miércoles, 1 de agosto de 2012
De Valdoviño a Pantín
Aínda que nos avisaran de que non se pasaría emprendemos a ruta. Bordeamos a zona costeira adentrándonos na medida do posible xa que os toxos invaden ás veces o pequeno sendeiro ao comezar o percorrido. Salvando obstáculos chegamos ao pobo de Pantín e logo baixamos a praia de A Roda para voltar pola estrada que bordea a costa.
As vistas e os recunchos son fermosos e tamén os acantilados son impresionantes. O paseo foi agradable e nos vindeiros días seguiremos bordeando as nosas costas. Agora deixo algunhas das imaxes que saquei.
domingo, 22 de abril de 2012
Día da Terra
Día da Terra on PhotoPeach Día da Terra II on PhotoPeach
lunes, 2 de abril de 2012
Fragas do Eume
V Televisión percorre o corazón das Fragas do Eume. Información sobre a Fraga do Eume:
- Parque natural As Fragas do Eume en Galicia Máxica
- Materiais da Consellería do Medio Rural e do Mar
- Noticias sobre incendios en Galicia en La Voz de Galicia
![]() |
| Fragas do Eume |
domingo, 30 de enero de 2011
Barxa
Non atopei moita información sobre ela. Soamente que no ano 2007 tiña dous habitantes, un home e unha muller.
Supoño que foi unha bonita aldea, cuns espectaculares balcóns enriba do río Lor, que medrou ao carón da ferrería de Barxa, unha das máis importantes que houbo no Courel para traballar o ferro. Ao pechar a ferrería a xente da aldea quedou sen traballo e tivo que emigrar.
Hoxe quedan as casas derruídas, coma no cadro de Urbano Lugrís, Lembrando mellores tempos.
A música da presentación é Lament, de Davy Spillane.
Barxa on PhotoPeach
viernes, 30 de julio de 2010
Castro de Formigueiros (Samos)
O día 8 do outubro de 2009 escoitabamos esta nova:
Castro Formigueiros (Reportaje Emisoras-Lugo)
O día 12 de xuño de 2010 visitei de novo este castro despois de facer a ruta pola serra do Édramo dende a estrada que sube de Samos a Airapadrón. A verdade é que merece a pena pola súa importancia arqueolóxica e paisaxística. Froito desa andaina déixovos algunhas fotografías dese día a pesar da néboa que empañou o obxectivo e agardo que os traballos de excavación se retomen pronto.
A música que acompaña ás fotografías é Marcha do entrelazado de Allariz do grupo Breogán.
lunes, 7 de junio de 2010
Un descanso forzoso
E o que máis sinto é non poder ir ás excursións. Miro as fotos que me trouxeron da que me perdín o sábado pasado no pico Miravalles, nos Ancares, e xa estou pensando na forma de ir velo cando me recupere.
miércoles, 3 de febrero de 2010
Ruta Viavélez - Tapia de Casariego
Non foi difícil pero si longa: 18 km. E foi mollada, moi mollada. Esta vez ía equipada con todo tipo de impermeables: pantalón de auga, paraugas, varios plásticos... Cargando tanta protección para a chuvia esquecín comprobar as pilas da cámara de fotos, así que non puiden sacar ningunha. Na presentación poño as dun compañeiro de viaxe, Raúl Hidalgo, ao que lle "sinalei" as vistas interesantes.
A zona é moi fermosa, con praias rocosas como a de Monellos e a de Porcia e miradores espectaculares. As vistas desde os miradores de Campo Longo e de Cabo Blanco son impresionantes.
Gustaronme especialmente as lagoas de Salave, utilizada polos romanos na minería do ouro.
Ahora a esperar a seguinte ruta que, se o tempo o permite, vai ser nos Ancares.
jueves, 17 de diciembre de 2009
Ruta nas Illas Cíes
Xa hai tempo que fixen unha ruta polas Illas Cíes, no mes de maio, pero remateina tan enfadada que non quixen nin ver as fotografías.
As previsións xa non eran moi boas: chuvia pola mañá que iría remitindo pola tarde. A realidade foi catastrófica: chuvia constante pola mañá que evolucionou a diluvio despois de comer. Total que estivemos todo o día subindo aos miradores para ver... nubes.
Percorremos as rutas do Monte Faro, do Faro da Porta, de Monteagudo e do Alto do Príncipe, dende as que segundo o guía pódense contemplar fermosas vistas. Ata deixei algún tramo sen percorrer porque xa sabía o que esperaba ao final.
A tarde fixémola a paso lixeiro e rematamos unha hora antes do previsto. Estabamos desexando poñer roupa seca e tomar un café quentiño.
Como hai que aprender de todo, quedeime con que teño que poñer o plástico cando cae a primeira gota. ¡Nada de esperar uns minutos a ver se para!
