jueves, 31 de diciembre de 2009

O Twitter de Sociais

Levo tanto tempo oíndo falar de Twitter e os microblogs que non puiden resistirme e creei o twitter de sociais.
Por agora non lle vexo moita utilidade ao invento. Creo que estou entre as fases 9 e 10 das 46 propostas por Shane Nickerson, así que aínda teño moito camiño por diante.
Anoto as páxinas ás que me interesa voltar a miúdo, pero iso xa o facía co Mister-Wong de forma moito máis ordenada. Tamén sigo os tweed de xente e institucións como o Museo do Prado, o Museo Provincial de Lugo ou @Iniciarte, pero para estes traballos tamén prefiro o Netvibes.
En fin, seguiremos traballando, a ver se co tempo acabo de collerlle o gusto.

Páxinas que falan dos usos educativos de Twitter:

domingo, 27 de diciembre de 2009

Holandeses no Museo do Prado

No Museo do Prado podemos ver a exposición Holandeses no Prado, que estará aberta ata o día o 11 de abril de 2010 e que coincide coa publicación do primeiro catálogo razoado sobre as obras holandesas presentes na pinacoteca madrileña. A mostra ten como peza central a Judith no banquete de Holofernes, de Rembrandt. Conta tamén con obras de diferentes autores como Jan Both, Jacob Ruisdael, Gabriel Metsu, Adrien van Ostade, Philips Wouwerman...


miércoles, 23 de diciembre de 2009

Premios materiais educativos do ITE

Lendo o último Boletín de novidades de Educared entereime que A viaxe a Grecia acadou o Primeiro Premio Nacional no concurso convocado polo Ministerio de Educación no 2009, a través do ISFTIC, para materiais educativos curriculares en soporte electrónico. Os seus autores son Gonzalo Trespaderne, Manuel Merlo e Eduardo Alés do IES Abdera de Adra (Almería) que xa no 2007 acadaron o Primeiro Premio polo seu traballo Axial.
A viaxe a Grecia é unha aplicación informática creada para desenvolver a asignatura de Filosofía y cidadanía. Posúe recursos educativos que poden servir de modelo modelo para todas as áreas tanto para secundaria como para primaria.
En opinión dos autores tamén se pode utilizar na casa en colaboración coa familia e sinalan:
"ten á base unha novela didáctica escrita ex profeso, con máis de douscentas páxinas e cen ilustracións a toda cor. A partir dela, ofértase un profesor virtual, textos, fichas de contido , un blog, unha wiki; diversas actividades entre as que destacan as elaboradas a partir de videos, audios, cuestionarios interactivos, etc."

No apartado de blogs acadou o primeiro premio o titulado Os blogs de Sociais do Departamento de Xeografía e Historia do IES Tiempos Modernos de Zaragoza polos seus blogs de aula de ESO e BACH para Ciencias Sociais, Xeografía e Historia.

O portal Artecreha, dedicado á didáctica da Historia da Arte en todos os niveis educativos obtivo o segundo premio no apartado blogs educativos. O grupo Creha foi creado no ano 2001 por Javier Jiménez Zorzo; Ignacio Martínez Buenaga; J. Antonio Martínez Prades e Jesús Martínez Verón cos obxectivos de renovar os materiais didácticos relacionados coa historia da arte e divulgar temas relacionados con esta materia. Na súa páxina reúnen recursos, comentarios, estilos artísticos, diccionario de termos ...

sábado, 19 de diciembre de 2009

Felices festas

viernes, 18 de diciembre de 2009

Diccionario Xeográfico Ilustrado de Galicia

Hoxe no Hotel monumento San Francisco realizouse a presentación do Diccionario Xeográfico
Ilustrado de Galicia
.
Francisco Javier Río Barja, (Lugo,1919 ) é o director desta obra. Doutor en Xeografía e Historia, ademais de licenciado en Filosofía e Letras ao longo da súa vida Río Barja recibiu diversos premios e recoñecementos polo seu traballo tales como a Medalla Castelao e o Premio Xunta de Galicia de Investigación. Entre os seus libros publicados destacan "Mapa en relieve de Galicia 1:100.000", "Bibliografía das Xeografías", "Cartografía xurisdiccional de Galicia no século XVIII" e "Galicia, esa descoñecida".
Nesta obra colaboran destacados especialistas, a Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia, o Sitga e o Colexio de Xeógrafos de Galicia realizando a supervisión editorial Francisco Rodríguez Lestegás.
A colección consta de 28 tomos contendo máis de 50.000 entradas, 10.000 fotografías, 1.000 mapas e unha detallada cartografía.
Poderase obter a partir do día 20 xunto a El Correo Gallego e Galicia Hoxe.
(Información e imaxes recollidas de El correo Gallego.es)

