pequeniño problema de saúde levo unha temporada na que non escribo nada. Hoxe retomo este "traballo" lembrando as actividades de formación do profesorado que se desenvolverán no Centro de Formación e Recursos de Lugo dentro da modalidade de cursos e xornadas en próximos artigos resumirei as modalidades de Proxectos de Formación en Centros, Seminarios Permanentes e Grupos de Traballo.
No Plan Anual de Formación 2010-2011 podedes acceder á convocatoria de todas as modalidades de actividades formativas, plans e convocatorias ofertadas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para este curso. Dentro deste Plan de Formación do Profesorado as actividades que se levarán a cabo pola Área de Humanística que se desenvolverán no CFR de Lugo e nas que podedes facer a inscrición son:
Esta actividade desenvolverase no primeiro trimestre deste curso escolar e o prazo de inscrición remata o 22 de setembro.
Algunhos dos contidos que se traballarán ao longo deste curso xirarán arredor da presentación e deseño de materiais didácticos de utilidade para o profesorado, traballo colaborativo e proceso de creación e xestión da plataforma Moodle: descrición, configuración, características, ferramentas de comunicación, ferramentas para o traballo con textos, gráficos, presentacións, actividades interactivas, inserción de webquest, traballos colaborativos como a creación de glosario de termos, bases de datos e creación dunha wiki na aula virtual, seguemento do traballo do alumnado, xestión dun curso...
Na medida en que se vaia deseñando o curso actualizarase a información do programa tanto aquí como na páxina web do CFR de Lugo.
Este curso desenvolverase no segundo trimestre deste curso escolar e o prazo de inscrición remata o 15 de decembro.
Os contidos a traballar desenvolveranse arredor da web 2.0: características, recursos didácticos e organización, ferramentas (cartográficas, ofimáticas e organizadores gráficos), marcadores sociais, blogs, wikis, redes sociais... Esta actividade xa se realizou no curso pasado e na aula virtual do CFR quedaron os materiais que aportou o profesorado docente.


domingo, 29 de agosto de 2010

Día do blog 2010

Día del Blog

Hoxe celébrase o "III Encontro Virtual de bloggers polo Día Internacional do Blog 2010". Hai organizados unha serie de talleres, conversacións emitidas en vídeo e foros que tocan a maioría dos temas de interese que temos o profesorado aficionado aos blogs: sociedade e cultura dixitais, educación e tics, comunicación e medios sociais, microblogging, xestión do coñecemento...

Nesta páxina podedes ver detallado o programa de actividades. Coidado co horario: se non se indica outra cousa refírese ao arxentino e hai que sumar 5 horas.

O encontro tamén pode seguirse na súa páxina de Facebook e en Twitter en @diadelblog.

sábado, 28 de agosto de 2010

Plantillas de Google Docs para usar na clase

O profesor Juan José de Haro comparte no seu blog Educativa catro plantillas creadas coa folla de cálculo do Google Docs que poden facilitarnos algunhas tareas cotiás na aula. Fixen a tradución ao galego destas plantillas:
  • Control de clase. Libreta do profesor.
    Permite levar un control de notas de clase e faltas de asistencia. Calcula a media ponderada das notas de clase e ata catro controis.


  • Control de ausencias.
    Permite anotar as faltas de asistencia e puntualidade, facendo un resumo trimestral delas.


  • Fichas de titoría.
    Para anotar as entrevistas e incidencias co alumnado e as súas familias.


  • Calendario do curso 2010/2011
    A tradución desta plantilla é de Alberto Armada. No calendario poden anotarse os acontecementos do curso. Neste artigo Juan José explica como utiliza un calendario compartido por toda a clase.

sábado, 14 de agosto de 2010

Presentacións de Pere Marqués

Ao longo do mes de agosto o profesor da Universidade Autónoma de Barcelona Pere Marqués publicou varias presentacións interesantes para os centros que comezan co proxecto Abalar:

29 modelos didácticos para as aulas 2.0
Descrición de distintas formas de utilizar as TIC nunha aula con encerado dixital, lector de documentos e un ordenador por alumno ou alumna. Están clasificadas en actividades centradas nas explicacións do profesorado, traballo individual do alumnado, actividades guiadas e proxectos longos. Tamén da ideas de usos das TIC nas titorías, na dirección do centro e nas familias.

18 modelos didácticos para o encerado dixital

Actualización dos traballos desenvolvidos nos últimos anos por Pere Marqués e o grupo DIM.

