viernes, 23 de diciembre de 2011

Bo Nadal


jueves, 22 de diciembre de 2011

Bo Nadal e feliz 2012

Bo Nadal e para este ano a piques de comezar esperemos acadar todo isto e moito máis:

Get Adobe Flash player

viernes, 2 de diciembre de 2011

Linguaxe non sexista

A continuación déixovos unha aplicación e webs que vos poden servir de axuda á hora de escribir para empregar unha linguaxe non sexista:
  • Exeria é unha aplicación lingüística que facilita a revisión lingüística de textos, ofrece alternativas para o uso de linguaxe non sexista, detecta os termos que poden ter unha utilización sexista e propón suxestións para a mellora destes usos posibilitando a elección aos mellores adecuados aos diferentes tipos de textos. (Información sacada da web)
  • Mulleres en Galicia
  • Guía rápida para unha linguxe non sexista, traducida ao galego por Olga Castro
  • Criterios de linguaxe non sexista (outubro de 2011)  é unha guía publicada polo O Servizo de Normalización Lingüística, en colaboración coa Oficina de Igualdade de Xénero  da que son coautores Manuel Bermúdez Blanco e Alba Cid Fernández da USC. Pódese  descargar en pdf.

sábado, 26 de noviembre de 2011

Curso: Elaboración de materiais didáctico dixitais para a ensinanza-aprendizaxe das ciencias sociais

Esta actividade desenvolverase no CFR de Lugo no primeiro trimestre de 2012. Está dirixida a profesorado de primaria e secundaria. Moodle será a plataforma que empregaremos e exploraremos todas as súas potencialidades didácticas. No seguinte cartel que seguirei actualizando podedes ver algunhos dos conceptos e ferramentas que traballaremos.

viernes, 25 de noviembre de 2011

Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

Co desexo de que cese xa a violencia, déixovos o seguinte vídeo: Canción "Maltrato" de Suspiros del Sur

martes, 1 de noviembre de 2011

Amelia Peláez, unha mirada en retrospectiva

Hoxe pola mañá fun ver na Fundación novacaixagalicia-CSM a exposición "Amelia Peláez, unha mirada en retrospectiva" na que podemos ver 65 obras (óleos, témperas, lápis e tinta sobre papel) procedentes do Museo de Belas Artes da Habana.
Amelia Peláez é autora de numerosas obras  líricas e está considerada coma unha das figuras máis representativas da pintura moderna cubana e unha das máis destacadas do continente.
Nesta exposición na que podemos ver 65 obras predominan as naturezas mortas, bodegóns crioulos e a figura da muller.
"No me interesa copiar el objeto. A veces me pregunto ¿para qué pintar naranjas de un verismo exterior? Lo que importa es la relación del motivo con uno mismo, con nuestra personalidad, y el poder que tiene el artista de organizar sus emociones. Esta es la razón por la cual rompí, deliberadamente con las apariencias. Una de las grandes adquisiciones de los artistas de hoy es haber encontrado la expresión por el color. Siguiendo este principio he dedicado todos mis mejores esfuerzos durante estos últimos años. Acostumbrada a expresar mis emociones valiéndome de la pintura, qué podría decir yo al público por medio de la palabra escrita a fin de hacerlo sentir, no comprender, desde luego, esta honda emoción, este choque de mi sensibilidad con el natural. Confieso que es dura la tarea, y que la obra realizada, el motivo plástico plasmado, resuelto en forma y color, debe responder ampliamente a todas las interrogantes que se formulen".
Amelia Peláez, 1936 
Ata o 8 de xaneiro podemos ver esta exposición e o Servizo Educativo desta Fundación convídanos a levar ao noso  alumnado e participar nas actividades educativas relacionadas con esta autora.

miércoles, 26 de octubre de 2011

Mulleres artistas

Mulleres artistas é un proxecto educativo pola igualdade de xénero elaborado polo grupo CREHA (Colectivo para la Renovación de los Estudios de Historia del Arte).
O estudo abarca diferentes terreos da Historia da Arte dende a Idade Media ata a Contemporánea contemplando a arquitectura, pintura e arqueoloxía industrial.
No proxecto plasman a biografía de 97 mulleres, unha clasificación por xéneros estilísticos, mulleres no cine e webs recomendadas.
Acompáñase o traballo de propostas didácticas e unha zona de información docente. 
Segundo o  equipo de traballo este proxecto "ten un plantexamento atendendo aos principios do traballo por competencias, multidisciplinar e concrétanse posibilidades de tarefas na aula dende diferentes áreas e materias".

miércoles, 5 de octubre de 2011

Día do docente

Visionando este vídeo, deséxovos un feliz día.

sábado, 1 de octubre de 2011

III Certamen Ouff Escola

O Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF) en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e a Concellaría de Normalización Lingüística do concello de Ourense convocaron o III Certamen OUFF Escola, que pretende fomentar a creatividade audiovisual e impulsar o uso do galego entre o alumnado escolar. A este certamen, dentro da categoría de ensino non universitario e entre os 41 presentados, dentro da provincia de Lugo preséntase o IES plurilingüe Fontem Albei  de A Fonsagrada coas obras Lid Dub, Biblioman e Lois Pereiro.
Como nesta III edición haberá un premio do público, anímovos a que vexades os vídeos e votedes facendo click no corazón LIKE (gústame).




