domingo, 19 de diciembre de 2010

Sociais 2.0 Deseñar tarefas para desenvolver competencias na rede

Podedes facer a inscrición na actividade Sociais 2.0 Deseñar tarefas para desenvolver competencias na rede entrando na aplicación FPROFE. Dita actividade desenvolverase no CFR de Lugo a partir do mes de xaneiro de 2011 e no seu desenvolvemento daranse a coñecer as potencialidades educativas da web 2.0, recursos na rede e experiencias didácticas. Traballaranse as principais ferramentas da web 2.0: marcadores sociais, blogs, Wiki, mapas conceptuis, Google Maps, liñas de tempo interactivas, cazatesouros, ferramentas ofimáticas,etc.
O curso será eminentemente práctico no que se potenciará a reflexión e a colaboración entre todo o profesorado participante.

domingo, 5 de diciembre de 2010

Presentacións de Isaac Buzo sobre a web 2.0

Nestas dúas presentacións de Isaac Buzo faise un repaso das ferramentas web 2.0 máis útiles para o profesorado de xeografía. Forman parte do 2º Seminario sobre la Enseñanza de la Geografía en la Educación Secundaria organizado pola Universidade Carlos III de Madrid no ano 2008.
Na primeira comeza explicando as razóns para utilizar os ordenadores na clase, unha introducción da web 2.0 e unha explicación da estructura e utilidade da páxina web de Isaac, chea de recursos para ESO e bacharelato.

Na segunda presentación céntrase nas ferramentas da web 2.0, empezando cunha explicación da forma de introducir nunha web contidos xerados con estas ferramentas para pasar a explicar o uso dalgunhas delas. Trata ferramentas de son, imaxe, vídeo, presentacións, documentos, mapas conceptuais, enquisas e mapas.

No espazo de Isaac Buzo en Slideshare podes ver máis presentacións de interese para o profesorado de Xeografía e Historia.

jueves, 25 de noviembre de 2010

25 de novembro, Día Internacional de Loita contra a Violencia de Xénero

Este día vense celebrando oficialmente desde o ano 1999. A data foi elixida en homenaxe ás hermanas Mirabal, asesinadas o 25 de novembro de 1960 na República Dominicana.
Na páxina Educación en valores hai enlazadas un montón de actividades para concienciar ao alumnado neste tema. Entre elas estiven fixándome nas webquest, lembrando que un dos obxectivos cando abrín o blog era a súa clasificación e difusión.
  • 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia cara a Muller, de Ana Hermoso Rodríguez e Fernándo García Páez, do CEIP San Walabonso de Huelva, revisada no ano 2006.
    Destinada ao alumnado do 3º ciclo de educación primaria. En grupos de dous, neno e nena, hai que buscar información sobre as irmás Mirabal e o dereito da muller a unha vida sen violencia. Poden verse as presentacións feitas na clase.
  • A violencia de xénero, de Víctor García e Ana Mª del Bosh. Para 3º e 4º de ESO.
    Como tarefas hai que realizar a simulación dun xuizo, obrigando ao alumnado a documentarse sobre o papel que ten que representra: agresor, víctima, familiares, xuiz... Tamén hai que contestar a unha serie de preguntas.
    É unha pena a gran cantidade de publicidade que aparece nesta webquest. Entre anuncios e ventás emerxentes ocupan a metade da pantalla. En Educación en valores teñen o texto da webquest sen esta publicidade.
  • Violencia de xénero, de Juana G. Linares e Juán Lafuente Vázquez. Para secundaria e bacharelato.
    Sitúa ao alumnado como integrantes dunha Mesa de Expertos contra a Violencia de Xénero, que ten que facer propostas de mellora partindo dun estudio estatístico da situación, a busca da lexislación vixente e a análise das opcións da muller maltratada.
Tamén hai unidades didácticas para primaria, secundaria e educación para persoas adultas, talleres, actividades con audio e vídeo, cuestionarios... En fin, que non quede a mensaxe sen difundir por falta de actividades.

