Mostrando entradas con la etiqueta Museos. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Museos. Mostrar todas las entradas

viernes, 13 de julio de 2012

O Museo Virtual da Cultura Castrexa

Imaxe da web do Museo Virtual da Cultura Castrexa
MUVICC
O Museo Virtual da Cultura Castrexa permítenos visitar os castros de Viladonga, Taramundi, Chao de Sanmartín, Castrolandín e Santa Trega de forma virtual  coas visitas aos castros e museos mediante unha a información de expertos con imaxes, opinións e cunha audioguía onde nos explican a vida dos habitantes destes poboados.
A este paseo virtual engádese información relacionada coa vida e cultura castrexa e tamén temos acceso ao catálogo en 3D de obxectos atopados coa imaxe e información detallada de cada peza.
Imaxe dunha  escea dunha casa moderna no castro de Viladonga
Ideal para pasar un bo rato nestes días anubrados.

jueves, 19 de abril de 2012

II Encontro entre o profesorado no Museo del Prado

(c) Museo del Prado
Na sección de educación do Museo del Prado está anunciado o II Encontro entre o profesorado que se celebrará o vindeiro sábado 21 e vai ser retransmitido en directo. O obxectivo deste encontro é dar a coñecer os traballos realizados nas aulas relacionados co museo. No programa do encontro atopamos varias experiencias de centros madrileños.

Na páxina están dispoñibles as ponencias do primeiro congreso, celebrado o ano 2010.

martes, 1 de febrero de 2011

Art Project

A páxina de Google sorprendeume hoxe co anuncio "Explora museos de todo o mundo. Descubre o Art Project coa tecnoloxía de Google". Así que lanceime a exploralo e non dou parado.
Pódese pasear polas salas de 17 museos, entre eles o Thyssen-Bornemisza e o Reina Sofía usando os controis de movemento e o zoom do Google Earth. Pulsando no signo + que aparece ao lado dalgunha das obras ou seleccionado o título no desplegable da parte superior podemos ver o cadro en alta resolución, cun zoom que nos permite fixarnos nos detalles.
Pulsando no botón cunha i que hai na parte superior dereita dános información do cadro, o autor, enlaces a vídeos relacionados, outra obras, etc.
O botón Visitor guide lévanos a un vídeo que amosa o funcionamento da páxina e unha lista das preguntas máis correntes.
Agora vou seguir visitando o Palacio de Versalles. Déixovos cunhas preguntas: de que cadro é esta imaxe? en que museo está?


jueves, 6 de enero de 2011

Rubens 360º

Na páxina do Museo do Prado podemos ver un vídeo interactivo sobre a exposición de Rubens. Situando o cursor sobre o vídeo aparecen iconos que nos indican que hai material relacionado. Pulsando sobre estas iconas accedemos aos distintos recursos.
Os materiais enlazados son de tres tipos, indicados pola icona que aparece sobre o vídeo:
  • Imaxes de alta resolución dos cadros xunto con fichas das obras.
  • Imaxes de alta resolución con audioguía e ficha.
  • Vídeos con comentarios.
Este é o vídeo que serve de base aínda que aquí non ten a capa de contidos interactivos.


Tamén pódese ver un resumo do documental Rubens, o espectáculo da vida (unha biografía coproducida polo Museo) nas súas salas os sábados ás 12 h e os domingos ás 17 mentras dura a exposición.

Se queres ver esta exposición hai que apurar: pecha o 23 de xaneiro.

jueves, 7 de octubre de 2010

Actividades para grupos escolares do Museo Provincial

O Museo Provincial acaba de publicar o catálogo de actividades escolares para o curso 2010/2011. Na guía temos un resumo das actividades programadas e os niveis educativos aos que van destinadas:
  • A muralla dos nenos (2º, 3º e 4º de primaria)
  • A muralla no museo (5º e 6º de primaria e 1º de ESO)
  • A arte do vestido (4º e 5º de primaria e 1º de ESO)
  • Algo máis que ver un cadro (4º e 5º de primaria)
  • Debuxa un conto: a escola de Doloriñas (educación infantil e 1º e 2º de primaria)
  • Safari no museo (1º, 2º e 3º de primaria)
  • Rutas literarias (ESO e bacharelato)
  • Visita de iniciación ao museo (primaria, ESO e bacharelato)
  • Visita á sección de prehistoria e arqueoloxía (3º ciclo de primaria, ESO e bacharelato)
  • A romanización (ESO e bacharelato)
Tamén hai unha unidade didáctica sobre Castelao destinada a que o profesorado de ESO, bacharelato e ciclos formativos prepare e dirixa unha visita á colección Castelao.