domingo, 18 de septiembre de 2011

Actividades programadas para o curso 2011-2012

Comezado o novo curso escolar e aínda que con retraso aproveito para notificarvos algunhas das actividades programadas para o curso 2011-2012  que serán coordinadas pola asesoría Lingüística e Social do CFR de Lugo.
Curso: L1101021 Competencia comunicativa e competencia dixital nas áreas de lingua.
Esta actividade desenvolverase no CFR de Lugo dentro do primeiro trimestre.
Recordade que o 22 de setembro remata o prazo para facer a inscrición.
Pulsa para obter máis información sobre a  descrición da actividade.


Obxectivos
1.Contribuír a desenvolver a competencia dixital na área de lingua e literatura.
2.Elaborar materiais didácticos nas, clases de lingua e literatura, aproveitando as posibilidades que ofrecen as TIC.Desenvolver a
3.Valorar e avaliar a repercusión das TIC no desenvolvemento da competencia comunicativa.
Contidos
1.A competencia en comunicación lingüística e a súa relación coas TIC
2.Análise de distintas ferramentas de creación de contidos educativos na rede.
3.Deseño e elaboración de actividades baseadas na rede: usos e aplicación na aula.
4.Uso didáctico das ferramentas da web 2.0. As redes sociais
O curso estará encamiñado a conseguir os obxectivos fixados completándose a teoría coa práctica.

Curso: "Elaboración de materiais didácticos dixitais para a ensinanza-aprendizaxe das ciencias sociais".  Un obxectivo é actualizar ao profesorado abordando contidos e elaborando materiais didácticos dixitais utilizando a plataforma Moodle e abordando os principais recursos que nos ofrece a plataforma e o manexo de ferramentas multimedia. Completarase con experiencias didácticas e exposición de recursos on line.
O curso será eminentemente práctico no que cada asistente dispoñerá dun ordenador e desenvolverase no primeiro trimestre do 2012 no CFR de Lugo
Pulsa para obter máis información sobre a descrición da actividade.

martes, 23 de agosto de 2011

Falecemento de Juan Diego Caballero

A piques de rematar as vacacións, despois de estar varios días sen revisar o correo, a través dunha mensaxe enviada por Diego Sobrino a todos os que somos membros de CLIO EN RED entérome do falecemento de Juan Diego Caballero (catedrático de Xeografía e Historia do IES Néstor Almendros e autor, entre outros recursos, do blog Enseñ-arte).
Dende fai longo tempo veño apreciando e seguindo o seu gran facer e nun dos primeiros artigos deste blog, concretamente publicado o 1 de xullo do 2008, fixen referencia ao traballo desenvolvido por Juan Diego Caballero cunha entrada co título Enseñ-arte.
Lamentando a súa perda só queda decir que permanecerá no noso recordo.

jueves, 4 de agosto de 2011

Easy Notecards

Easy Notecards permítenos crear e compartir fichas de estudo. O manexo é moi sinxelo. Unha vez creada a conta pulsamos no botón "create notecards" e xa podemos cubrir un formulario dividido en dúas zonas:
  1. Unha cabezeira onde poñemos o título e descrición do conxunto de fichas e, se imos resumir un libro, tamén podemos poñer o ISBN e o capítulo. Tamén se pode especificar o nivel educativo ao que están destinadas as fichas.
  2. Para cada ficha cúbrense dúas casillas. Na esquerda escríbese o título e na dereita o resume dos datos. No título tamén se pode poñer unha imaxe.

Fixen estas fichas para resumir os servizos de almacenamento de arquivos que ofrece a web 2.0. Boto de menos a existencia dun gadget que permita colocar as fichas no blog e a posibilidade de poñer vínculos. Tamén me gustaría compartir a edición das fichas.
O programa da a posibilidade de crear un test partindo das fichas. só hai que pulsar no botón "take quiz" cando estamos vendo as fichas. Como exemplo podedes ver o dos presidentes de Estados Unidos (que poquiños acerto).

jueves, 28 de julio de 2011

YTTM.tv

Na páxina YTTM pódense ver algúns vídeos de Youtube clasificados por anos. Mediante unha liña do tempo seleccionamos un ano entre 1860 e 2011 e o programa móstranos vídeos sobre acontecementos ocurridos ese ano. Tamén se poden filtrar por tema: acontecementos, musicais, películas, deportes, televisión... A maioría dos vídeos están en inglés.
Na parte inferior da páxina hai un botón "add video" co que se poden propoñer vídeos para engadir á colección. Primeiro ponse o enderezo e, se aínda non está, hai que cubrir unha ficha co ano, país, tema e os datos da persoa que o propón. Hai unhas indicacións sobre as características que deben ter os vídeos para poder estar na páxina. Eu propuxen dous, un sobre o Guernica e un documental de Artehistoria sobre a guerra civil.