viernes, 19 de noviembre de 2010

Sociais 2.0 Deseñar tarefas para desenvolver competencias na rede

O 15 de decembro de 2010 remata o prazo para facer a inscrición na actividade Sociais 2.0 Deseñar tarefas para desenvolver competencias na rede. Dita actividade desenvolverase ao longo do segundo trimestre do 2011 e nela abordaremos entre outras cousas os seguintes aspectos:
  • Introducción á web 2.0
  • Características da web 2.0 (evolución, características, web 2.0 e educación)
  • Web 2.0 e organización
  • Recursos didácticos da web 2.0 e recursos en ciencias sociais (sitios de referencia, ferramentas, exemplos de experiencias educativas)
  • Exemplos de traballo: marcadores sociais
  • Ferramentas multimedia online (Gimp, Audacity, Picassa...)
  • As webquest e as cazas do tesouro. Aulas virtuais
  • Posibilidades didácticas dos blogues
  • Posibilidades didácticas dos wikis
  • Ferramentas cartográficas (Google earth, Google Maps, mashups...
  • Ferramentas ofimáticas
  • Organizadores gráficos (liñas do tempo, esquemas e mapas conceptuais)
  • As redes sociais e as súas potencialidades educativos
  • Experiencias educativas
Este curso será eminentemente práctico no que a teoría complementarase coa práctica. Despois de coñecer as principais ferramentas e as potencialidades educativas da web 2.0, deseñaranse propostas educativas para promover a aprendizaxe colaborativa coas principais ferramentas e metodoloxías utilizadas.

sábado, 13 de noviembre de 2010

Adeus, Luís García Berlanga

Hoxe lamentando a morte do director de cine Luís García Berlanga recordamos o motivo anuncio protagonizado por Berlanga para a campaña de Médicos sen Fronteiras Pastillas contra a dor allea.


Ver máis información:
Video de J.Minguell / P. Casado onde repasan a súa obra: El rey del esperpento
El País
No País: Adiós Mr. Berlanga

miércoles, 10 de noviembre de 2010

A viaxe de María

Neste vídeo explícase moi clariño o autismo e os seus problemas. Remata cunha mensaxe optimista.

Máis información sobre o autismo:

jueves, 4 de noviembre de 2010

Mural Locator

A través dun twit do MoMA coñecín a páxina Mural Locator na que se expoñen murais xeolocalizados de todo o mundo . Aquí podemos pasar unha tarde entretida con estas obras de arte que non podemos admirar nos museos.
Como podedes ver no mapa a maioría das imaxes proceden de Estados Unidos.
Vou enchear de cor este recuncho do blog con algúns dos que máis me gustaron:
  • Rue Notre Dame, de artistas descoñecidos en Canadá

lunes, 1 de noviembre de 2010

O Camiño dos Satélites

Onte estiven vendo unha exposición itinerante sobre tecnoloxía accesible. Está organizada pola Fundación Tecnología Social e vai percorrendo as cidades pretas aos tramos do Camiño de Santiago polos que transita Serafín Zubiri xunto con varias persoas invidentes.
Este grupo forma parte das accións programadas por O Camiño dos Satélites para facer accesible o Camiño de Santiago. Para conseguilo empregan a tecnoloxía e ferramentas que axudan a que todo o mundo teña a oportunidade de facer o camiño: GPS, audioguías, grabación dun documental difundido en internet, emprego de blogs para difundir as accións e as guías de axuda aos pelegríns...
Entre os obxectos que puden ver na exposición chamoume a atención un sistema para manexar o ordenador coa vista (experimentei cómo funcionaba) mediante dous emisores de luz infravermella e unha cámara que capta o movemento do ollo e úsao para mover o rato e os parpadeos para facer clic en determinados obxectos. Contáronme que hai persoas que chegan a escribir un libro con este método.
Tamén me resultou de interese o código bidi, un código bidimensional que se pode ler cun móvil con cámara. Utilízano as persoas invidentes para etiquetar obxectos de uso cotiá. O programa de lectura destes códigos é gratuíto.
Outros obxectos que puden ver na exposición son o GPS que usa Serafín Zubiri no camiño, unha mochila con paneis solares coa que poden cargarse móviles e outros aparellos mediante unha conexión USB, obxectos antigos como dúas máquinas de escribir Braille, un contagotas e unha cámara de fotos así como un panel promocionando as accións realizadas pola Fundación Vodafone España en favor das persoas discapacitadas.
Moitas grazas a Celia Romero, secretaria da Fundación Tecnoloxía Social, pola gran cantidade de información que me deu e pola súa disponibilidade e amabilidade.