A pesar de todo quédame o desexo de voltar moi pronto e déixovos cunhas imaxes deste fermoso parque natural que sacamos neste día.
domingo, 30 de agosto de 2009
Rede de Parques Nacionais
O Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño mantén unha páxina dedicadas aos 14 Parques Nacionais na que temos información sobre as características da rede de parques, historia, lexislación, áreas de influencia socioeconómica...Co menú visitas podemos acceder a unhas fichas con información detallada de cada un dos parques: localización, mapa, impresos para solicitar autorizacións, información sobre instalacións e servizos, normas, municipios, patrimonio histórico e cultural, etc.
O apartado visita virtual permite ver imaxes da flora e fauna e coñecer as rutas máis destacadas.
Na páxina hai unha sección de descarga de cartografía na que podemos obter arquivos no formato shp para usar con calquera programa de manexo de información xeográfica, por exemplo o gvSIG. As capas que podemos obter son a zonificación, núcleos de poboación, carreteras, masas de auga, itinerarios de uso público e áreas recreativas.
A páxina complétase con catro xogos para o alumnado máis pequeno: o xogo dos contedores, ¿onde están os Parques?, ¿de que Parque é esta paisaxe? e ¿quen come a quen?
martes, 28 de julio de 2009
Botarse ao monte
O guíón e a dirección do programa é de Xosé Antón Moure e Fran Vello. Vaise emitir os luns ás 21:30.
Espero que o vaian poñendo na Televisión á carta para poder ver con calma algún detalle das rutas e non andar pendente da hora nestas noites de verán.

Engadido: vexo que xa pode verse o primeiro capítulo na Televisión á carta. Os programas engádense o día seguínte a súa emisión.
viernes, 24 de julio de 2009
Muíños do Folón e do Picón
O conxunto etnográfico de 31 muíños do Folón e 36 do Picón da comarca pontevedresa do Rosal está composto polo total de 67 muíños en cascada que datan dos séculos XVII e XVIII.De Xoán Martínez Tamuxe e Juan Ramón Martínez Barbosa é o libro Os muíños do Folón e do Picón na vila do Rosal, conxunto histórico-etnográfico de Galicia, editado pola Deputación de Pontevedra, no que sen dúbida poderemos ampliar información sobre a obra realizada polos veciños de Fornelos. Xoán Martínez Tamuxe sinala este conxunto coma "un tesouro único en Europa" polo seu emplazamento, a súa beleza paisaxística e a súa disposición escalonada.
Os muíños son de pedra, e teñen unha porta e unha ventá; A súa forma é rectangular, cunha cuberta dunha soa auga e unha soa roda. Algúns tiñan un alboio para acoller o transporte animal que chegaba. Só moían tres meses ó ano, os do inverno, porque a auga procedente do Riobó (actualmente Folón) empregábase nos campos durante o verán. Actualmente están reconstruídos e no 1998 o conxunto foi declarado Ben de Interese Cultural pola Xunta de Galicia.
O percorrido desta ruta que é circular ten unha distancia de 3,5 KM e pódese facer nun tempo de hora e media na que poderemos ver a molenda no primeiro muíño do Folón, o do As laxes, acondicionado como oficina de información turística. Para os que non a fixemos pode ser unha alternativa a facer no que queda de verán.
Muíños do Folón
Muíños do Picón
sábado, 18 de julio de 2009
Rutas polo Parque Natural de Somiedo
Venres, día 5: Saímos de Lugo cunha tarde chuviosa e o único que fixemos é viaxar, dar unha volta por Pola de Somiedo, tomar unha sidriña e cear.
Sábado, día 6: Fixemos pola mañá a fermosa ruta dos lagos de Saliencia, 14 km entre La Farrapona e Valle del Lago. Vimos os lagos de la Cueva, Cerveriz, Calazosa e del Valle, o maior de Asturias. Despoís de comer na localidade de Valle del Lago visitamos o Ecomuseo de Somiedo, formado polo Museo de la Casa Somedana en Veigas e o Museo de los Oficios en Pola de Somiedo.
Domingo, día 7: Fixemos a ruta de La Peral - Vilar de Vildas, comezando coa ascensión á Fuente Las Malladas desde a que disfrutamos dunhas magníficas vistas. No descenso vimos as brañas de Los Cuartos e La Pornacal, un poboado moi ben conservado con 33 cabañas de teito. Pola tarde visitamos o Centro de Interpretación do Parque Natural de Somiedo e, cara ás 6, voltamos a Lugo.
Como en todas as excursións de Acivro a comida foi excelente. Unha das compañeiras dixo que sempre volve das excursións pesando máis que na partida. Para facervos unha idea, a cea do venres comezou cun menú variado de tapeo con embutidos e queixos da zona, paté de cabracho, chourizos á sidra, ensalada da casa con queixo fresco, pimentos recheos e tigres. Continuou con costela con criollos e patacas fritas e para postre poidemos elixir arroz con leite, mouse de limón, tarta de hoxaldre ou tarta de queixo...
A única pega da viaxe é que o fotógrafo tivo un accidente caíndo ao voltar a Lugo, case na porta da casa. Para que digan que o monte é perigoso.