domingo, 17 de julio de 2011

Rooted


Visto en Crea e aprende con Laura

jueves, 14 de julio de 2011

SpiderScribe

Descubrín esta ferramenta no blog de Celestino Arteta. Con ela pódense crear mapas mentais nos que se inclúen textos, imaxes, arquivos adxuntos e mapas.
Para crear un elemento basta arrastrar o icono do tipo desexado dende a parte esquerda. Para conectar dous nodos hai que trazar unha liña dende o centro da parte inferior do pai ata o fillo.
Pódese invitar a outras persoas a ver e modificar o mapa. Tamén se poden publicar na web.
A ferramenta é moi fácil de usar. É intuitiva e razonablemente rápida. Ideal para utilizar nas aulas.

martes, 5 de julio de 2011

Talleres en Aulablog 2011

Hoxe o traballo non me deixou seguir a xornada en Aulablog 11. Soamente puden escoitar a mesa de principiantes na que se presentaron varios blogs magníficos. Chamoume a atención que tres das catro participantes na mesa fosen profesoras de lingua española. Lengüetrazos (Inés Andrés), Llueve en la Arcadia (Begoña Roldán) e El laurel de apoyo (Laura Serrano) son tres blogs que non debe perder de vista o profesorado desta materia.

Mentres escoitaba a mesa estiven buscando información sobre algún dos talleres que se desenvolveron durante toda a xornada. En particular interesábame o de emotionware de Isabel Ruíz, do que non atopei ningún material. Se podedes mandarme algunha referencia agradécese.
Si atopei unha magnífica páxina co taller de ID e redes sociais impartido por Victor Cuevas e Antonio Omatos. Con esto xa teño lectura para a próxima tarde libre. A recompilación de casos reais e unha boa fonte para buscar exemplos cos que abrir debates sobre a rede.
O terceiro taller no que tiña interese é Traballo colaborativo na aula de Ángeles Araguz, do que collín a seguinte presentación:
Tamén vin unha ferramenta para explorar, que quizais inclúa no curso de web 2.0 nas ciencias sociais que estou preparando: VoiceThread.

lunes, 4 de julio de 2011

Proxectos colaborativos en Aulablog 2011

Estiven vendo a retransmisión da primeira xornada do VI Encuentro Aulablog.
Na última sesión, dedicada aos proxectos colaborativos, coñecín dous traballos relacionados coas ciencias sociais pola temática ou polas ferramentas empregadas.

Callejeros literarios é un proxecto que partíu desde catro blogs do ámbito lingüístico: A pie de aula, Blogge@ando, Re(paso) de lengua e Tres Tizas. O obxectivo é crear un rueiro utilizando Google Maps no que aparezan os nomes das rúas con nomes de escritores.
Durante o curso 2010/11 participaron 29 centros de 12 comunidades. En Galicia temos o rueiro de Monforte de Lemos creado polo alumnado do curso 1º C do IES Río Cabe. Non é un proxecto de ciencias sociais pero a idea e a metodoloxía empregada poden aplicarse nas nosas materias.

Nuestros pueblos parte dunha proposta de Gregorio Toribio que busca a colaboración do profesorado e alumnado de distintas localidades para que dende cada unha den a coñecer o seu pobo. Fíxose no primeiro e segundo ciclo de primaria realizando unha tarefa cada semana relacionada co pobo: un debuxo, unha redacción, a gravación dun vídeo simulando unha entrevista sobre o pobo, recompilación de recetas de cociña tradicionais, busca de cancións tradicionais, fotografías, fichas sobre os xogos tradicionais. Para rematar crearon un póster coa información recollida.

A sesión completouse con outros tres proxectos tamén moi interesantes:
  • El kiosko de chuches 2.0, unha busca de ferramentas que se podem empregar sen necesidade de rexistro. Neste momento hai 4 coa etiqueta historia.
  • idDigital y redes, para traballar a identidade dixital en secundaria.
  • Poesía eres tu, poemario colectivo no que se recollen lecturas de poemas grabadas polo alumnado dos centros participantes.
Durante a tarde tamén coñecín a ferramenta Personal Brain, un xestor de ideas utilizado por Francis Pisani na conferencia inaugural, dedicada á innovación.

martes, 28 de junio de 2011

Como os medios sociais poden facer historia

Neste vídeo Clay Shirky analiza a forma en que as redes sociais inflúen no control da información por parte dos gobernos. Interesante análise sobre os medios de comunicación e como coas redes temos por primeira vez un medio bo para manter conversacións e grupos.

viernes, 24 de junio de 2011

Your Paintings

A través de Wwwhat's new entérome do proxecto Your Paintings co que a BBC, en colaboración con galerías e coleccionistas privados, pretende dixitalizar todos os cadros do Reino Unido. Neste momento hai case 63000 obras e, segundo a gráfica que pode verse na páxina, queren chegar ás 200000.
Os cadros están clasificados por título, autor e galería. Tamén hai un buscador que utiliza os tag con que están etiquetados os contidos da obra. Neste etiquetado poden participar os usuarios e usuarias das páxinas.
Como complemento hai unha serie de vídeos onde persoas críticas de arte e persoal historiador inglés fai recorridos temáticos a través das pinturas da páxina: mitos e monstruos sobre a forma en que os artistas e as artistas interpretan os mitos gregos e romanos, el arte de la guerra, Shakespeare, el arte del romance...