Para concertar unha visita ou solicitar calquera información pódese chamar ao teléfono 982242300 ou enviar mensaxe ao correo didactica@museolugo.org
Os responsables do museo piden que os grupos non superen os 30 alumnos e que as visitas se concerten polo menos 15 días antes.
Aquí podedes ver o folleto que distribúe o Museo:
1328 PROGRAMA Actividades Escolares-curso 2010 2011

lunes, 20 de septiembre de 2010

Realidade aumentada e Ciencias Sociais

Na web wwwhatsnew.com atopo esta presentación sobre realidade aumentada con fins educativos:
Na diapositiva 28 fala de Arsights, un programa que permite obter monumentos e edificios de Google Earth para velos nunha cámara web en realidade aumentada. Hai que descargar a aplicación, instalala e buscar no Google Earth algún monumento co logo de Arsights.
No mesmo artigo hai outras tres presentacións en castelán sobre realidade aumentada e un enlace a unha colección de 13 vídeos que mostran as súas aplicacións nos museos.
Xa teño entretemento para uns días!!!

martes, 29 de junio de 2010

Fundación Gala - Salvador Dalí

A Fundación Gala - Salvador Dalí é unha entidade cultural privada dedicada a "promocionar, fomentar, divulgar, prestixiar, protexer e defender a obra artística cultural e intelectual do pintor". Foi creada en 1983 por desexo do pintor, que a presidiu ata a súa morte en 1989.
Actualmente a Fundación xestiona os Museos Dalí de Figueres, Portlligat e Púbol, as coleccións, que abranguen máis de 4000 obras, exposicións, publicacións, dereitos da propiedade documental e de imaxe, etc.
Dispón dun servizo educativo que organiza actividades dirixidas ao alumnado de todos os niveis. Gran parte destas actividades organízanse nos Museos, pero na páxina web podemos ver algunhas: A persistencia da memoria e Sono causado polo vó dunha abella arredor dunha granada uns segundos antes de espertar. Son xogos educativos creados a partir de obras e textos de Dalí. Teñen versións para familias, escolas e adultos. Por exemplo, na versión para o alumnado da ESO e o bacharelato hai que responder unhas perguntas sobre a obra a partir da información obtida nunha serie de vídeos explicativos.
No catálogo razoado de pinturas podemos atopar información das obras pintadas entre 1910 e 1930: imaxe, data, soporte, técnica, dimensións, localización... En vindeiros anos o catálogo irase ampliando ata chegar a 1983.

domingo, 23 de mayo de 2010

Castelao: A derradeira lección do mestre

Onte fun ver a exposición Castelao: A derradeira lección do mestre. Dita exposición vai estar aberta ata o día 10 de xullo de 2010 no Museo Provincial de Lugo. Nela podemos ver obras feitas entre os anos 1936 e 1950, anos nos que o autor estivo exiliado. Ademais dos debuxos e gravados podemos ver manuscritos orixinais, as súas lentes, varios autorretatos, máscaras usadas no estreno "Os vellos non deben namorarse" e varios audiovisuais.
Coincidindo coa exposición presentouse unha sala permanente de obras de Castelao.




Máis información:

lunes, 4 de enero de 2010

Signoguías nos museos

No Museo do Prado podemos ver 15 obras coa súa explicación en lingua de signos.

Outros museos accesibles son o Museo Thyssen-Bornemisza que ofrece 21 obras neste momento, o Museo Nacional de Arte Romano e o Museo Nacional de Altamira.

domingo, 27 de diciembre de 2009

Holandeses no Museo do Prado

No Museo do Prado podemos ver a exposición Holandeses no Prado, que estará aberta ata o día o 11 de abril de 2010 e que coincide coa publicación do primeiro catálogo razoado sobre as obras holandesas presentes na pinacoteca madrileña. A mostra ten como peza central a Judith no banquete de Holofernes, de Rembrandt. Conta tamén con obras de diferentes autores como Jan Both, Jacob Ruisdael, Gabriel Metsu, Adrien van Ostade, Philips Wouwerman...