13 modelos didácticos para o uso do libro de texto dixital

Describe as características dos libros de texto dixital e as súas posibles utilizacións nas aulas con encerado dixital ou cun ordenador por alumno ou alumna.

miércoles, 11 de agosto de 2010

Castelos de area

Este mes sigo coas actividades artísticas na praia. Aquí poño unhos vídeos con castelos de area.





Neste outro vídeo o artista canadense Maurice Bernard explica como facer un castelo. Tamén fala do tipo de pintura que fai e das razóns polas que comezou a pintar.

sábado, 7 de agosto de 2010

Arte coa area

Nestes días de verán nos que a maioría visitamos as nosas fermosas praias para descansar, ocurréseme déixarvos estes vídeos que ilustran algo distinto que se pode facer coa area.
A artista do primeiro vídeo é Kseniya Simonova, gañadora do concurso televisivo Ukranian's Got Talent no ano 2009. Os outros vídeos son da israelí Ilana Yahav. Buscando en Youtube podemos ver moitos máis vídeos deste tipo.





viernes, 30 de julio de 2010

Castro de Formigueiros (Samos)

No xornal local O Progreso do día 23 de xullo entérome que que o campo de traballo que organizaban a Consellería de Traballo e Benestar e a de Medio Rural e se viña celebrando os últimos catro veráns non se fará este ano "por falta de fondos dada la situación actual" segundo Gonzalo Meixide Camaselle, coordinador dos traballos. Seguirase co seu estudio a través do proxecto de recreación virtual do luga. Faranse tarefas de consolidación dos muros e completarase cunha exposición dos achádegos atopados no museo de Viladonga.
O día 8 do outubro de 2009 escoitabamos esta nova:

Castro Formigueiros (Reportaje Emisoras-Lugo)

No terceiro verán atopouse un labirinto grabado:




O día 12 de xuño de 2010 visitei de novo este castro despois de facer a ruta pola serra do Édramo dende a estrada que sube de Samos a Airapadrón. A verdade é que merece a pena pola súa importancia arqueolóxica e paisaxística. Froito desa andaina déixovos algunhas fotografías dese día a pesar da néboa que empañou o obxectivo e agardo que os traballos de excavación se retomen pronto.


A música que acompaña ás fotografías é Marcha do entrelazado de Allariz do grupo Breogán.

domingo, 25 de julio de 2010

25 de xullo, Día da Patria Galega

"Cairon os deuses xigantes e o tempo foinos soterrando. Dispois a terra criou a tona verde do esquecimento: mais eiquí e acolá as osamentas furan a pelica da terra e amostran a súa brancura. Así se fixeron istes montes grandes e moles.
No día de Galiza quero estar batido polós ventos enriba d'un sepulcro de xigante, deixando que o meu esprito se fecunde como un ventre e que os meus ollos avisten Compostela na lonxanía azur. Lonxe dos homes e a carón da Natureza.
Así pasei o día do noso Señor Sant'Yago e confeso que na outura un síntese tan ben, tan ben..."
Castelao, Obras. vol 3

jueves, 22 de julio de 2010

Exposicións de Manuel Valcárcel

Este mes tiven a oportunidade de ver dúas exposicións con fotografías do monfortino Manuel Valcárcel.
Na sala de exposicións da Fundación Caixa Galicia de Lugo vin “Auga: o sangue da terra” que mostra como a auga vai modelando a paisaxe e as costumes dos habitantes mediante imaxes de lugares dos cinco continentes:
  • Europa: río Lor en Galicia
  • Asia: plantacións de arroz de Guilín en China e Vanarasi no río Ganxes na India
  • África: río Níxer en Malí
  • América: Deserto de Atacama en Chile
  • Oceanía: glaciares do monte Cook en Nova Celandia
Hai unha guía didáctica con actividades para educación infantil, primaria e secundaria.



Por outra banda, no Mosteiro San Martiño Pinario de Santiago está ata o 1 de agosto “Regreso á orixe, unha viaxe contemporánea. Xerusalén, Roma e Santiago.” A mostra componse de 80 fotografías de Manuel Valcárcel e un documental de 20 minutos con música do compositor Alejandro González na que amosan “a tradición cultural e a sensibilidade relixiosa” a través das paisaxes e as rutas de peregrinación na viaxe a estas tres cidades, as tres grandes metas das peregrinacións a través da viaxe polo Próximo Oriente, Turquía, Europa do Este, o Mediterráneo, o norte peninsular e a Galicia xacobea.

martes, 13 de julio de 2010

A España pantasma

O pasado domingo Kurioso solicitou axuda en Twitter para que lle enviasen fotografías feitas durante a celebración da final do mundial de fútbol de lugares de España que habitualmente están cheos de xente. A colección de imaxes é espectacular.




