sábado, 28 de marzo de 2009

Visita virtual á Catedral de Santiago

Coa web da Catedral de Santiago podemos facer un percorrido virtual tanto polo seu interior como polo exterior. Facendo clic en distintas zonas móstranos información sobre elas. É ideal para explicar ao alumnado antes de facer unha excursión.
Tamén podemos visitar o museo, as cubertas, o Pazo de Xelmirez, o arquivo (onde hai unha boa colección de enlaces á recursos arquivísticos), a biblioteca e as excavacións.
Na web podemos enterarnos de información útil para organizar unha excursión: horarios, teléfonos, tarifas, etc.
A páxina está feita en Flash e convén visualizala cunha resolución de 10240 x 768 a pantalla completa (tecla F11).




miércoles, 25 de marzo de 2009

Cine e educación

Enrique Martínez-Salanova Sánchez na páxina Cine y educación fai unha recopilación temática e análise do cine aplicado á educación. A web está destinada á aprendizaxe a través do cine, da súa didáctica, da tecnoloxía da educación, do ensino do cine e o seu uso.
Trata temas como: o cine e o dereito á educación, cine e menores abandonados, o poder da educación no cine, alumnos e profesores nas aulas, lecturas de cine, unidades didácticas, cine e historia, alumnos e migracións, mulleres no cine, muller maltratada, etc.
O autor, entre outros temas interesantes, presenta varios dos seus artigos que resultan de interese:
Tamén hai unha sección sobre A historia tratada no cine, na que sobre todo fala da Guerra Civil española.

viernes, 20 de marzo de 2009

Miradas: Galicia ata 1975, en Lugo

No Centro Sociocultural Fundación Caixa de Galicia de Lugo podemos ver ata o sete de xuño a segunda mostra do proxecto expositivo "Miradas". Baixo o título "Galicia ata 1975" o comisario Fernando Huici, un dos máis destacados a nivel estatal, proponnos unha revisión dos fondos da Colección Caixa Galicia, coa que se perciben os principais xiros da plástica galega ao longo de máis dun século de historia, desde o XIX ata 1975. A mostra introdúcenos no desenvolvemento da arte galega contemporánea a través de varios eixes, nos que se enmarcan Manuel Abelenda, Picasso, Castelao, Maside, Colmeiro, Luís Seoane, Isaac Díaz Pardo, Eugenio Fernández Granell, Nóvoa, JorgeCastillo, Xaime Quessada, etc.
Esta exposición está incluida nunha serie de catro exposición en varias cidades galegas, das que neste momento podemos ver a de Lugo e "Miradas. Desde el informalismo a lo multicolor" en A Coruña.

.
Non estudies, Faite político, Castelao
Posto de feira, Luís Seoane

Leyenda marina, Urbano Lugrís
French can can, Arturo Souto

miércoles, 18 de marzo de 2009

Cultura e patrimonio galegos

O boletín nº 22 da Consellería de Educación trae enlaces a dúas páxinas interesantes sobre a cultura de Galicia: a exposición Unha cultura para un novo século e a do Patrimonio Cultural Galego.

A exposición celebra o 25 aniversario do Consello da Cultura. Pode verse no Museo do Pobo Galego de Santiago durante os meses de marzo e abril. Na web podemos ver folletos das actividades desenvolvidas polo Consello entre 1983 e 2008 e uns vídeos relacionados con estas actividades. Debido ao seu tamaño non conseguín ver ben os folletos co navegador (Firefox) así que recoméndoche abrilos noutra pestaña, gardar as imaxes no disco do teu ordenador e usar un programa de fotografía para poñer o zoom nun tamaño cómodo. Tamén podemos descargar o libro Galicia 25 anos. Unha cultura para un novo século en formato PDF. Paciencia porque son case 10 Mb.

A web do patrimonio cultural de Galicia está creada pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Neste momento ten catalogados 130 bens culturais: igrexas, cruceiros, castros, pontes, pazos, horreos... Ten un buscador xeográfico e outro avanzado que permite buscas por categoría, estilo e data.

