lunes, 16 de noviembre de 2009

Os Pintores de Artal. Pintura española do Museo da Habana

Na Sede da Fundación Caixa Galicia de Lugo inaugurouse o pasado 16 de outubro unha nova exposición que podemos visiar ata o 21 de marzo. A través desta mostra chamada "Os Pintores de Artal. Pintura española do Museo da Habana" podemos ver obras de Sorolla, Rusiñol, Fortuny, Sotomayor... nun total de 27 paletas e 20 óleos de artistas que participaron nos Salóns de Artal de Arxentina e que actualmente pertecen ao Museo de Belas Artes da Habana.
José Artal foi un comerciante catalán asentado en Arxentina que entre 1897 e 1913 organizou 24 exposicións de arte español en Bos Aires, o que iniciou a difusión de artistas de España en Sudamérica.
Dende o Servizo Educativo ofértase aos centros escolares un programa didáctico dirixido a Educación Infantil, Educación Primaria e Educación Secundaria.
As imaxes que acompañan este artigo son Dous nenos de Fernando Álvarez de Sotomayor e Paisaxe de Mallorca de Joaquín Mir.


martes, 10 de noviembre de 2009

Os muros que non caeron

Entre os especiais que os medios de comunicación dedicaron o día 9 de novembro á caída do Muro de Berlín hai que destacar o titulado "Os muros que non caeron" no BBC Mundo.
Trátase dun percorrido por 14 barreiras que seguen separando pobos polos motivos máis diversos: violencia, enfermidades, combatir a inmigración... Algunhas témolas tan próximas como as de Ceuta e Melilla.
É unha magnífica reportaxe que convén que non caia no esquecemento.

Ver Os muros que non caeron en un mapa más grande

lunes, 9 de noviembre de 2009

Premio Nacional de Fotografía 2009

Gervasio Sánchez (Córdoba) é un fotógrafo, periodista e reporteiro de guerra que traballa para o Heraldo de Aragón, A Ser, La Vanguardia, El País e Tiempo. O 6 de novembro concedéuselle o Premio Nacional de Fotografía concedido polo Ministerio de Cultura e dotado con 30.000 euros "polo seu compromiso continuado coa fotografía como ferramenta de denuncia da violencia nos conflictos armados, pola súa continuada labor a favor da xusticia e especialmente polo seu traballo sobre as minas anti-persoas" e pola súa aportación á fotografía de reportaxe e por "como a través dela se dignifica ás víctimas fotografiadas, cunha mirada particular que enaltece os mellores valores do fotoperiodismo".
Gervasio Sánchez dedicou este premio aos seus amigos periodistas e fotógrafos mortos no exercicio da súa profesión.



No ano 1995 comezou o proxecto "Vidas minadas", seguindo durante anos ás víctimas das minas antipersoais nas poboacións dos países máis minados do mundo, en colaboración con Intermón Oxfam, Manos Unidas e Médicos sen Fronteiras.

Tamén no seu blog Los desastres de la guerra podemos atopar outros artigos e fotografías das súas vivencias nestes países en guerra.
Gervasio Sánchez recibiu tamén o ano pasado o Premio Ortega e Gasset de Periodismo Gráfico e o Internacional de Periodismo Rey de España no apartado de fotografía e agora está preparando un traballo sobre as desaparicións por motivos políticos.
Noraboa por este premio e pola constancia na labor dun periodismo comprometido.

viernes, 6 de noviembre de 2009

Mirando ao infinito

Un amigo matemático recomendoume mirar este blog e levo uns días que o visito en canto teño un ratiño libre. O autor é Paco Lozano, profesor de matemáticas no IES Luna de la Sierra de Adamuz (Córdoba), pero aficionado á fotografía e a pintura, actividades ás que reserva dous seccións no blog.
Aquí coñecín artistas da nosa época que non tiña ningunha referencia e que teñen obras fermosas: Su Blackwell, Anna Rivera, Mario Mariotti, Steve Hanks... Tamén hai artigos dedicados a fotógrafos: Cristobal Serrano, Desiree Doiron, Gabriel Brau...
Paco é autor dunha colección de fondos de escritorio creados con fractais. Dende hai un ano publica un calendario que vai permitirme ter o mes sempre na pantalla do ordenador. A ver se así non teño tantos despistes co día no que vivo.
Neste blog tamán podemos estar ao día en ferramentas tic, web 2.0 e outros recursos informáticos.
É un blog ideal para disfrutar e relaxarse coas súas imaxes tras un día de traballo.

sábado, 31 de octubre de 2009

FotoPress 09

Na CaixaForum de Barcelona pode verse a exposición coas fotografías do premio FotoPress 09, no que se recoñece o traballo de sete fotógrafos e dúas fotógrafas sobre a violencia en países en conflicto.
O primeiro premio foi para Emilio Morenati coa serie "Violencia de xénero", retratos de dez mulleres pakistaníes que sufriron ataques con ácido e os seus rostros quedadon desfigurados de por vida.


Walter Astrada obtivo o 2º premio con "Violencia postelectoral en Kenia", con fotografías obtidas en xaneiro e febreiro do ano 2008 tras unhas eleccións nas que houbo máis de 1300 mortos.


O terceiro premio otorgouselle a Alfonso Moral con "Líbano, entre mar e lume", con fotografías que documentan a multiculturalidade do país.


Na exposición tamén pódense contemplar os traballos doutras seis persoas becadas: Mikel Aristregi, Lurdes R. Basoli, José Luis Expóxito, Aleix Plademunt, Marta Ramoneda e Fosi Vegue.

