martes, 29 de junio de 2010

Fundación Gala - Salvador Dalí

A Fundación Gala - Salvador Dalí é unha entidade cultural privada dedicada a "promocionar, fomentar, divulgar, prestixiar, protexer e defender a obra artística cultural e intelectual do pintor". Foi creada en 1983 por desexo do pintor, que a presidiu ata a súa morte en 1989.
Actualmente a Fundación xestiona os Museos Dalí de Figueres, Portlligat e Púbol, as coleccións, que abranguen máis de 4000 obras, exposicións, publicacións, dereitos da propiedade documental e de imaxe, etc.
Dispón dun servizo educativo que organiza actividades dirixidas ao alumnado de todos os niveis. Gran parte destas actividades organízanse nos Museos, pero na páxina web podemos ver algunhas: A persistencia da memoria e Sono causado polo vó dunha abella arredor dunha granada uns segundos antes de espertar. Son xogos educativos creados a partir de obras e textos de Dalí. Teñen versións para familias, escolas e adultos. Por exemplo, na versión para o alumnado da ESO e o bacharelato hai que responder unhas perguntas sobre a obra a partir da información obtida nunha serie de vídeos explicativos.
No catálogo razoado de pinturas podemos atopar información das obras pintadas entre 1910 e 1930: imaxe, data, soporte, técnica, dimensións, localización... En vindeiros anos o catálogo irase ampliando ata chegar a 1983.

lunes, 21 de junio de 2010

ARDE LUCUS MMX

Os días 25, 26 e 27 de xuño celébrase en Lugo o noveno Arde Lucus. O programa é variado e comeza o 25 ás 17:00 h coa apertura do Macellum. Haberá numerosos actos que xirarán en torno á fundación da Cidade e nomeamento de personaxes, ao campamento militar, ao circo romano, ao olimpo dos deuses e deusas, ao macellum ou mercado, desfiles pola cidade, bacanais, vodas celtas, nasciturus, carreiras de quadrigas e bigas, olimpiadas, teatro, forxas, batallas campais, queima da Muralla...
Hai que destacar que entre os días 21 e 27 de xuño podemos achegarnos tamén á cultura romana e á historia da cidade entrando de balde nos distintos Museos Municipais: Casa dos Mosaicos, Sala de Exposicións Porta Miñá, Centro de Interpretación da Muralla e no Centro Arqueolóxico de San Roque. Unha boa idea neste tempo de crise.
Máis información:
Programa en pdf
www.ardelucus.com
www.ocioenlugo.com
Fundación VRBIS AVGUSTI

viernes, 11 de junio de 2010

Glengarry Glen Ross

Onte fun ver a obra de teatro Glengarry Glen Ross. É moi apropiada para reflexionar sobre as relacións laborais nos tempos de crise que padecemos: unha empresa inmobiliaria decide "estimular" aos seus traballadores premiando aos mellores e despedindo ao que venda menos. A competencia fai que os vendedores empreguen métodos non moi éticos para acadar os seus obxectivos.
A obra está dirixida polo arxentino Daniel Veronese e interpretada por Carlos Hipólito, Ginés García Millán, Alberto Jiménez, Andrés Herrera, Gonzalo de Castro, Jorge Bosch e Alberto Iglesias.
Está escrita por David Mamet, que obtivo o premio Pullitzer con ela e tamén escribiu o guión dunha película baseada nesta obra e protagonizada por Al Pacino, Jack Lemmon e Alec Baldwin.
Nos vídeos podemos comparar as versións teatral e cinematográfica. Eu quédome coa proximidade do teatro.

lunes, 7 de junio de 2010

Un descanso forzoso

Tiven unha contractura hai unha semana e aínda me costa estar un ratiño traballando co ordenador. Por eso non escribo.
E o que máis sinto é non poder ir ás excursións. Miro as fotos que me trouxeron da que me perdín o sábado pasado no pico Miravalles, nos Ancares, e xa estou pensando na forma de ir velo cando me recupere.
Agardo que sexa do voso interese.