jueves, 16 de junio de 2011

MMXI Arde Lvcvs

Vn ano máis, anvnciando o fin de cvrso, chega o décimo Arde Lvcvus. A partir do vindeiro venres e ata o domingo teremos ovtra vez as rvas de Lvgo cheas de celtas e romanos. Ademáis este ano estrea o título de Festa de Interese Tvrístico Galego.
Pola mañá recibín vn correo dvn noso compañeiro comentándome qve está moi ocvpado cos preparativos. Eu non tiven tempo de preparar o traxe de romana, pero consvltando o programa estov disposta, entre ovtras, a visitar o macellvm, o castrvm e o campamento de forxadores.
Ave arde!!!
Ave Lvcvs!!!
Arde Lvcvs!!!

sábado, 11 de junio de 2011

Free rice 2.0

Free rice é un xogo de vocabulario creado polo Programa Mundial de Alimentos das Nacións Unidas e traducido ao castelán polo Instituto Cervantes de Nueva York.
Visualmente non ten nada novo: na pantalla vemos unha pregunta tipo test con catro opcións a elixir. A medida que imos acertando preguntas subimos o nivel e vanse facendo máis difíciles.
A novidade do xogo é que por cada pregunta acertada os patrocinadores que se anuncian no sitio donan 10 graos de arroz. A versión en inglés do xogo recibe uns 40000 usuarios diarios, que contribuíron á recaudar máis de mil millóns de graos de arroz.
Ademáis de vocabulario, o xogo ten preguntas sobre temas de interese nas ciencias sociais: adiviñar o autor de obras de arte, o nome dos países que aparecen situados nun mapa e as capitais dos países.
Esperemos que a versión en castelán teña o mesmo éxito ca inglesa.

sábado, 28 de mayo de 2011

Traballando as eleccións municipais na web 2.0

Boa idea a de Rafa Martín Aguilera para estudiar as propostas políticas en 5º de educación primaria. O alumnado divídese en grupos para facer carteis nos que recollen datos dos partidos que se presentan nas súas localidades: nome, siglas, anagrama e web do partido, candidatos e candidatas, eslogan e propostas.
Estes carteis deben colocarse nunha wiki, aínda que de momento só hai tres (PP de Pinto, PSOE de Parla e UPYD de Parla). Non sei se houbo algún problema na realización da tarefa ou se os irán colocando nos vindeiros días.

miércoles, 18 de mayo de 2011

Mapa do terremoto de Lorca

A través de Twitter chego a este mapa en ikiMap creado por RTBest a partir dunha infografía do xornal El País sobre o terremoto do día 11.


Máis información sobre o terremoto:
(Artigo recuperado por blogger despois da súa avería)

martes, 10 de mayo de 2011

Cursos do Instituto Xeográfico Nacional

Un ano máis o Instituto Xeográfico Nacional convoca tres cursos online gratuítos:
  • Cartografía Temática (básico-medio)
  • Infraestructura de Datos Espaciais
  • Sistemas de Información Xeográfica
Os tres cursos son de 40 horas e desenvolveranse entre o 25 de maio e o 1 de xullo.
O prazo de inscrición vai estar aberto entre o 12 e o 15 de maio e o sorteo de prazas será o 18 de maio.
Por terceiro ano voume anotar no de Sistemas de Información Xeográfica, a ver se esta vez teño máis sorte. En calquera caso é unha boa disculpa para visitar os proxectos didácticos e recursos do IGN.

miércoles, 4 de mayo de 2011

Patrimonio galego

Entérome en Código cero da formación dun grupo de traballo que ten o obxectivo de inventariar o patrimonio cultural galego, creando a páxina web patrimoniogalego.net onde van recoller datos dos bens culturais galegos: tipo de ben, situación, época, propiedade, estado de conservación, referencias bibliográficas... Poden verse algunhas fichas de exemplo do traballo a realizar, por exemplo ésta do mosteiro de Corenza, na comarca de Noia.
De momento a páxina está en probas, con vistas a comezar despois das Letras Galegas. Parece que vai ter catro apartados:
  • Proxecto e equipo, onde explican as características do proxecto e a forma de colaborar.
  • Que debes saber sobre o patrimonio, queconterá lexislación, enlaces a asociacións de defensa do patrimonio e como denunciar unha agresión.
  • O catálogo social do patrimonio, onde se poden facer buscas por tipo de ben, concello, época e camiño para chegar ao ben.
  • A lista vermella, que non teño claro que vai conter. Supoño que un catálogo dos bens en estado de conservación crítico.
Desde a páxina pídennos a colaboración para participar no proxecto. Sobre todo necesitan catalogadores cos que podan cubrir todas as comarcas de Galicia. De momento non teñen aberto o formulario para apuntarse así que este més haberá que seguir as noticias do proxecto na súa páxina de Facebook.
Desexámoslles que pronto teñan o catálogo cheo de lugares.