jueves, 22 de octubre de 2009

Museos virtuais

O V Congreso de Educared que se vai celebrar en Madrid do 26 ao 28 de novembro ten unha fase online gratuita na que podemos ver unha serie de ponencias, experiencias, debates, entrevistas e talleres de diversos temas.
O pasado día 16 de outubro celebrouse un chat comentando unha ponencia sobre museos virtuais de Verónica Weber, profesora arxentina que actualmente é coordinadora do proxecto "Aventuras en Internet". Nesta ponencia Verónica fai unha clasificación dos museos virtuais atendendo a súa relación cun museo real, desde os que son meros folletos anunciadores ata os que soamente ten presenza en internet. Tamén falou dos aprendizaxes informais e das posibilidades dos museos para promover este tipo de aprendizaxes, proporcionando novos escenarios que trasladen ao noso alumnado a outra épocas e lugares aos que non poden acceder fácilmente.
Os asistentes ao chat falaron da potencialidade dos museos para motivar e o valor das actividades co museo virtual como complemento dunha visita real. Tamén se comentaron as limitacións destes entornos polos problemas de conexión das escolas e a falta de práctica no traballo na rede.
Non podo enlazar os materiais porque non son accesibles sen estar inscrito no congreso (a inscrición ao congreso virtual é gratuíta) así que poño un mapa conceptual que fixen a partir da presentación de Verónica sobre os tipos de museos.

viernes, 15 de mayo de 2009

Traballar coa arte

No boletín informativo nº 29 da Consellería de Educación engadiron un cadro que, baixo o título "Traballar coa arte", ofrécenos unha serie de enlaces relacionados coa arte en Galicia. De momento hai catro páxinas vinculadas:
  • Pintores de Galicia: dedicada á pintura e aos pintores contemporáneos galegos. Ten un listado dos artistas xunto ao seu lugar de nacemento e as técnicas empregadas. Podemos ver as biografías dalgúns deles. Supoño que pouco a pouco irán colocando as de todos. Tamén hai dúas pequenas seccións de escultores e fotógrafos.
    Completan a páxina un listado de museos e fundacións, outro de galerías, información sobre concursos de pintura e unha sección de actualidade.
  • Colección Caixa Nova: onde podemos ver as obras da colección de arte de Caixa Nova. Pódense buscar por autor, obra, ano ou utilizar un buscador de palabras. Hai unha área didáctica e unha colección de obras preparadas para o seu estudio, pero non puden ver ningunha destas seccións debido ao seu mal funcionamento no Firefox.
  • Sección de pintura de Cultura Galega: detallada información sobre artistas contemporáneos.
  • Museos de Galicia: páxina do MUGA (Sistema Galego de Museos). Na portada vemos unha clasificación de museos por sectores: arqueolóxicos, arte contemporánea, etnográficos, ciencia e teconoloxía...
    Para cada museo temos información sobre localización, horarios, prezo da visita, unha breve reseña da súa historia e o enlace á páxinas web.

domingo, 19 de abril de 2009

Guía de Museos de Belas Artes

Na sección de educación de Consumer-Eroski están publicando unha guía práctica de Museos de Belas Artes. De momento hai catro seccións:

sábado, 28 de marzo de 2009

Visita virtual á Catedral de Santiago

Coa web da Catedral de Santiago podemos facer un percorrido virtual tanto polo seu interior como polo exterior. Facendo clic en distintas zonas móstranos información sobre elas. É ideal para explicar ao alumnado antes de facer unha excursión.
Tamén podemos visitar o museo, as cubertas, o Pazo de Xelmirez, o arquivo (onde hai unha boa colección de enlaces á recursos arquivísticos), a biblioteca e as excavacións.
Na web podemos enterarnos de información útil para organizar unha excursión: horarios, teléfonos, tarifas, etc.
A páxina está feita en Flash e convén visualizala cunha resolución de 10240 x 768 a pantalla completa (tecla F11).




viernes, 6 de marzo de 2009

Francis Bacon no Museo do Prado

Teño ganas de ver esta exposición. Está organizada pola Tate Britain de Londres e o Metropolitan Museum de Nueva York, en colaboración co Museo do Prado, conmemorando o centenario do nacemento de Francis Bacon. No Museo do Prado vai estar aberta ata o día 19 de abril.
Consta de 78 obras, entre pinturas e obxectos do artista, clasificadas en dez seccións: Animal, Zona, Aprensión, Crucifixión, Crisis, Archivo, Retrato, Memorial, Épico e Final. En paralelo á exposición pódense ver actividades como conferencias, un ciclo de cine e outro de documentais.
Pensemos en organizar unha visita de fin de semana a Madrid, se o traballo non nolo impide. ¿Alguén se anima?

sábado, 17 de enero de 2009

Arte no Google Maps

Atopei dúas páxinas que usan os servizos do Google Maps e Google Earth para visualizar pinturas utilizando imaxes de alta resolución.