Engadido (14 de xullo)

martes, 6 de julio de 2010

Cousas que podes facer co Gimp

No blog de jEsuSdA atopei este video con exemplos de imaxes retocadas co programa Gimp.

TUTORIAL GIMP: Cosas que puedes hacer con Gimp from jEsuSdA on Vimeo.

Este programa libre e gratuito úsoo a miúdo dende hai dous anos para editar imaxes dixitais despois de facer un curso do ISFTIC onde publicaron o meu traballiño final .Gústame pasar o rato facendo probas con el aínda que olvidase moito do que aprendín. O vídeo vaime dar ideas para seguir facendo prácticas e se hai tempo volverei mirar con tranquilidade os seguintes titoriais .

Máis información sobre Gimp:

viernes, 2 de julio de 2010

Cultura aberta nos xardíns da Deputación

Onte comezou o programa Cultura aberta nos xardíns da Deputación de Lugo, un programa destinado ao tempo de lecer no verán de Lugo no que conta coas actuacións musicais de Xoán Curiel, Cesk Freixas, 20Hatz, Katembe Project, Festicultores e Maghúa. Tamén actuará Carlos Blanco co espectáculo de humor "Ordem e progresso". Desenvolveranse todos os xoves de xullo e primeiro de agosto ás nove da noite. O tempo de lecer para os máis pequenos, os Mércores Miúdos, serán todos os mércores ás seis e media. Dentro do programa Sons aromáticos no que onte nos agasallaron cun ramallo de menta fresca Xoán Curiel, compositor, guitarrista , cantante e actor da Fonsagrada sorprendeunos co seu disco Nai dedicado á figura da muller. Todo un agasallo para os nosos sentidos.
Agora déixovos coa seguinte video no que presenta o seu disco.

jueves, 1 de julio de 2010

Hoxe cumplo dous aniños

Hoxe cúmplense dous anos dende que comecei a poñer pequenas cousas neste blog. Teño que decir que cada vez cústame máis buscar temas para escribir pero, agardo non parar no intento.
Quero agradecer todas as vosas visitas e os correos enviados apoiando este traballo.
Aproveito para desexar unhas felices vacacións a todas as persoas que as estedes disfrutando e un bo verán tamén.

martes, 29 de junio de 2010

Fundación Gala - Salvador Dalí

A Fundación Gala - Salvador Dalí é unha entidade cultural privada dedicada a "promocionar, fomentar, divulgar, prestixiar, protexer e defender a obra artística cultural e intelectual do pintor". Foi creada en 1983 por desexo do pintor, que a presidiu ata a súa morte en 1989.
Actualmente a Fundación xestiona os Museos Dalí de Figueres, Portlligat e Púbol, as coleccións, que abranguen máis de 4000 obras, exposicións, publicacións, dereitos da propiedade documental e de imaxe, etc.
Dispón dun servizo educativo que organiza actividades dirixidas ao alumnado de todos os niveis. Gran parte destas actividades organízanse nos Museos, pero na páxina web podemos ver algunhas: A persistencia da memoria e Sono causado polo vó dunha abella arredor dunha granada uns segundos antes de espertar. Son xogos educativos creados a partir de obras e textos de Dalí. Teñen versións para familias, escolas e adultos. Por exemplo, na versión para o alumnado da ESO e o bacharelato hai que responder unhas perguntas sobre a obra a partir da información obtida nunha serie de vídeos explicativos.
No catálogo razoado de pinturas podemos atopar información das obras pintadas entre 1910 e 1930: imaxe, data, soporte, técnica, dimensións, localización... En vindeiros anos o catálogo irase ampliando ata chegar a 1983.

lunes, 21 de junio de 2010

ARDE LUCUS MMX

Os días 25, 26 e 27 de xuño celébrase en Lugo o noveno Arde Lucus. O programa é variado e comeza o 25 ás 17:00 h coa apertura do Macellum. Haberá numerosos actos que xirarán en torno á fundación da Cidade e nomeamento de personaxes, ao campamento militar, ao circo romano, ao olimpo dos deuses e deusas, ao macellum ou mercado, desfiles pola cidade, bacanais, vodas celtas, nasciturus, carreiras de quadrigas e bigas, olimpiadas, teatro, forxas, batallas campais, queima da Muralla...
Hai que destacar que entre os días 21 e 27 de xuño podemos achegarnos tamén á cultura romana e á historia da cidade entrando de balde nos distintos Museos Municipais: Casa dos Mosaicos, Sala de Exposicións Porta Miñá, Centro de Interpretación da Muralla e no Centro Arqueolóxico de San Roque. Unha boa idea neste tempo de crise.
Máis información:
Programa en pdf
www.ardelucus.com
www.ocioenlugo.com
Fundación VRBIS AVGUSTI

