martes, 28 de octubre de 2008

Ferramentas para crear cazas do tesouro e Webquest

Nunha sesión dun curso onde se falou de cazas de tesouro e de webquest o relator citou estas ferramentas para crear estas actividades.

Procesadores de texto

É a ferramenta máis sinxela que podemos empregar, a que estamos máis acostumados. Como a estrutura destas actividades é sempre a mesma podemos preparar un modelo no que solo cambiaríamos o contido. Para os enlaces temos dúas opcións:

  • Pegar a URL. Se ao final pulsamos a barra espazadora ou a tecla Intro xa se crea automaticamente a ligazón.
  • Escribir un pequeno texto descritivo da páxina, seleccionalo e crear o enlace co menú Insertar - Hipervínculo.

Para entregar a actividade ao alumnado podemos usar varios métodos:

  • Entrega do arquivo, copiándoo no ordenador onde traballen ou enviándoo por email. Se o entregamos no formato do procesador de textos para abrir os enlaces teñen que pulsar a tecla Ctrl á vez que pulsan co rato no vínculo. Pódese facilitar esta tarefa gardándoa no formato HTML, (gardar como páxina web).
    O procesador de textos OpenOffice permite a gravación en PDF con Arquivo - Exportar a PDF. No arquivo creado funcionan os enlaces pulsando sobre eles. Usando servizos da web 2.0 que permitan subir textos, por exemplo Scribd, Calameo ou Issuu. Permiten subir textos dos formatos máis coñecidos e enlazalos ou incrustalos en blogs, wikis...
  • Poñelas nun blog ou nunha wiki copiando e pegando o texto directamente.

Creación dunha páxina web

Necesitamos ter ferramentas de creación como NVU (gratuíta), Microsoft FrontPage ou Macromedia Dreamweaver. Na páxina de Isabel López podemos descargar modelos coa estrutura das webquest e nós só teríamos que engadir o contido.

E un pouco máis difícil manexar estes programas que o procesador de textos.

Xeradores en Internet

Hai varios xeradores para este tipo de actividades. Nalgúns, como en PHPWebquest, tamén podemos aloxar a actividade creada. Os xeradores que podemos atopar en castelán ou galego son:

  • 1,2,3 a túa caza na rede –En galego. Para facer cazas do tesouro. Creado por Francisco Muñóz de la Peña e Alejandro Valero. Crea unha páxina HTML que temos que gravar no noso disco e despois subir a un servizo de aloxamento web. Tamén hai unha axuda sobre o seu manexo.
  • Miniquest... en la red – Aloxado no servidor da Junta de Andalucía. O funcionamento é similar ao anterior.
  • 1,2,3 a túa webquest – Tamén en galego. Similar aos dous anteriores, dos mesmos autores e con axuda dispoñible.
  • PHPWebquest – Aquí poden facerse webquest, miniquest e cazas. Hai que solicitar unha conta para acceder ao servizo. A actividade queda aloxada no sitio. Hai unha copia do programa na páxina de contidos da Xunta, pero non consigo anotarme. Tamén se instalaba nas páxinas dos centros que solicitaban as webs dinámicas, aínda que hai case dous anos que non o fan.
  • Zunal – Aínda que a páxina principal do sitio está en inglés, a ferramenta de creación pode usarse en castelán. Neste sitio tamén poden crearse portfolios.

lunes, 20 de octubre de 2008

Camiñando sen rumbo

Levo varios días viaxando sen moverme do sillón grazas a unhas webs cubanas que veñen firmadas por "Mariano Jimenez II and Mariano G. Jiménez", creo que cubanos residentes en Miami.
Empecei visitando Damisela, que atopei buscando información sobre viaxes virtuais. O primeiro párrafo xa é unha declaración de intencións:
"Non somos mestres e o noso empeño non é ensinar, só compartir o que nos atrae. Lemos por ler, viaxamos por viaxar e escribimos por escribir. No transcurso, disfrutamos dun sinfín de aventuras. ¿Quen sabe, tal vez a vostede tamén lle sexan agradables?"
Nesta páxina temos información e enlaces sobre case todos os países. Fan unha introducción con datos como e idioma, a capital, etc. e dan unha completa lista de enlaces a páxinas do goberno, culturais, noticias, relacionadas co turismo ...
Algúns países están máis completos ca outros, pero de todos podemos atopar algo.

