domingo, 24 de octubre de 2010

Os tellados da Catedral de Santiago

Os dous últimos sábados estiven colaborando nas xornadas "Os camiños de Santiago como recurso didáctico".
Para rematar a actividade fixemos unha visita ás cubertas da Catedral. Desde alí pode verse como foi evolucionando a construción pasando por diversos estilos: románico, gótico, renacentista e barroco. Tamén poden contemplarse de xeito distinto outros edificios e rúas de Santiago.
Podedes ver información sobre as cubertas na páxina: http://www.catedraldesantiago.es
Deixo algunhas das fotos que sacamos. A ameaza de chuvia fíxonos temer que non poderíamos subir, pero hoube sorte e tal como nos repetía a coordinadora María Paz Gago, ata o remato non caeu nen unha pinga.
Unha visita recomendable.

viernes, 15 de octubre de 2010

Libro colaborativo LIM

No blog Actividades LIM propóñennos participar na construción colaborativa de unidades didácticas utilizando o programa LIM, creado por Fran Macías. Estas unidades publicaranse cunha licenza Creative Commons.
Pode facerse en calquera momento do curso, creando unidades didácticas apropiadas para a época: O Samaín, O Outono, Os Dereitos Humáns, O Día da Paz, Día da Muller Traballadora, A Semana da Prensa, O Día do Libro, Día Mundial da Saúde, Galicia, Europa, As Letras Galegas, Día Mundial do Medio Ambiente... As propostas para O Samaín deben entregarse antes do 25 de outubro e as dos dereitos humáns antes do 29 de novembro.
A organización deixa aberta a posibilidade de que propoñamos máis temas.
As actividades que se entreguen antes das datas propostas formarán parte do libro que se publicará en Actividades LIM, coa posibilidade de descargalo para usar sen conexión a internet.
Na seguinte presentación pode verse como participar. Animádevos!!!

jueves, 14 de octubre de 2010

Curso: Elaboración de materiais didácticos dixitais para a ensinanza-aprendizaxe das ciencias sociais

Hoxe, no CFR de Lugo, comezamos o curso: "Elaboración de materiais didácticos dixitais para a ensinanza-aprendizaxe das ciencias sociais" o cal desenvolverase ata o día 1 de decembro.
O relator Dn. Marco Antonio López Grande, profesor de ensino secundario e gran experto en tic, abordou neste primeiro achegamento moitas e variadas posibilidades didácticas desta plataforma. Todo o profesorado traballou sen descanso e froito desa labor o curso creado para prácticas xa ten un abundante material. Desde aquí agradezo o seu interese.
Tamén quero agradecer a labor de Dn. José Luís Barreiro e todo o equipo de Santiago que conseguiron, despois de moitas horas de traballo, que para esta data estivera funcionando esta aula virtual.
Aproveito para poñer os novos enlaces da páxina do CFR de Lugo e da súa Aula virtual Mooodle:

Agora xa non temos disculpas para seguir traballando...

lunes, 11 de octubre de 2010

Mapas culturais do Consello da Cultura

Desde a páxina do Consello da Cultura temos acceso a tres mapas que tratan diversos aspectos da cultura de Galicia:
  • Mapa de equipamentos culturais de Galicia, onde se recolle a situación de espazos culturais: museos, cines, teatros, salas de informática, galerías de arte... Pódese buscar por provincia, concello ou categoría.
  • Roteiros, onde se expoñen unha serie de viaxes temáticos: a Xeneración Nós, Castelao en Pontevedra, Uxío Novoneira no Caurel, Curros Enríquez en Ourense... Ten un buscador que nos permite buscar os roteiros que se poden facer a pé ou en coche e roteiros con determinadas características: catedrais, ruinas romanas...
  • As escolas da emigración é un proxecto que pretende recuperar o legado educativo da emigaración rescatando testemuños dos emigrantes. Moitos deles enviaron diñeiro a Galicia co que puideron construírse escolas ou mellorar o equipamento das existentes. A maioría destas escolas están nas provincias de Lugo e Ourense.
    Neste mapa podemos ver a situación destas escolas, o uso que na actualiadade se fai delas, a súa historia, coñecer os promotores...

jueves, 7 de octubre de 2010

Actividades para grupos escolares do Museo Provincial

O Museo Provincial acaba de publicar o catálogo de actividades escolares para o curso 2010/2011. Na guía temos un resumo das actividades programadas e os niveis educativos aos que van destinadas:
  • A muralla dos nenos (2º, 3º e 4º de primaria)
  • A muralla no museo (5º e 6º de primaria e 1º de ESO)
  • A arte do vestido (4º e 5º de primaria e 1º de ESO)
  • Algo máis que ver un cadro (4º e 5º de primaria)
  • Debuxa un conto: a escola de Doloriñas (educación infantil e 1º e 2º de primaria)
  • Safari no museo (1º, 2º e 3º de primaria)
  • Rutas literarias (ESO e bacharelato)
  • Visita de iniciación ao museo (primaria, ESO e bacharelato)
  • Visita á sección de prehistoria e arqueoloxía (3º ciclo de primaria, ESO e bacharelato)
  • A romanización (ESO e bacharelato)
Tamén hai unha unidade didáctica sobre Castelao destinada a que o profesorado de ESO, bacharelato e ciclos formativos prepare e dirixa unha visita á colección Castelao.

Para concertar unha visita ou solicitar calquera información pódese chamar ao teléfono 982242300 ou enviar mensaxe ao correo didactica@museolugo.org
Os responsables do museo piden que os grupos non superen os 30 alumnos e que as visitas se concerten polo menos 15 días antes.
Aquí podedes ver o folleto que distribúe o Museo:
1328 PROGRAMA Actividades Escolares-curso 2010 2011

domingo, 3 de octubre de 2010

Curso: Elaboración de materiais didácticos dixitais para a ensinanza-aprendizaxe das ciencias sociais

No CFR de Lugo está a punto de comezar o curso "Elaboración de materiais didácticos dixitais para a ensinanza-aprendizaxe das ciencias sociais". É a primeira actividade dirixida especialmente ao profesorado deste ámbito, tanto de primaria como de secundaria. Un obxectivo é actualizar ao profesorado abordando contidos e elaborando materiais didácticos dixitais utilizando a plataforma Moodle e abordando os principais recursos que nos ofrece a plataforma e o manexo de ferramentas multimedia. Completarase con experiencias didácticas e exposición de recursos on line.
O curso será eminentemente práctico no que cada asistente dispoñerá dun ordenador e desenvolverase desde o 14 de outubro ata o 1 de decembro de 2010.
Na aula virtual Moodle do CFR de Lugo irase subindo información e materiais ao longo do desenvolvemento do curso.
O díptico do curso é o seguinte:
Elaboración de materiais didácticos dixitais para a ensinanza-aprendizaxe das ciencias sociais
Agardo que sexa do voso interese.