miércoles, 27 de abril de 2011

O Segrel do Penedo

O pasado sábado 23 de abril, coincidindo co Día do Libro, cumplíu catro anos O Segrel do Penedo, o blog da biblioteca do IES de Fene. E para celebralo regálannos unha base de datos de recursos feita en Moodle que nos animan a utilizar e tamén a que participemos nela enchéndoa de contido.
A base de datos está elaborada seguindo a CDU (Clasificación Decimal Universal). Co código 3 atopamos ciencias sociais, cos apartados de economía, etnografía e turismo, no 9 xeografía, e historia e no 7 arte, acompañado de música, deportes, espectáculos e unha espectacular base de cine con guías didácticas de varias das películas catalogadas.
Noraboa ao IES de Fene polo bo traballo realizado. Espero que segan facéndonos estes regalos durante moitos anos.

sábado, 23 de abril de 2011

Día Mundial do Libro

Como este ano o Día do Libro caíu en periodo vacacional hai menos actividade nos blogs dos centros educativos que en cursos anteriores. Por eso destaca máis este impresionante Día del libro en el S.XXI, de La Tribu 2.0, onde nos invitan a facer da celebración deste día unha aventura TIC do século XXI.
Nesta primeira visita ao blog quédome coas contribucións ao poemario colectivo Poesía, eres tú, anoto a ferramenta aMap na cola de "para cando teña tempo" e quedo lendo o relato La escuela de entonces:
E, facendo caso ao que propoñen na cabeceira do blog, voltarei dentro dun ou dous días.

viernes, 22 de abril de 2011

Día Mundial da Terra

Que hoxe e todos os días celebremos o Día Mundial da Terra.

domingo, 10 de abril de 2011

Zen.do

Estou probando esta ferramenta que vin en wwwhat's news. O nome da ferramenta procede da palabra xaponesa zendo, que significa "sala de meditación". Permite escribir un texto ao tempo que se van sinalando os puntos máis importante co fin de crear un resume.
Para entrar permite crear unha conta ou identificarse co correo Gmail ou o usuario de Facebook.
Segundo imos escribindo o texto podemos marcar a casilla dos cadriños que van aparecendo na parte dereita para engadir o párrafo ao resume.

Unha vez rematado o texto permite facer unha autoavaliación mediante un test no que van aparecendo os textos recollidos no resume, aos que hai que contestar elixindo catro opcións: seino (got it!), un pouco (kinda), apenas (barely) e nin idea (no clue).

De momento a ferramenta paréceme bastante limitada:
  • ao resume hai que mandar párrafos completos.
  • o texto hai que escribilo a man por que o resumo hai que facelo mentres se escribe. Non se pode pegar un texto que xa teñamos para poder resumilo seleccionando os párrafos que nos interesen.
  • non vexo ferramentas para compartir os resumes.
Déixovos co vídeo de axuda do programa:

martes, 5 de abril de 2011

Human Planet

Pasáronme o trailer desta serie e aínda estou alucinando coas imaxes. Trátase dunha serie da BBC na que se poden ver diversos aspectos da loita do home pola supervivencia en diversos lugares do planeta.
Na web da serie recóllense imaxes da vida en desertos, xunglas, cidades e océanos. É unha pena que os vídeos estean restrinxidos nesta zona.
Non sei cando poderá verse en Galicia. De momento hai que conformarse co trailer.
Incrústoo no blog, pero é mellor que o poñas a pantalla completa.

miércoles, 30 de marzo de 2011

ExeLearning

Estou probando ExeLearning, un proxecto financiado polo goberno de Nova Zelanda e coordinado pola Universidade Tecnolóxica de Auckland eTairawhiti Polytechnic. ExeLearning é unha aplicación que permite construír contidos web didácticos mediante imaxes, audios, video, presentacións, flahs, etc. así como actividades interactivas. O programa facilita unha serie de ¡Devices (instrumentos didácticos nos que se poden introducir contidos e actividades concretas que usará o alumnado).
O traballo creado pódese exportar como páxina web á paquetes de contidos SCORM ou IMS e tamén utilizar na plataforma Moodle sendo compatible para traballar en Linux, Windows e Mac.
Co editor XHTML permite construír contidos web con menús dinámicos que aseguran unha navegación sinxela e intuitiva a partir de elementos simples: documentos de texto, PDF, artigos wiki, actividades de avaliación, etc.
O Departamento de Linguaxe e Sistemas Informáticos da Universidade de Alicante creou unha páxina sobre eXeLearning en español onde se pode atopar información sobre esta aplicación.
As prácticas de crear páxinas e actividades resultoume fácil e intuitivo. Algo interesante que hai que resaltar é que non se necesita conexión a internet para traballar nesta aplicación. Podemos modificar inmediatamente os contido e facer aportacións no mesmo documento facilitando a interactividade.
Na seguinte presentación (a modo de proba) puxen algún exemplo das páxinas creadas.


viernes, 25 de marzo de 2011

A hora do planeta

Por quinto ano (terceiro en España) celébrase a hora do planeta, unha xornada de movilización contra o cambio climático. Participar costa ben pouco: hai que apagar as luces durante unha hora o sábado 26 de marzo entre as 20:30 e as 21:30 h. Anímaste a apagar a túa lámpada?