viernes, 11 de junio de 2010

Glengarry Glen Ross

Onte fun ver a obra de teatro Glengarry Glen Ross. É moi apropiada para reflexionar sobre as relacións laborais nos tempos de crise que padecemos: unha empresa inmobiliaria decide "estimular" aos seus traballadores premiando aos mellores e despedindo ao que venda menos. A competencia fai que os vendedores empreguen métodos non moi éticos para acadar os seus obxectivos.
A obra está dirixida polo arxentino Daniel Veronese e interpretada por Carlos Hipólito, Ginés García Millán, Alberto Jiménez, Andrés Herrera, Gonzalo de Castro, Jorge Bosch e Alberto Iglesias.
Está escrita por David Mamet, que obtivo o premio Pullitzer con ela e tamén escribiu o guión dunha película baseada nesta obra e protagonizada por Al Pacino, Jack Lemmon e Alec Baldwin.
Nos vídeos podemos comparar as versións teatral e cinematográfica. Eu quédome coa proximidade do teatro.

lunes, 7 de junio de 2010

Un descanso forzoso

Tiven unha contractura hai unha semana e aínda me costa estar un ratiño traballando co ordenador. Por eso non escribo.
E o que máis sinto é non poder ir ás excursións. Miro as fotos que me trouxeron da que me perdín o sábado pasado no pico Miravalles, nos Ancares, e xa estou pensando na forma de ir velo cando me recupere.

domingo, 23 de mayo de 2010

Castelao: A derradeira lección do mestre

Onte fun ver a exposición Castelao: A derradeira lección do mestre. Dita exposición vai estar aberta ata o día 10 de xullo de 2010 no Museo Provincial de Lugo. Nela podemos ver obras feitas entre os anos 1936 e 1950, anos nos que o autor estivo exiliado. Ademais dos debuxos e gravados podemos ver manuscritos orixinais, as súas lentes, varios autorretatos, máscaras usadas no estreno "Os vellos non deben namorarse" e varios audiovisuais.
Coincidindo coa exposición presentouse unha sala permanente de obras de Castelao.




Máis información:

miércoles, 19 de mayo de 2010

Guerreiros de Terracota de Xian

Grupos de Flickr

Paseando polas fotos de Flickr deume por mirar nos grupos. Hai moitos que poden ser de utilidade nas clases de ciencias sociais. Aquí poño algúns dos que máis me chamararon a atención.

Patrimonio de Galicia
: 580 membros e máis de 10000 imaxes
"Sempre crin que somos produto da Historia, con maiúscula. Talvez non houbo elección ou tal vez si, pero estamos aquí, onde chegamos. Desde antes de Breogán, cada un de nós ama ou amou esta terra a súa maneira e esta terra ten hoxe este Grupo para devolver a Galicia, como o queira facer, o que ela lle prestou antes: parte da súa Historia."



Arquitectura contemporánea en Galicia
: 127 membros con 414 fotos
"Este é un grupo para fotos que mostren a arquitectura contemporánea en Galicia."


Caminhadas/caminatas/andainas: 338 membros e case 4000 fotos
"Este grupo abrange fotos de caminhadas ou fotos de lugares mais naturais ou rurais, aprazíveis, e onde se pode fazer uma caminhada. Pretende abranger Portugal e a Galiza (Galicia).
Pretende-se que sirva para documentar caminhadas e também para vermos dicas de lugares e trilhos interessantes para se fazer caminhadas."

jueves, 13 de mayo de 2010

XVIII xornadas pedagóxicas do Museo Provincial

XVIII XORNADAS PEDAGÓXICAS DO MUSEO PROVINCIAL DE LUGO
Museos: espazos para ensinar e aprender
Datas: 1, 2 e 3 de xuño de 2010
Lugar: Museo Provincial de Lugo, praza da Soidade, s/n, Lugo
Horas: 12
Organizan: Deputación de Lugo / Museo Provincial de Lugo / Departamentos de Didáctica e Comunicación e Xestión Cultural - Consellería de Educación e Ordenación Universitaria / Centro de Formación e Recursos de Lugo (CFR de Lugo)
Coordinación: Marta Arias López e Antonio Reigosa Carreiras
Participantes:
a.-Profesorado de educación infantil, primaria e secundaria (convocatoria do CFR de Lugo).
b.-Traballadores de museos e persoal de servizos culturais (20 prazas)
Inscricións: Departamento de Didáctica do Museo Provincial de Lugo. Tfno.: 982 242 112 / Fax: 982 240 240 / info@museolugo.org / www.museolugo.org