domingo, 24 de octubre de 2010

Os tellados da Catedral de Santiago

Os dous últimos sábados estiven colaborando nas xornadas "Os camiños de Santiago como recurso didáctico".
Para rematar a actividade fixemos unha visita ás cubertas da Catedral. Desde alí pode verse como foi evolucionando a construción pasando por diversos estilos: románico, gótico, renacentista e barroco. Tamén poden contemplarse de xeito distinto outros edificios e rúas de Santiago.
Podedes ver información sobre as cubertas na páxina: http://www.catedraldesantiago.es
Deixo algunhas das fotos que sacamos. A ameaza de chuvia fíxonos temer que non poderíamos subir, pero hoube sorte e tal como nos repetía a coordinadora María Paz Gago, ata o remato non caeu nen unha pinga.
Unha visita recomendable.

viernes, 15 de octubre de 2010

Libro colaborativo LIM

No blog Actividades LIM propóñennos participar na construción colaborativa de unidades didácticas utilizando o programa LIM, creado por Fran Macías. Estas unidades publicaranse cunha licenza Creative Commons.
Pode facerse en calquera momento do curso, creando unidades didácticas apropiadas para a época: O Samaín, O Outono, Os Dereitos Humáns, O Día da Paz, Día da Muller Traballadora, A Semana da Prensa, O Día do Libro, Día Mundial da Saúde, Galicia, Europa, As Letras Galegas, Día Mundial do Medio Ambiente... As propostas para O Samaín deben entregarse antes do 25 de outubro e as dos dereitos humáns antes do 29 de novembro.
A organización deixa aberta a posibilidade de que propoñamos máis temas.
As actividades que se entreguen antes das datas propostas formarán parte do libro que se publicará en Actividades LIM, coa posibilidade de descargalo para usar sen conexión a internet.
Na seguinte presentación pode verse como participar. Animádevos!!!

jueves, 14 de octubre de 2010

Curso: Elaboración de materiais didácticos dixitais para a ensinanza-aprendizaxe das ciencias sociais

Hoxe, no CFR de Lugo, comezamos o curso: "Elaboración de materiais didácticos dixitais para a ensinanza-aprendizaxe das ciencias sociais" o cal desenvolverase ata o día 1 de decembro.
O relator Dn. Marco Antonio López Grande, profesor de ensino secundario e gran experto en tic, abordou neste primeiro achegamento moitas e variadas posibilidades didácticas desta plataforma. Todo o profesorado traballou sen descanso e froito desa labor o curso creado para prácticas xa ten un abundante material. Desde aquí agradezo o seu interese.
Tamén quero agradecer a labor de Dn. José Luís Barreiro e todo o equipo de Santiago que conseguiron, despois de moitas horas de traballo, que para esta data estivera funcionando esta aula virtual.
Aproveito para poñer os novos enlaces da páxina do CFR de Lugo e da súa Aula virtual Mooodle:

Agora xa non temos disculpas para seguir traballando...

lunes, 11 de octubre de 2010

Mapas culturais do Consello da Cultura

Desde a páxina do Consello da Cultura temos acceso a tres mapas que tratan diversos aspectos da cultura de Galicia:
  • Mapa de equipamentos culturais de Galicia, onde se recolle a situación de espazos culturais: museos, cines, teatros, salas de informática, galerías de arte... Pódese buscar por provincia, concello ou categoría.
  • Roteiros, onde se expoñen unha serie de viaxes temáticos: a Xeneración Nós, Castelao en Pontevedra, Uxío Novoneira no Caurel, Curros Enríquez en Ourense... Ten un buscador que nos permite buscar os roteiros que se poden facer a pé ou en coche e roteiros con determinadas características: catedrais, ruinas romanas...
  • As escolas da emigración é un proxecto que pretende recuperar o legado educativo da emigaración rescatando testemuños dos emigrantes. Moitos deles enviaron diñeiro a Galicia co que puideron construírse escolas ou mellorar o equipamento das existentes. A maioría destas escolas están nas provincias de Lugo e Ourense.
    Neste mapa podemos ver a situación destas escolas, o uso que na actualiadade se fai delas, a súa historia, coñecer os promotores...