miércoles, 23 de marzo de 2011

Día Meteorolóxico Mundial 2011. O clima e ti

Hoxe, 23 de febreiro de 2011, celébrase o Día Meteorolóxico Mundial 2011. O póster oficial presentado pola Organización Mundial da Meteoroloxía (OMM) leva por lema " O clima e ti" para informarnos de que o 23 de marzo de 1950 entrou en vigor un convenio pola que se creou dita organización co fin de contribuir a seguridade das persoas, ao seu benestar, etc. ofrecendo información continuada sobre o tempo, os océanos, o medio ambiente, os perigos naturais e os beneficios sociais e económicos derivados das investigaciós. A OMM ten máis de 10.000 estacións terrestres, 1.000 buques no mar e 66 satélites en órbita.
Con motivo deste día en Xinebra celébrase o Blue Art for Climate, dirixido pola pintora Laurence Longueville. A idea é que se visionen os videos e logo tratar de pintar ou debuxar algo inspirándose nas imáxes que nos proporcionan ditos videos.
Máis información:
Videos divulgativos:Fonte e máis información: La Voz de Galicia

jueves, 17 de marzo de 2011

VI Seminario de dinamización lingüística no ensino

Amplíouse o prazo de inscrición na actividade VI Seminario de dinamización lingüística no ensino que se desenvolverá durante os días 4, 5, 6, 7 e 8 de abril en horario de 18:00 h a 21:00 h no CFR de Lugo.
A organización desta actividade corre a cargo da Secretaría Xeral de Política Lingüistica en colaboración coa Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa e o CFR de Lugo.
A duración total é de 15 horas contando cun amplio e variado persoal relator.
A continuación podedes acceder á información e ao programa detallado elaborado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

martes, 15 de marzo de 2011

Lipdub no IES Fontem Albei

O IES Fontem Albei de A Fonsagrada acaba de publicar no blogue da súa biblioteca Afonsa le e conta o seu primeiro Lipdub . Está elaborado polo Equipo de Dinamización da Biblioteca en colaboración co alumnado e profesorado do centro na que narran unha historia: "Un libro esquecido enriba dun contenedor de lixo, despois de ser atopado por unha persoa, inicia un periplo viaxeiro polas distintas dependencias do centro ata chegar á Biblioteca, o seu sitio natural. De paso repasamos a C.D.U (Clasificación Decimal Universal) asociando imaxes, números e cores, o que se chama formación de usuarios".
¡Parabéns polo bo traballo!

miércoles, 9 de marzo de 2011

Libertexto

Estou probando esta extensión do Mozilla Firefox. Permite traballar sobre unha páxina web subliñando textos e facendo anotacións. Cada texto marcado pode completarse con etiquetas, comentarios, unha imaxe, o enderezo dunha páxina web... Cos textos marcados fai un esquema que se pode exportar como mapa mental para editar co Freemind ou como páxina web.
O programa pode descargarse en dúas versións: para páxinas web ou para páxinas web e arquivos PDF.
Está creado por un grupo de profesores universitarios españois dirixidos por Rafael Ibáñez.
Cun pouco de práctica no manexo pode ser unha ferramenta de moita axuda á hora de preparar escritos documentados en páxinas web.

Libertexto_tutorial from Libertexto on Vimeo

martes, 8 de marzo de 2011

Dia da Muller Traballadora 2011

Xa pasaron 101 anos desde que no 1911 comezou a celebrarse este día e segue sendo necesario, como se pode comprobar na mesa redonda Muller e traballo: un binomio necesario organizada polo xornal Diario Sur no que se analizan diversos aspectos da vida familiar e laboral das mulleres e o seu papel na política. Quédome con esta frase de Natalia Sánchez, representante da Confederación de Empresarios de Málaga, que fai pensar no futuro con optimismo: "Hai moitas mulleres que están optando a crear o seu propio emprego e se o motivo é a necesidade, ¡bendita necesidade!, porque está axudando á muller a que se poña en xogo."

lunes, 28 de febrero de 2011

A xestión administrativa e académica da titoría con XADE

O día 1 de marzo de 2011 remata o prazo para facer a inscrición na actividade A xestión adminsitrativa e académica da titoría con XADE.
Esta actividade desenvolverase no terceiro trimestre dentro das actividades convocadas dentro do Plan de formación do profesorado no CFR de Lugo e ten unha duración de 15 horas.
Podedes ver o borrador do programa pulsandono ligazón ou na imaxe da dereita.
(Imaxe baixada de internet con finalidade educativa)

viernes, 25 de febrero de 2011

Sociais 2.0 Deseñar tarefas para desenvolver competencias na rede

Xa case levamos a metade das 13 sesións desta actividade. Durante tres sesións, co relator Marco Antonio López Grande, aprendemos a crear un blog, configuralo, modificar o deseño, moderar comentarios e crear e subir diferentes tipos de materiais. Traballouse tamén o tratamento de imaxes, realización de presentacións, aloxamento, creación e modificación de video, realización de esquemas e mapas conceptuais, etc.
A última sesión foi adicada á presentación de experiencias do blog como recurso educativo. José Antonio García González e José Antonio Martínez García comentáronnos todo o traballo desenvolvido cos seus respectivos blogs (un referente para o profesorado de ciencias Sociais) O blog de Xosé Antón e Iniciarte.
Agardamos as dúas vindeiras sesións nas que María Pilar Romero Martínez (Instituto Galego de Estatística) expoñerá e traballararemos con moitos dos excelentes recursos deste portal.