jueves, 17 de diciembre de 2009

Ruta nas Illas Cíes

Xa hai tempo que fixen unha ruta polas Illas Cíes, no mes de maio, pero remateina tan enfadada que non quixen nin ver as fotografías.

As previsións xa non eran moi boas: chuvia pola mañá que iría remitindo pola tarde. A realidade foi catastrófica: chuvia constante pola mañá que evolucionou a diluvio despois de comer. Total que estivemos todo o día subindo aos miradores para ver... nubes.

Percorremos as rutas do Monte Faro, do Faro da Porta, de Monteagudo e do Alto do Príncipe, dende as que segundo o guía pódense contemplar fermosas vistas. Ata deixei algún tramo sen percorrer porque xa sabía o que esperaba ao final.

A tarde fixémola a paso lixeiro e rematamos unha hora antes do previsto. Estabamos desexando poñer roupa seca e tomar un café quentiño.

Como hai que aprender de todo, quedeime con que teño que poñer o plástico cando cae a primeira gota. ¡Nada de esperar uns minutos a ver se para!

A pesar de todo quédame o desexo de voltar moi pronto e déixovos cunhas imaxes deste fermoso parque natural que sacamos neste día.

jueves, 10 de diciembre de 2009

10 de decembro, Día dos Dereitos Humanos

Hoxe celébrase o Día dos Dereitos Humanos, que neste ano vai ter como tema central a non discriminación co lema "Vive a diversidade, termina coa discriminación". Hoxe temos que recordar distintas situacións de marxinación que vivimos a cotío: a emigración, o trato aos indíxenas e minorías étnicas, a violencia contra a muller, os problemas das persoas discapacitadas...
Neste día conmemórase o aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos en 1948 como consecuencia de dúas guerras mundiais.
No vídeo a Alta Comisionada da ONU para os DD HH, Navi Pillay, promove un mundo no que todas as persoas sexan tratadas por igual.



Máis información sobre o Día dos Dereitos Humanos:
Para rematar, podemos visionar este vídeo de Human Rights Action Center sobre a Declaración Universal dos Dereitos Humanos

lunes, 7 de diciembre de 2009

Descubre lugares patrimonio da Humanidade con Street View

Podemos visitar algúns dos lugares Patrimonio da Humanidade grazas á colaboración entre Gooogle Maps e a UNESCO.
De momento só se poden ver algúns dos lugares do patrimonio europeo, moitos deles en España, e entre eles a Praza do Obradoiro en Santiago, a Praza Maior de Salamanca e a Cidade Vella de Cáceres.
Agardamos que moi pronto podamos visionar outros lugares que pola súa distancia non podemos ir tan fácilmente.

viernes, 4 de diciembre de 2009

Pola defensa dos dereitos fundamentais en internet

Cun pouco de retraso, únome ao manifesto pola defensa dos dereitos fundamentais en internet redactado conxuntamente por xornalistas, blogueiros e internautas. Tedes máis información no gupo de Facebook "En defensa de los derechos fundamentales en internet".
Tamén podedes asinar a petición dun ADSL máis barato e de maior calidade, aínda que de momento parece que o goberno non fai moito caso.

"Ante a inclusión no Anteproxecto de Lei de Economía sostible de modificacións lexislativas que afectan ao libre exercicio das liberdades de expresión, información e o dereito de acceso á cultura a través de Internet, os xornalistas, blogueiros, usuarios, profesionais e creadores de internet manifestamos a nosa firme oposición ao proxecto, e declaramos que…

1.- Os dereitos de autor non poden situarse por riba dos dereitos fundamentais dos cidadáns, como o dereito á privacidade, á seguridade, á presunción de inocencia, á tutela xudicial efectiva e á liberdade de expresión.