Cada ben ten unha ficha con datos como a situación, grao de protección, data, imaxes e unha breve descrición. A fotografía do pé deste artigo é a igrexa de San Pedro Fiz no Incio, sacada desta páxina.

A web complétase con seccións para a escola con materiais didácticos para as distintas etapas educativas, recomendacións para visitas e rutas, documentos e utilidades, entre as que destaca o formulario "É teu, cóidao" para informar sobre agresións aos bens do patrimonio cultural.

lunes, 16 de marzo de 2009

Diccionario visual de termos artísticos

Xa falei nun dos primeiros artigos deste blog dos traballos do profesor Juan Diego Caballero: os blogs Enseñ-Arte e Estudiar Historia e a colección de presentacións sobre a historia da arte en Slideshare. Hoxe atopei outros dous traballos colocados na páxina Scribd: Un diccionario de termos artísticos e unha serie de actividades.
O diccionario está separados en dúas presentacións: 1ª parte con termos A-K e 2ª parte con termos L-Z. Poden descargarse ao noso ordenador nos formatos PPT e PDF mediante o botón download que hai enriba da presentación na páxina Scribd.
A navegación polas presentacións descargadas é sinxela: nas primeiras diapositivas hai unha relación dos termos explicados cun enlace á diapositiva. Para voltar ao índice pulsamos no botón "inicio" que hai en todas as páxinas. Na páxina de Scribd este sistema non funciona moi ben polo formato do sistema, que utiliza a parte dereita da diapositiva para avanzar á seguinte. Como o botón inicio queda nesta zona, en lugar de ir ao índice vemos o seguinte termo.

As actividades sobre historia da arte pódense descargar nos formatos DOC e PDF. Consisten nunha serie de exercicios para 2º de Bacharelato que abarcan dende a arte prehistórica ata o século XX. Ideal para preparar a selectividade.

viernes, 13 de marzo de 2009

Panorámicas de Jean Pierre Lavoie

Na páxina Photojpl podemos ver fotografías panorámicas do canadiense Jean-Pierre Lavoie de distintas zonas de Canadá e Francia.
Para ver as imaxes é necesario ter instalado o Flash Player ou o Quick Time, dependendo da fotografía. Podemos pasear por elas coas frechas do cursor ou arrastrando co rato e ampliar algunha zona ou velas a pantalla completa usando as iconas da parte inferior.
Poño os enlaces das que máis me gustaron:

Van Dongen - Un Fauve en ville







Hôtel de Glace








Cathedrále Marie Reine du Monde - Montreal










L'abbaye de Conques

viernes, 6 de marzo de 2009

Francis Bacon no Museo do Prado

Teño ganas de ver esta exposición. Está organizada pola Tate Britain de Londres e o Metropolitan Museum de Nueva York, en colaboración co Museo do Prado, conmemorando o centenario do nacemento de Francis Bacon. No Museo do Prado vai estar aberta ata o día 19 de abril.
Consta de 78 obras, entre pinturas e obxectos do artista, clasificadas en dez seccións: Animal, Zona, Aprensión, Crucifixión, Crisis, Archivo, Retrato, Memorial, Épico e Final. En paralelo á exposición pódense ver actividades como conferencias, un ciclo de cine e outro de documentais.
Pensemos en organizar unha visita de fin de semana a Madrid, se o traballo non nolo impide. ¿Alguén se anima?

domingo, 1 de marzo de 2009

Concurso Euroscola 2009

Enviáronme (tarde) o boletín da Oficina do Parlamento Europeo en España avisándome de que está aberto o prazo de inscrición para o concurso Euroscola 2009. Neste concurso poden inscribirse equipos formados por 10 alumnos/as de entre 15 e 18 anos e un proferor/a. Consta de tres fases nas de unha semana con probas individuais e colectivas.
O prazo para rexistrarse remata o venres 6 de marzo ás 12, así que se estades interesados consultade as bases do concurso e anotádevos na web do concurso.
Sorte a todos os participantes.
Agardo que sexa do voso interese.