jueves, 7 de octubre de 2010

Actividades para grupos escolares do Museo Provincial

O Museo Provincial acaba de publicar o catálogo de actividades escolares para o curso 2010/2011. Na guía temos un resumo das actividades programadas e os niveis educativos aos que van destinadas:
  • A muralla dos nenos (2º, 3º e 4º de primaria)
  • A muralla no museo (5º e 6º de primaria e 1º de ESO)
  • A arte do vestido (4º e 5º de primaria e 1º de ESO)
  • Algo máis que ver un cadro (4º e 5º de primaria)
  • Debuxa un conto: a escola de Doloriñas (educación infantil e 1º e 2º de primaria)
  • Safari no museo (1º, 2º e 3º de primaria)
  • Rutas literarias (ESO e bacharelato)
  • Visita de iniciación ao museo (primaria, ESO e bacharelato)
  • Visita á sección de prehistoria e arqueoloxía (3º ciclo de primaria, ESO e bacharelato)
  • A romanización (ESO e bacharelato)
Tamén hai unha unidade didáctica sobre Castelao destinada a que o profesorado de ESO, bacharelato e ciclos formativos prepare e dirixa unha visita á colección Castelao.

Para concertar unha visita ou solicitar calquera información pódese chamar ao teléfono 982242300 ou enviar mensaxe ao correo didactica@museolugo.org
Os responsables do museo piden que os grupos non superen os 30 alumnos e que as visitas se concerten polo menos 15 días antes.
Aquí podedes ver o folleto que distribúe o Museo:
1328 PROGRAMA Actividades Escolares-curso 2010 2011

domingo, 3 de octubre de 2010

Curso: Elaboración de materiais didácticos dixitais para a ensinanza-aprendizaxe das ciencias sociais

No CFR de Lugo está a punto de comezar o curso "Elaboración de materiais didácticos dixitais para a ensinanza-aprendizaxe das ciencias sociais". É a primeira actividade dirixida especialmente ao profesorado deste ámbito, tanto de primaria como de secundaria. Un obxectivo é actualizar ao profesorado abordando contidos e elaborando materiais didácticos dixitais utilizando a plataforma Moodle e abordando os principais recursos que nos ofrece a plataforma e o manexo de ferramentas multimedia. Completarase con experiencias didácticas e exposición de recursos on line.
O curso será eminentemente práctico no que cada asistente dispoñerá dun ordenador e desenvolverase desde o 14 de outubro ata o 1 de decembro de 2010.
Na aula virtual Moodle do CFR de Lugo irase subindo información e materiais ao longo do desenvolvemento do curso.
O díptico do curso é o seguinte:
Elaboración de materiais didácticos dixitais para a ensinanza-aprendizaxe das ciencias sociais

miércoles, 29 de septiembre de 2010

Ensino da historia a través de Google Earth

É o título co que o ITE publicou en novembro do 2009, un monográfico dedicado ás aplicacións do Google Earth nas clases de historia. En cada un dos artigos describese brevemente a ferramenta empregada e proponse varias actividades para levar á aula.
Os artigos que compoñen este monográfico son:
Seguro que a lectura destes artigos vai proporcionaros ideas para novas aplicacións deste programa.

lunes, 20 de septiembre de 2010

Realidade aumentada e Ciencias Sociais

Na web wwwhatsnew.com atopo esta presentación sobre realidade aumentada con fins educativos:
Na diapositiva 28 fala de Arsights, un programa que permite obter monumentos e edificios de Google Earth para velos nunha cámara web en realidade aumentada. Hai que descargar a aplicación, instalala e buscar no Google Earth algún monumento co logo de Arsights.
No mesmo artigo hai outras tres presentacións en castelán sobre realidade aumentada e un enlace a unha colección de 13 vídeos que mostran as súas aplicacións nos museos.
Xa teño entretemento para uns días!!!