O Museo do Prado está poñendo algunhas obras cunha resolución de 14000 millóns de píxels. De momento vai haber 14 obras, que xa poden verse no Google Earth activando a capa "edificios 3D" e buscando o museo. No Google Maps había 4 a última vez que mirei. Pulsando na imaxe de cada cadro ábrese unha ventá na que o mapa típico de Google é sustituído por unha pintura. Podemos usar as ferramentas de ampliación e movemento ata apreciar case as pinceladas do pintor.
Os cadros que podemos ver son:
- 'La Crucifixión', de Juan de Flandes
- 'El caballero de la mano en el pecho', de El Greco
- 'Las Meninas', de Velázquez
- 'El sueño de Jacob', de Ribera
- '3 de mayo', de Goya
- 'La Anunciación', de Fra Angelico
- 'El Cardenal', de Rafael
- 'El emperador Carlos V, a caballo en Mühlberg', de Tiziano
- 'Inmaculada Concepción', de Tiepolo
- 'El Descendimiento', de Roger van der Weyden
- 'El jardín de las Delicias', de El Bosco
- 'Las tres Gracias', de Rubens
- 'Autorretrato', de Durero
- 'Artemisa', de Rembrandt

The Kremer Collection é unha colección de pintura holandesa e flamenca do século XVII xestionada pola Fundación Aetas Aurea. Podemos ver obras de 40 artistas. Pulsando no cadro abre unha ventá na que podemos navegar pola obra.

jueves, 8 de enero de 2009

Europeana: pensar a cultura.

A Biblioteca Dixital Europea xa está en marcha. Abriu o día 20 de novembro, pero a cantidade de visitas do día da inauguración colapsou o sistema e tiveron que pechalo ata mediados de decembro. Actualmente está funcionando en fase de probas.
A Europeana pretende reunir nunha única web arquivos culturais dos 27 paises da Comunidade Europea: bibliotecas, museos e institucións culturais poñen a disposición da biblioteca máis de dous millóns de libros, imaxes, vídeos, mapas, documentos históricos, etc. Os organizadores pretenden superar os 10 millóns de documentos no ano 2010. No listado das entidades colaboradoras vexo 5 españolas, entre elas a Biblioteca Dixital da Xunta de Galicia. Chámame a atención a ausencia do Museo do Prado.
O funcionamento da páxina de momento é limitado. Opcións como "Mi europeana", que permitirá personalizar e almacenar as buscas, aínda non está dispoñible e no buscador xa advirten de que a facilidade de uso pode que non sexa óptima na fase de probas e pode haber limitacións en horas punta.
Estiven facendo algunhas buscas e de momento nótase que máis da mitade dos fondos veñen de institucións francesas:
  • Atopei dúas imaxes de Pío Baroja, 48 recursos sobre Federico Garíca Lorca e máis de 700 sobre Claude Simón.
  • 5289 imaxes buscando Madrid, 7630 de Berlín, 23780 de Roma e 668135 de París.
  • 763 recursos buscando Goya e 873 buscando Cézanne
A pesar das limitacións iniciais, a Europeana é unha ferramenta moi interesante e pode ser unha boa fonte de recursos se consegue aumentar o número de institucións colaboradoras.

miércoles, 17 de septiembre de 2008

Programa de actividades escolares do Museo Provincial de Lugo

Un ano máis o Museo Provincial de Lugo ven de presentar o "Programa" de actividades escolares para o curso 2008-2009.
Dito programa consta de 15 actividades diferentes para todos os ciclos e idades e están ofertadas a todos os centros de Galicia.
Para concertar ou consultar calquera información pódense dirixir ao Departamento de Didáctica a través do e-mail (didáctica@museolugo.org) ou do teléfono: 982 242112. Tamén se pode facer uso do "Formulario" para solicitar a visita con grupos escolares.
Para obter máis información das numerosas actividades que desde o Museo se ofertan podemos consultar a súa páxina web.
Agardo que sexa do voso interese.