XUSTIFICACIÓN
O Museo Provincial de Lugo xunto cos outros museos da Rede Museística da Deputación de Lugo e o Centro de Formación e Recursos de Lugo (CFR de Lugo), dependente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, organizan estas XVIII Xornadas Pedagóxicas do Museo Provincial de Lugo co obxectivo de contribuír á formación permanente do profesorado que imparte ensinanzas de nivel non universitario e á dos traballadores dos departamentos de educación, didáctica, difusión e comunicación dos museos.
Procuramos a posta en común de ideas, o intercambio de experiencias, a reflexión sobre os procesos educativos, a dinamización pedagóxica, tanto nos centros educativos como nos museos, así como a difusión no ámbito escolar do patrimonio vencellado ao contorno.
Agardamos e desexamos que os distintos relatorios e obradoiros que propoñemos para esta edición baixo o título “Museos: espazos para ensinar e aprender” sexan do interese do profesorado e dos profesionais dos museos, que os coñecementos e propostas destes recoñecidos profesionais revertan en positivo nese proceso que ten como obxectivo final mellorar a atención ao alumnado e aos visitantes dos museos.

OBXECTIVOS
▪ Explorar e analizar as posibilidades didácticas dos recursos dos museos xestionados pola Rede Museística da Deputación de Lugo.
▪ Dar a coñecer ao profesorado estratexias de uso destes recursos.
▪ Fomentar o intercambio de experiencias entre o profesorado e os traballadores de museos.

CONTIDOS
▪ Fomento de actitudes de traballo con recursos dos museos.
▪ Información ao profesorado de cara a un mellor aproveitamento dos recursos didácticos existentes nos museos da Rede Museística da Deputación de Lugo.
▪ Contidos específicos das actividades didácticas que deseñan e programan o Departamento de Didáctica dos museos da Rede Museística da Deputación de Lugo e os doutros museos convidados a participar nestas xornadas.
▪ Propoñer a formación de grupos de traballo.

PROGRAMA
Martes, 1 de xuño de 2010
17:00 h. Entrega de documentación
17:10 h. Inauguración oficial
17:20 h. Presente e futuro do Museo Provincial de Lugo
Relatora: Aurelia Balseiro García, directora do Museo Provincial de Lugo.
18:30 h. Descanso
19:00 h. O teatro dentro do currículo educativo: Proceso creativo (Teoría e práctica)
Relatores: Alba Fernández, Paula Buján e Paloma Lugilde, de Palimoco Teatro.

Mércores, 2 de xuño de 2010
17:00 h. O Museo de Belas Artes da Coruña e a súa proposta educativa
Relator: Manuel Mosquera Cobián, responsable do Departamento de Difusión do Museo de Belas Artes da Coruña
18:00 h. Museos en-redados
Relatora: Encarna Lago González, xerente da Rede Museística da Deputación de Lugo
19:00 h. Descanso
19:30 h. A obra de Castelao. Óptimo instrumento didáctico interdisciplinar
Relatora: María Pilar García Negro, profesora da Universidade da Coruña (UDC) e comisaria da exposición Castelao. A derradeira lección do mestre

Xoves, 3 de xuño de 2010
17:00 h. Aprender nun museo
Relator: Pedro Lavado Paradinas, Xefe do Servizo de Educación e Difusión da Subdirección Xeral da Promoción das Belas Artes, Ministerio de Cultura
18:00 h. Descanso
18:30 h. Taller de maletas de materiais didácticos do Museo Provincial de Lugo
Relator: Pedro Lavado Paradinas, Xefe do Servizo de Educación e Difusión da Subdirección Xeral da Promoción das Belas Artes, Ministerio de Cultura
20:00 h. Presentación dos programas de actividades escolares dos museos da Rede Museística para o curso 2010-2011
Relatores: Persoal dos Departamentos de Didáctica do Museo Provincial de Lugo, Museo Etnográfico de San Paio de Narla, Museo Provincial do Mar e Pazo de Tor
20:30 h. Conclusións sobre as xornadas
Formación de grupos de traballo
21:00 h. Clausura
Agardo que sexa do voso interese.