2.- A suspensión de dereitos fundamentais é e debe seguir a ser competencia exclusiva do poder xudicial. Nin un peche sen sentenza. Este anteproxecto, en contra do establecido no artigo 20.5 da Constitución, pon nas mans dun órgano non xudicial -un organismo dependente do Ministerio de Cultura-, a potestade de impedir aos cidadáns españois o acceso a calquera páxina web.

3.- A nova lexislación creará inseguridade xurídica en todo o sector tecnolóxico español, prexudicando un dos poucos campos de desenvolvemento e futuro da nosa economía, obstaculizando a creación de empresas, introducindo atrancos á libre competencia e ralentizando a súa proxección internacional.

4.- A nova lexislación proposta ameaza aos novos creadores e obstaculiza a creación cultural. Con Internet e os sucesivos avances tecnolóxicos democratizáronse extraordinariamente a creación e a emisión de contidos de todo tipo, que xa non proveñen prevalentemente das industrias culturais tradicionais, senón de multitude de fontes diferentes.

5.- Os autores e autoras, como todos os traballadores, teñen dereito a viviren do seu traballo con novas ideas creativas, modelos de negocio e actividades asociadas ás súas creacións. Tentar soster con cambios lexislativos unha industria obsoleta que non sabe adaptarse a este novo contorno non é nin xusto nin realista. Se o seu modelo de negocio se baseaba no control das copias das obras e en Internet non é posible sen vulnerar dereitos fundamentais, deberían procurar outro modelo.

6.- Consideramos que as industrias culturais necesitan para sobrevivir alternativas modernas, eficaces, creibles e asequibles e que se adecúen aos novos usos sociais, en lugar de limitacións tan desproporcionadas como ineficaces para o fin que din perseguir.

7.- Internet debe funcionar de forma libre e sen interferencias políticas auspiciadas por sectores que pretenden perpetuar obsoletos modelos de negocio e imposibilitar que o saber humano siga a ser libre.

8.- Esiximos que o Goberno garanta por lei a neutralidade da Rede en España, ante calquera presión que poida producirse, como marco para o desenvolvemento dunha economía sostible e realista de cara ao futuro.

9.- Propoñemos unha verdadeira reforma do derecho de propiedade intelectual orientada ao seu fin: devolver á sociedade o coñecemento, promover o dominio público e limitar os abusos das entidades xestoras.

10.- En democracia as leis e as súas modificacións deben aprobarse tras o oportuno debate público e tendo consultado previamente todas as partes implicadas. Non é de recibo que se realicen cambios lexislativos que afectan a dereitos fundamentais nunha lei non orgánica e que versa sobre outra materia".

martes, 1 de diciembre de 2009

Contos Solidarios

Contos Solidarios é un proxecto promovido pola ONG de Chantada Bicis pola Paz. Na presentación da páxina podemos ler:
"Contos Solidarios percorreu máis cincocentas escolas e visitou a máis de 60.000 nenas e nenos co obxectivo de sensibilizar e concienciar as/os alumnas/os sobre a necesidade dun compromiso solidario coa xustiza e a liberdade, empregando como ferramenta lúdico-pedagóxica o conto, a poesía, o humor, a mímica….. Contos Solidarios abre esta páxina web para achegar os contos e o traballo de Bicis pola Paz e Papaventos a todas/os que queirades coñecelo, e para que colaboredes con esta iniciativa que reivindica outro mundo posible a través dun universo paralelo formado polos contos solidarios, no que nos poidamos refuxiar para construír un mundo real de xustiza e liberdade."
Nesta páxina hai unha selección de contos ilustrados, algúns por alumnado dos colexios de Chantada e outros por artistas como Cristina Ouro ou Irene Contreras. Pódense ler mediante unha agradable interface feita en flash na que soamente hai que pulsar na frechas para pasar á páxina seguinte.
Na sección cineteca podemos ver recomendacións de películas e libros.
Co diñerio recadado co proxecto Contos Solidarios finánciase a compra de bicicletas doadas para o profesorado, persoal médico, promotores e promotoras da saúde e veterinarias e veterinarios de países de Asia, África e América Latina.
Agardo que sexa do voso interese.