jueves, 16 de septiembre de 2010

Grupos de traballo

Remato esta serie de artigos dedicados á formación en centros cos grupos de traballo. É a modalidade máis solicitada nos CFR. Permite a posibilidade de docencia externa por unha persoa que non estea destinada no centro sede.
A convocatoria está no Plan Anual de Formación do Profesorado.
Para solicitar un grupo de traballo hai que ter en conta:
  • A solicitude de preinscrición pode presentarse entre os días 14 de setembro e 17 de decembro de 2010 segundo o modelo do Anexo I.
  • Unha vez recibida a solicitude a Directora do CFR asignará o proxecto a un asesor ou asesora que se comunicará coa persoa coordinadora do grupo para preparar o proxecto conxuntamente segundo o Anexo III da convocatoria.
  • A solicitude de participación (Anexo II) e o proxecto de traballo deberán presentarse no prazo de 20 días contados dende a recepción da solicitude de inscricion. Na solicitude de participación deben figurar os datos dos compoñentes do grupo e estará asinada polo coordinador/a , co Vº e prace do director/a do centro sede e informe da persoa asesora. O proxecto debe entregarse en formatos papel e informático.
  • A duración do proxecto está entre 20 e 50 horas. Pódese dedicar á docencia impartida por persoas non destinadas no centro un máximo do 20% das horas solicitadas.
  • O número de participantes será como mínimo 5 e como máximo 12, incluída a persoa coordinadora do grupo. Poden traballar en distintos centros, pero a lo menos os dous terzos do total dos compoñentes deben pertencer ao ámbito do CFR onde se solicita. Os participantes nun grupo de traballo non poden participar noutros grupos ou seminarios permanentes. Tampouco en proxectos de formación e asesoramento coa mesma temática e tamén nas convocatorias que a consellería de Educación e Ordenación Universitaria estableza como incompatibles.
  • No proxecto incluirase unha proposta de orzamento, que non poderá superar os 1000 €. Debe estar desglosada nos apartados: a) docencia externa, b) material funxible e bibliografía e c) desprazamentos.
  • Unha vez presentado o proxecto, a comisión de selección deberá reunirse nun prazo máximo de 30 días contados a partir do día seguinte á data na que se presentou a solicitude de preinscrición.

Seminarios permanentes

É unha modalidade de formación onde se prima a colaboración entre o profesorado do grupo, que debe facer o traballo sen docencia externa, coa única colaboración do/a asesor/a do CFR. Desenvolverá un aspecto concreto do labor docente: traballar, investigar e experimentar novas propostas didácticas desde a óptica da innovación educativa, organización escolar, elaborar materiais de aula e experimentar os aspectos tratados .
A convocatoria está no Plan Anual de Formación do Profesorado.
Para solicitar un seminario permanente hai que ter en conta:
  • A duración do seminario está entre 30 e 50 horas.
  • O número de participantes será como mínimo 3 e como máximo 6. A lo menos os dous terzos do total dos compoñentes deben pertencer ao ámbito do CFR onde se solicita.
  • Os participantes nun seminario permanente non poden participar noutros seminarios ou grupos de traballo. Tampouco en proxectos de formación e asesoramento coa mesma temática.
  • A sede do seminario permanente será o centro dun dos membros pertencentes ao ámbito do centro de formación.
A solicitude de participación presentarase seguindo o modelo do Anexo I acompañado da documentación complementaria antes do día 29 de outubro. Nesta solicitude debe ir a relación do profesorado comprometido no proxecto. Debe estar asinado polo/a coordinador/a do seminario e o/a director/a do centro e co selo do centro sede.
Acompañando a solicitude débese entregar o proxecto segundo o modelo do anexo II da convocatoria en soporte papel e informático e co visto e praze do director ou directora do centro donde se desenvolverán as reunións do seminario.
No proxecto incluirase unha proposta de orzamento, que non poderá superar os 600 €. Neste orzamento non se contemplarán os desprazamentos dos compoñentes do seminario.
A comisión de selección do CFR realizará a selección e aprobación dos proxectos de formación presentados no prazo de 20 días naturais a partir do seguinte ao de finalización do prazo de presentación.
Agardo que sexa do voso interese.