sábado, 12 de febrero de 2011

Lucía Pérez de O Incio camiño a Eurovisión

Moita sorte, Lucía

jueves, 10 de febrero de 2011

Embedit.in

Na segunda sesión do curso Sociais 2.0 Deseñar tarefas para desenvolver competencias na rede os relatores Manuel López Méndez e Daniel Veiga Martínez acercaronnos a todas as potencialidades de Google Docs. Tamén nos presentaron Embedit.in, unha ferramenta interesante para subir documentos.
Embedit.in é unha aplicación de Increo, creadores de Backboard, que nos permite subir diferentes tipos de arquivos (documentos, de textos, imaxes, páxinas web,etc.) á nosa web ou blog e poden ser visualizadas mediante o reproductor flash de Embedit.in.
Os pasos as eguir son moi sinxelos: seleccionar o arquivo ou páxina web, subilo e copiar o código no sitio web.
Os tipos de arquivos que nos permiten subir son:
  • Documentos: doc, docx, xls, xlsx, ppt, pptx, pdf, wpd, odt, ods, odp
  • Imaxes: png, jpg, gif, tiff, psd, bmp, eps, ai
  • Textos: txt, rtf, csv
A modo de exemplo subo o programa da actividade:

martes, 8 de febrero de 2011

Simplebooklet

Estiven probando a ferramenta Simplebooklet que vin no blogue de Celestino Arteta. Permítenos crear folletos ou libros dixitais nos que podemos escribir textos, subir imaxes, meter videos, etc. Logo xenera un código que podemos embeber na nosa web ou blog.
Atopei un pequeno problema ao inserir o código se modificaba as dimensións do folleto unha vez feitas todas as páxinas xa que non se axustaba ao tamaño que eu necesitaba. Pódense axustar as dimensións pulsando ao comezo na esquerda Table of contents e logo en Dashboard no lapis onde se abre nunha xanela e podemos poñer o título, autor, descrición e público ou privado

martes, 1 de febrero de 2011

Art Project

A páxina de Google sorprendeume hoxe co anuncio "Explora museos de todo o mundo. Descubre o Art Project coa tecnoloxía de Google". Así que lanceime a exploralo e non dou parado.
Pódese pasear polas salas de 17 museos, entre eles o Thyssen-Bornemisza e o Reina Sofía usando os controis de movemento e o zoom do Google Earth. Pulsando no signo + que aparece ao lado dalgunha das obras ou seleccionado o título no desplegable da parte superior podemos ver o cadro en alta resolución, cun zoom que nos permite fixarnos nos detalles.
Pulsando no botón cunha i que hai na parte superior dereita dános información do cadro, o autor, enlaces a vídeos relacionados, outra obras, etc.
O botón Visitor guide lévanos a un vídeo que amosa o funcionamento da páxina e unha lista das preguntas máis correntes.
Agora vou seguir visitando o Palacio de Versalles. Déixovos cunhas preguntas: de que cadro é esta imaxe? en que museo está?


domingo, 30 de enero de 2011

Barxa

O sábado pasei por esta aldea facendo a ruta Froxán - Barxa do Lor organizada polo clube Acivro. Está no concello da Póboa de Brollón.
Non atopei moita información sobre ela. Soamente que no ano 2007 tiña dous habitantes, un home e unha muller.
Supoño que foi unha bonita aldea, cuns espectaculares balcóns enriba do río Lor, que medrou ao carón da ferrería de Barxa, unha das máis importantes que houbo no Courel para traballar o ferro. Ao pechar a ferrería a xente da aldea quedou sen traballo e tivo que emigrar.
Hoxe quedan as casas derruídas, coma no cadro de Urbano Lugrís, Lembrando mellores tempos.
A música da presentación é Lament, de Davy Spillane.

Barxa on PhotoPeach

martes, 25 de enero de 2011

También la lluvia

Onte fun ver a película También la lluvia e aproveito para poñer o trailer e a entrevista feita por TVE á profesora Conchita López e ao alumnado de 6º de educación primaria do colexio Virgen de Belén de Jacarrilla polo traballo desenvolvido en torno a este film (elaboración dun blog colaborativo aberto no mes de outubro, Nueva expedición de Colón, onde profesorado e alumnado amosa a súa particular visión arredor do descubrimento de América e o que representou para o mundo mediante spots en 3D, escritura creativa con fotos da película, microrrelatos, retratos, cómics, videos, presentacións, relatos...).





