domingo, 30 de enero de 2011

Barxa

O sábado pasei por esta aldea facendo a ruta Froxán - Barxa do Lor organizada polo clube Acivro. Está no concello da Póboa de Brollón.
Non atopei moita información sobre ela. Soamente que no ano 2007 tiña dous habitantes, un home e unha muller.
Supoño que foi unha bonita aldea, cuns espectaculares balcóns enriba do río Lor, que medrou ao carón da ferrería de Barxa, unha das máis importantes que houbo no Courel para traballar o ferro. Ao pechar a ferrería a xente da aldea quedou sen traballo e tivo que emigrar.
Hoxe quedan as casas derruídas, coma no cadro de Urbano Lugrís, Lembrando mellores tempos.
A música da presentación é Lament, de Davy Spillane.

Barxa on PhotoPeach

martes, 25 de enero de 2011

También la lluvia

Onte fun ver a película También la lluvia e aproveito para poñer o trailer e a entrevista feita por TVE á profesora Conchita López e ao alumnado de 6º de educación primaria do colexio Virgen de Belén de Jacarrilla polo traballo desenvolvido en torno a este film (elaboración dun blog colaborativo aberto no mes de outubro, Nueva expedición de Colón, onde profesorado e alumnado amosa a súa particular visión arredor do descubrimento de América e o que representou para o mundo mediante spots en 3D, escritura creativa con fotos da película, microrrelatos, retratos, cómics, videos, presentacións, relatos...).





Neste proxecto participaron 18 cidades españolas e o responsable é un personaxe ficticio "dona Díriga" que enreda pola rede.
Dentro do blog educativo También la lluvia , no que se pode participar como coautor ou coautora ou cos nosos comentarios, aporta artigos relacionados coa temática, enlace a un Caderno pedagóxico que se pode descargar en pdf aportando información sobre o contexto histórico, datos de Cristóbal Colón, Frei Antonio Montesinos e Frei Bartolomé de las Casas, Bolivia e a guerra da auga (resumo da guerra, loita das mulleres). Cada artigo vai acompañado dunha proposta de actividades conexionando os textos e a película.
Nota: Imaxe da web oficial e información das páxinas citadas.

sábado, 22 de enero de 2011

Uso das redes sociais en España

A axencia de publicidade 101.es publicou en marzo un vídeo mostrando datos sobre o emprego das redes sociais. Fai uns días actualizaron o vídeo modificando os datos.
Algunhas cifras que poden darnos unha idea do avance das redes sociais:
  • No 2010 Facebook era a 6ª páxina máis visitada con 275 millóns de usuarios. Hoxe é a 2ª con máis de 400 millóns.
  • O tempo que se pasa en internet nas redes sociais aumentou do 10% ao 22%.
  • A Galipedia pasou de 55000 artigos a 65253. No momento que escribo este artigo xa ten 67158.
  • En canto ao tempo dirio dedicado ás redes sociais en España, Tuenti aumentou 9 minutos e Facebook disminuiu 8.
  • Zara pasou de ter 1,7 millóns de seguidores en Facebook a máis de 7 millóns
Aquí podedes ver os dous vídeos

Uso das redes sociais en España 2011


Uso das redes sociais en España 2010

sábado, 15 de enero de 2011

Obsolescencia programada

Vin este vídeo en tecnoloxia.org. Trata dos esforzos da industria para reducir a vida útil dos productos que fabrica, desde o acordo dos fabricantes de bombillas dos anos 20 do século XX para limitar o número de horas de funcionamento ata as limitacións dos productos informáticos actuais como os chips con contadores para que as impresoras deixen de funcionar tras un número de copias.
As imaxes de Ghana convertida en almacén de residuos tecnolóxicos son impresionantes.
No vídeo tamén fala do concepto de decrecimento e de asociacións como Doors of perception que loitan contra esta tendencia da industria.

martes, 11 de enero de 2011

Monet


Acabo de descubrir a páxina web da exposición Monet organizada por Galeries Nationales en París aínda que esta exposición leva case catro meses aberta e está a punto de rematar.
A páxina é impresionante a pesar da súa lentitude, que convirte o cambio entre dúas seccións nunha tarefa desesperante.

Na galería podemos ver as obras expostas nunha liña do tempo, na que tamén aparecen informacións sobre a vida de Monet. Pulsando nunha das obras vémola máis grande cunha breve descrición. Pulsando outra vez na imaxe danos a opción de vela en alta resolución, ampliando algunha zona para poder ver os seus detalles. A carga destas imaxes de alta resolución é moi lenta.
Hai outras dúas formas de explorar a galería: buscando o título da obra, mediante un listado das pinturas en orde alfabético, ao que se accede pulsando o botón "Todos os cadros" ou cunha clasificación temática que divide a exposición en tres bloques: "Monet e a nación", "Figuras e bodegóns" e "Soños e reflexións".

Na viaxe podemos dar un paseo a través de varios dos cadros mediante unha presentación interactiva. Non engade ningunha información á galería, pero é espectacular e anima a facer un curso de Flash.

No vídeo pódese ver a noticia da expoxición na axencia EFE:

jueves, 6 de enero de 2011

Rubens 360º

Na páxina do Museo do Prado podemos ver un vídeo interactivo sobre a exposición de Rubens. Situando o cursor sobre o vídeo aparecen iconos que nos indican que hai material relacionado. Pulsando sobre estas iconas accedemos aos distintos recursos.
Os materiais enlazados son de tres tipos, indicados pola icona que aparece sobre o vídeo:
  • Imaxes de alta resolución dos cadros xunto con fichas das obras.
  • Imaxes de alta resolución con audioguía e ficha.
  • Vídeos con comentarios.
Este é o vídeo que serve de base aínda que aquí non ten a capa de contidos interactivos.


Tamén pódese ver un resumo do documental Rubens, o espectáculo da vida (unha biografía coproducida polo Museo) nas súas salas os sábados ás 12 h e os domingos ás 17 mentras dura a exposición.

Se queres ver esta exposición hai que apurar: pecha o 23 de xaneiro.

lunes, 3 de enero de 2011

Scribble Maps

Scribble Maps é unha ferramenta que permite editar sobre os mapas de Google Maps engadindo textos, marcas, liñas, áreas e imaxes. Tamén ten ferramentas para calcular distancias sobre o mapa.
Pode importar datos desde arquivos en formatos xls, kmz e shp. O mapa do exemplo está creado a partir dunha folla de cálculo descargada da páxina do Instituto Galego de Estatística con datos dos concellos de Lugo, entre eles a idade media da poboación.
Os mapas creados poden gardarse como imaxe jpg ou nos formatos kml e gpx.
É unha ferramenta cartográfica moi completa. O maior problema que ten é a lentitude para entrar na páxina.






Agardo que sexa do voso interese.