Na web hai enlaces ás outras páxinas dos autores:
  • Caminando sin rumbo - do mesmo estilo que Damisela, pero cunha sección "Presentando o mundo a principios do século XX" onde copian textos e fotografías dun espectacular álbum titulado "Alrededor del mundo" que publicou en Cuba unha marca de cigarrillos o ano 1910.
    A entrada tamén indica o estilo dos autores: "Camiñando sen rumbo imos polo mundo. O vento é a nosa brúxula. As veces facemos plans, e as veces non. Gústanos velo todo, o que se anuncia e o que sólo a curiosidade atopa. E sempre, camiñando sen rumbo ou con rumbo, o que máis nos impresiona, é a xente."
    A imaxe da dereita procede desta páxina.
  • Guije.com - estudios sobre a cultura e a historia de Cuba.
  • El zoológico electrónico - información sobre animais, con fotos espectaculares.
  • Perrilandia - adicada aos cans

jueves, 16 de octubre de 2008

Blogincana

Juan Pablo Medina é un profesor extremeño que escribe no blog Post-TIC artigos sobre o uso das TIC no ensino. Coñecino virtualmente a través do texto Blogincana. Como facer unha gincana cun blog que lin en Planeta Educativo. Neste artigo explica como utilizou un blog nunha semana cultural do IES Luís de Morales para facer unha gincana na que as probas resólvense utilizando un ordenador, un buscador e unha enciclopedia.
As probas da gincana colocanse nos distintos artigos do blog e as respostan van aparecendo como comentarios. Os artigos prepáranse con antelación á proba, manteñense no borrador e vanse publicando según se resolven as probas anteriores. Os comentarios do blog deben configurarse de forma que non sexan moderados e só podan publicar determinadas persoas.
Ademais do artigo de Planeta Educativo podemos ver o blog coas gincanas e as aclaracións que fai Juan Pablo a partir dos comentarios que recibiu sobre a experiencia.
Tamén pode usarse o método dentro dunha aula de informática con probas relacionadas coa unidade que estamos explicando, o que pode facer que aumente o interese do alumnado cara o tema. Coma sempre, sen abusar.

viernes, 10 de octubre de 2008

Os recunchos máis fermosos de Galicia

No xornal "La Voz de Galicia" están editando unha serie de artigos sobre os pobos de Galicia que consideran máis fermosos. Comezaron o domingo pasado coa reportaxe "O feísmo non se detivo na aldea de Redes" falando desta aldea da ría de Ferrol á que teño tantas ganas de ir.
Nas seguintes semanas falarán de Maceira e Fofe (Covelo), Cuntis, San Andrés de Teixido e Vilanova dos Infantes (Celanova).
Na web do xornal teñen aberto un espazo para que suxiramos outros lugares que consideremos que tamén sexan merecedores de estar na reportaxe e un albúm coas fotos dos internautas.
Xa estou desexando ler o artigo sobre San Andrés de Teixido.


Ver mapa más grande

jueves, 9 de octubre de 2008

Banco de proxectos colaborativos

A través do blog "Materiales y Recursos de Aula para el Ámbito Social y Lingüístico" entérome dunha iniciativa do Ministerio de Educación Nacional de Colombia para recompilar proxectos colaborativos clasificados por área e por competencia.
Para o ámbito de sociais temos varios en tres apartados interesantes:
Algúns dos proxectos están moi ligados á zona (La guadia, Rescatemos a música colombiana...) e outros requiren a inscrición nalgunha rede colombiana, pero a maioría son aplicables directamente ou con pequenas modificacións nos nosos colexios e institutos.
Todos os proxectos teñen unha ficha na que se fai unha pequena descrición e dan datos sobre o nivel educativo recomendado, a duración, o idioma, país, autores, etc. Algúns dos que me interesaron son:
  • Mi escuela, tu escuela. Propón que o alumnado busque informacións sobre a escola noutros países e a intercambien co alumnado doutras escolas. Pode facerse en calquera nivel eductivo. É un proxecto arxentino da Red Telar que ten un blog onde poden lerse experiencias de anos anteriores.
  • Calendario multicultural. Proxecto de Educalia para elaborar un calendario a partir do coñecemento dos rasgos identificativos doutras culturas. Para primaria e ESO.
    (Educalia vai desaparecer este ano e integrarse en Educared. Supoño que esto non influirá no proxecto).
  • Cando sexa grande quero ser... Dirixido á Educación Primaria, pretende mostrar as vantaxes do estudio cara a conseguir unha mellor calidade de vida no futuro.
  • Creando a miña propia empresa. Outro proxecto arxentino no que se busca a creación dunha empresa compartindo experiencias con estudiantes doutros lugares sobre o comercio en distintos países, a moeda, as leis, etc.