Neste proxecto participaron 18 cidades españolas e o responsable é un personaxe ficticio "dona Díriga" que enreda pola rede.
Dentro do blog educativo También la lluvia , no que se pode participar como coautor ou coautora ou cos nosos comentarios, aporta artigos relacionados coa temática, enlace a un Caderno pedagóxico que se pode descargar en pdf aportando información sobre o contexto histórico, datos de Cristóbal Colón, Frei Antonio Montesinos e Frei Bartolomé de las Casas, Bolivia e a guerra da auga (resumo da guerra, loita das mulleres). Cada artigo vai acompañado dunha proposta de actividades conexionando os textos e a película.
Nota: Imaxe da web oficial e información das páxinas citadas.

sábado, 22 de enero de 2011

Uso das redes sociais en España

A axencia de publicidade 101.es publicou en marzo un vídeo mostrando datos sobre o emprego das redes sociais. Fai uns días actualizaron o vídeo modificando os datos.
Algunhas cifras que poden darnos unha idea do avance das redes sociais:
  • No 2010 Facebook era a 6ª páxina máis visitada con 275 millóns de usuarios. Hoxe é a 2ª con máis de 400 millóns.
  • O tempo que se pasa en internet nas redes sociais aumentou do 10% ao 22%.
  • A Galipedia pasou de 55000 artigos a 65253. No momento que escribo este artigo xa ten 67158.
  • En canto ao tempo dirio dedicado ás redes sociais en España, Tuenti aumentou 9 minutos e Facebook disminuiu 8.
  • Zara pasou de ter 1,7 millóns de seguidores en Facebook a máis de 7 millóns
Aquí podedes ver os dous vídeos

Uso das redes sociais en España 2011


Uso das redes sociais en España 2010

sábado, 15 de enero de 2011

Obsolescencia programada

Vin este vídeo en tecnoloxia.org. Trata dos esforzos da industria para reducir a vida útil dos productos que fabrica, desde o acordo dos fabricantes de bombillas dos anos 20 do século XX para limitar o número de horas de funcionamento ata as limitacións dos productos informáticos actuais como os chips con contadores para que as impresoras deixen de funcionar tras un número de copias.
As imaxes de Ghana convertida en almacén de residuos tecnolóxicos son impresionantes.
No vídeo tamén fala do concepto de decrecimento e de asociacións como Doors of perception que loitan contra esta tendencia da industria.

martes, 11 de enero de 2011

Monet


Acabo de descubrir a páxina web da exposición Monet organizada por Galeries Nationales en París aínda que esta exposición leva case catro meses aberta e está a punto de rematar.
A páxina é impresionante a pesar da súa lentitude, que convirte o cambio entre dúas seccións nunha tarefa desesperante.

Na galería podemos ver as obras expostas nunha liña do tempo, na que tamén aparecen informacións sobre a vida de Monet. Pulsando nunha das obras vémola máis grande cunha breve descrición. Pulsando outra vez na imaxe danos a opción de vela en alta resolución, ampliando algunha zona para poder ver os seus detalles. A carga destas imaxes de alta resolución é moi lenta.
Hai outras dúas formas de explorar a galería: buscando o título da obra, mediante un listado das pinturas en orde alfabético, ao que se accede pulsando o botón "Todos os cadros" ou cunha clasificación temática que divide a exposición en tres bloques: "Monet e a nación", "Figuras e bodegóns" e "Soños e reflexións".

Na viaxe podemos dar un paseo a través de varios dos cadros mediante unha presentación interactiva. Non engade ningunha información á galería, pero é espectacular e anima a facer un curso de Flash.

No vídeo pódese ver a noticia da expoxición na axencia EFE:

jueves, 6 de enero de 2011

Rubens 360º

Na páxina do Museo do Prado podemos ver un vídeo interactivo sobre a exposición de Rubens. Situando o cursor sobre o vídeo aparecen iconos que nos indican que hai material relacionado. Pulsando sobre estas iconas accedemos aos distintos recursos.
Os materiais enlazados son de tres tipos, indicados pola icona que aparece sobre o vídeo:
  • Imaxes de alta resolución dos cadros xunto con fichas das obras.
  • Imaxes de alta resolución con audioguía e ficha.
  • Vídeos con comentarios.
Este é o vídeo que serve de base aínda que aquí non ten a capa de contidos interactivos.


Tamén pódese ver un resumo do documental Rubens, o espectáculo da vida (unha biografía coproducida polo Museo) nas súas salas os sábados ás 12 h e os domingos ás 17 mentras dura a exposición.

Se queres ver esta exposición hai que apurar: pecha o 23 de xaneiro.

lunes, 3 de enero de 2011

Scribble Maps

Scribble Maps é unha ferramenta que permite editar sobre os mapas de Google Maps engadindo textos, marcas, liñas, áreas e imaxes. Tamén ten ferramentas para calcular distancias sobre o mapa.
Pode importar datos desde arquivos en formatos xls, kmz e shp. O mapa do exemplo está creado a partir dunha folla de cálculo descargada da páxina do Instituto Galego de Estatística con datos dos concellos de Lugo, entre eles a idade media da poboación.
Os mapas creados poden gardarse como imaxe jpg ou nos formatos kml e gpx.
É unha ferramenta cartográfica moi completa. O maior problema que ten é a lentitude para entrar na páxina.






Agardo que sexa do voso interese.