Agora a esperar ata o outono para seguir coas rutas costeiras
miércoles, 8 de julio de 2009
O Camiño de Santiago elixido tesouro do Patrimonio Inmaterial de España
O Bureau Internacional de Capitais Culturais seleccionou os 10 tesouros do Patrimonio Cultural Inmaterial de España mediante unha votación na que se emitiron máis de 150000 votos desde todas as comunidades autónomas e españois residentes no extranxeiro.O terceiro lugar ocupouno o Camiño de Santiago, soamente superado pola Semana Grande de Bilbao e o Filandón de León.
O patrimonio cultural inmaterial maniféstase, en particular, nos ámbitos seguintes: tradicións e expresións orais; artes do espectáculo, como a música tradicional, a danza y o teatro; usos sociais, rituais e actos festivos; coñecementos e usos relacionados coa natureza e o universo; técnicas artesanais tradicionais.
Á elección tamén se presentaron a Rapa das Bestas de Sabucedo, que quedou no undécimo lugar e as Festas do Apóstolo en Santiago, no lugar 36.
Páxinas con información sobre o Camiño de Santiago:
miércoles, 10 de junio de 2009
Ruta pola illa de Cortegada
Para empezar o día tocou madrugar: saída ás 7:30. Eu quería dormir no autobús pero non me deixaron as veciñas que non deixaban de falar.
Desde Carril leváronnos á illa nunha zodiac. Tiña medo de marearme, pero a ría estaba moi tranquila e foi unha viaxe moi agradable.
A ruta pola illa estivo guiada pola única empresa autorizada para realizar visitas á mesma. Ían explicándonos a historia da illa, detalles da capela e do poboado abandonado e as características das árbores e da vexetación atopada. Foi unha ruta sinxela e moi agradable, entre loureiros, piñeiros e carballos, etc visitando de vez en cando algunha praia pequeniña. Ao rematar voltamos a Carril na zodiac, facendo un percorrido máis longo para pasar préto das illas Malveiras e observar as bateas.
Despois de comer fixemos outra ruta máis cortiña visitando as praias da illa de Arousa. Tamén moi agradable, aínda que a calor animaba a deixar a mochila para darse un baño, como fixeron algunhas compañeiras de viaxe.
domingo, 26 de abril de 2009
Ruta Ortiguera - Viavélez
Foi na costa asturiana, recorrendo as praias que hai entre os pobos de Ortiguera e Viavélez. O día foi precioso e a ruta moi agradable, aínda que ten moitos tramos de asfalto.
Chamáronme a atención as praias pedregosas desta zona. Gustoume especialmente a de Torbas coa súa fervenza.
A comida tamén estivo rica. Pola tarde estaba previsto visitar Tapia, pero non poidemos porque a ruta levounos máis tempo do previsto. Queda para outra ocasión.
martes, 17 de febrero de 2009
Senda Verde das Carballeiras e Fervenza da Seimeira
O día anterior non parou de chover. Durante a viaxe parecía que íamos aguantar moita auga e pensei en quedarme a durmir no autobús todo o día mentres os demáis se mollaban no paseo. Ao pouco de comezar o camiño a chuvia parou. E xa non a vimos no resto do día. ¡Parece que os organizadores fixeron tratos co clima para que toda a auga caése antes da ruta!
Saímos de Santa Eulalia de Oscos e enseguida estabamos atravesando un bosque de carballos, castiñeiros, bidueiros e abelairas. Tamén vimos uns fermosos cabalos.
Paseamos por Pumares, antiga aldea dedicada á ferrería que ahora está restaurada e dedicada ao turismo rural. A partir de aquí seguimos a ruta da Seimeira, que vai sempre pegada ao río. Coas augas dos últimos días o río estaba precioso e aparecían moitas cascadas. Os carballos e castiñeiros da ribeira daban á zona un aspecto máxico. É unha das rutas máis fermosas que fixen.
Atravesamos unha aldea abandonada, vimos as corripas para almacenar castañas, pasamos polo valle do Desterrado e chegamos a impresionante fervenza, onde pasamos un bo rato mirándoa desde todos os ángulos posibles.
Á volta subimos a aldea de Busqueimado, que ten a capela de San Pedro xunto a dous teixos que están catalogados como monumento natural. E despoís fixemos o camino de regreso a Santa Eulalia a paso lixeiro porque ían dar as tres e os de diante tiñan fame. Os últimos chegamos coa lingua fóra.
A comida estivo moi rica: pote asturiano, cordeiro e flan. Parecíame moi forte e tíñalle pánico, pero gustoume tanto que repetín dúas veces cada plato. E non foi nada pesada.
Para rematar o día fomos ao Museo Casa natal do Marqués de Sargadelos onde pasamos un rato moi agradable coas explicacións de José Luis. ¡Os que pillaron escano na mesa da cociña non querían moverse de alí e pedían o café!
Agardamos poder repetir a experiencia no outono. As diferentes vistas poden ser impresionantes.
Agardo que sexa do voso interese.