domingo, 5 de octubre de 2008

A terra vista desde o ceo

Yann Arthus-Bertrand (13 de marzo de 1946) é un coñecido fotógrafo francés. O seu traballo é recoñecido a nivel mundial e amosásenos coma un dos mellores fotógrafos do mundo.
Orixinalmente a súa especialidade era a fotografía de animais, pero logo cambiou o seu rumbo á fotografía aérea; tomou fotos de localizacións aéreas ao redor do mundo, publicou máis de 60 libros coas súas fotografías (500.000) tomadas desde helicópteros e globos aerostáticos. O seu traballo foi publicado varias veces na Revista National Geographic, París Match, Geo e Life e foi exposto en diversos países.
Arthus-Bertrand é un membro da "Académie des Beaux-Arts de l'Institut de France".
Unha das súas fotos mais coñecidas é a dun bosque con forma de corazón en Nova Caledonia, que foi utilizada como portada para os seus libros The Earth from the air e The Earth from above.
Publica unha obra diaria coa súa explicación “Comprender a foto do día” e toda a súa obra podémola ver nos seus libros, exposicións e na web: fotografías, debuxos, documentais, postais, fondos de pantalla. Coa axuda e colaboración do cineasta e productor Luc Besson veñen de presentar “Home”, que é un proxecto de superproducción cinematográfica a estrenar o 5 de xuño de 2009 e co que queren facer “balance” sobre o estado do planeta. Como avance temos un video e unha galería de fotos.
Toda a súa obra é un poema á beleza do mundo e unha invitación á reflexión e aos retos do desenvolvemento sostible.


Cazas do tesouro para "Educación para a cidadanía"

Con este artigo comezo unha serie na que comentarei algunhas webquest e cazas do tesouro que me chamen a atención.

¿Discriminación racial?
É unha caza para o Día Internacional da Loita contra a Discriminación Racial, que se celebra o 21 de marzo. Os autores son Ana Hermoso Rodríguez e Fernando García Páez, do CEIP San Walabonso de Niebla (Huelva). Propóñena para o 2º e 3º Ciclo de Educación Primaria, aínda que tamén podería desenvolverse na ESO aproveitando os recursos e cambiando algunha das preguntas.
Nesta webquest dáse a coñecer a Declaración Universal dos Dereitos Humanos á vez que se mostran algúns síntomas de intolerancia.

Shakira: unha vida en movemento
Facendo preguntas sobre a vida de Shakira leva á reflexión sobre o significado e o uso social do termo "inmigrante". Está dirixida ao alumnado de Secundaria, aínda que os autores tamén creen que se pode facer no terceiro Ciclo de Primaria, aínda que non o creen convinte se no grupo non se percibe admiración as figuras de cantantes, deportistas, etc. para non fomentar estas actitudes.
O deseño da web coas preguntas está moi cuidada, cuns formularios onde hai que ir contestando ás preguntas. Non me gusta que non deixe avanzar se non se acerta unha pregunta. Coa pregunta final preténdese abrir un debate sobre o termo "inmigrante", que sirva para a redacción dun artigo colectivo para a revista escolar.
A caza ten unha guía didáctica moi detallada.

Coeducación
Non ten o formato típico das cazas do tesouro (introducción, preguntas, a gran pregunta, conclusións). Mais ben é unha colección de preguntas sobre coeducación feita con Hot Potatoes. Acompañando a cada pregunta hai un enlace coa páxina na que buscar a resposta. A conclusión faise formando unha frase coas iniciales das respostas anteriores.
Está feita no IES Suel de Fuengirola, que ten unha páxina de coeducación moi interesante, con materiais para titorías, arquivos preparados por varios departamentos, unha colección de webquest e enlaces a organismos.

sábado, 4 de octubre de 2008

Proxecto 10 elevado a 100

Google vai cumprir 10 anos e para celebralo convoca un concurso de ideas: o proxecto 10100

Ata o 20 de outubro podes enviar ideas para cambiar o mundo cubrindo un formulario onde tes que describir en que consiste a túa idea, a quen pode beneficiar, problemas que pode arranxar, etc.

A partir do 27 de xaneiro todo o mundo poderá votar entre 100 das ideas seleccionadas. Desta votación sairán 20 semifinalistas entre os que un xurado elixirá as 5 ideas gañadoras. Google pensa destinar 10 millóns de dólares á execución destes proxectos.

Felicidades a Google no seu cumpleanos. Quen non o lembre de pequeniño pode ver como era no 2001.

Agardo que sexa do voso interese.