WebQuest sobre igualdade

Amar na diversidade, vivir na igualdade. WebQuest creada por Marcelino Veiguela Fuentes e Esther Mato Méndez do IES Chapela de Redondela que acadou o primeiro premio ás webquest sobre educación afectivo-sexual (Resolución conxunta da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Consellería de Educación e da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade. 31 de mayo de 2007).
Nela faise unha análise da linguaxe sexista nos refráns e letras de cancións centrándose na transmisión de estereotipos e a persecución da homosexualidade e exclusión social de determinadas persoas.

Crea unha campaña. Nesta webquest trátasede concienciar ao alumnado sobre a violencia de xénero e, ao mesmo tempo, coñecer algunhas claves da lenguaxe publicitaria. Ten cinco actividades destinadas a crear unha campaña publicitaria co seu slogan, imaxes e un vídeo cunha banda sonora e voz. Para deseñar a webquest e colocala en internet utilízase WordPress, ferramenta de xestión de blogs.
Está creada como traballo para o e seminario para Diversificación Curricular e PIEE do Berritzegune de Getxo (Bizkaia) polas profesoras Mari Paz Balagué, Adela Fernández e Marta Pelayo e o profesor Patxi García.

8 de marzo: día da muller. Creada por Valle Rodríguez Félix para o alumnado do terceiro ciclo de Educación Primaria, dentro dunha unidade didáctica realizada con motivo do Día Internacional da Muller. Estúdianse as diferenzas entre homes e mulleres nos ámbitos lexislativo, laboral, educativo e periodístico. A clase divídese en catro grupos que se encargan de preparar cada un destes ámbitos e despois expoñen na aula as conclusións a que chegaron.

Dereitos humanos. Preparada por Axial dentro de unha unidade didáctica sobre os dereitos humanos. A principal fonte de información que hai que manexar é o vídeo, en particular os de Human Rights. Tras a visualización dos vídeos o alumnado sacará conclusións sobre as consecuencias positivas que nos aporta o seu complimento. Un dos grupos dedícase aos dereitos da muller.

Rosa Caramelo. Webquest para educación infantil e primeiro ciclo de primaria creada por Rocío Cabanillas. A partir dun conto propón unha serie de actividades que conclúen nun mural colectivo de xoguetes non sexistas e un libro de xogos para a coeducación.
O deseño está moi coidado, con arquivos de son que axudan ao alumnado e indicacións para o profesorado.

martes, 27 de octubre de 2009

Patrimonio da Humanidade 2009

A UNESCO, na reunión de Sevilla do 28 de xuño, inscribiu 13 novos sitios na lista do Patrimonio Mundial na reunión celebrada en Sevilla a finais de xuño. Hai dous novos sitios naturais e once culturais.
No mapa situei nestes lugares as descricións da Unesco e enlaces a diversas páxinas informativas.


Ver Patrimonio da humanidade 2009 en un mapa más grande

jueves, 22 de octubre de 2009

Museos virtuais

O V Congreso de Educared que se vai celebrar en Madrid do 26 ao 28 de novembro ten unha fase online gratuita na que podemos ver unha serie de ponencias, experiencias, debates, entrevistas e talleres de diversos temas.
O pasado día 16 de outubro celebrouse un chat comentando unha ponencia sobre museos virtuais de Verónica Weber, profesora arxentina que actualmente é coordinadora do proxecto "Aventuras en Internet". Nesta ponencia Verónica fai unha clasificación dos museos virtuais atendendo a súa relación cun museo real, desde os que son meros folletos anunciadores ata os que soamente ten presenza en internet. Tamén falou dos aprendizaxes informais e das posibilidades dos museos para promover este tipo de aprendizaxes, proporcionando novos escenarios que trasladen ao noso alumnado a outra épocas e lugares aos que non poden acceder fácilmente.
Os asistentes ao chat falaron da potencialidade dos museos para motivar e o valor das actividades co museo virtual como complemento dunha visita real. Tamén se comentaron as limitacións destes entornos polos problemas de conexión das escolas e a falta de práctica no traballo na rede.
Non podo enlazar os materiais porque non son accesibles sen estar inscrito no congreso (a inscrición ao congreso virtual é gratuíta) así que poño un mapa conceptual que fixen a partir da presentación de Verónica sobre os tipos de museos.

viernes, 16 de octubre de 2009

WebQuest Sociales

Saltando de páxina en páxina nunha tarde de aburrimento atopei este blog, . Os únicos datos que teño do seu autor é que se chama Juan de Jesús e traballa no Centro Montessori de Educación Personalizada de Santo Domingo.
No blog podemos atopar:
Juan de Jesús tamén é autor dunha páxina web dedicada a temas de liderazgo e crecimento persoal e un aula virtual en Moodle para os seus cursos, pero non puden entrar en ningún por que non admite o acceso a convidados.

martes, 13 de octubre de 2009

¿Por que razón necesitamos diferentes tipos de mapas?

No último boletín de Eduteka fala deste proxecto colaborativo preparado por ePals e traducido ao castelán por Eduteka. Os seus obxectivos son:
  • Usar un mapa físico, un climático e un político para reunir información coa finalidade de formular e responder preguntas sobre un sitio determinado.
  • Utilizar da mellor maneira os correos electrónicos para facer preguntas e atopar respostas, sobre a súa propia ubicación xeográfica e a de outras persoas.
  • Prantexar preguntas sobre xeografía e obter información xeográfica usando unha linguaxe académica e diferentes tipos de mapas.
O proxecto está preparado para traballar nos centros asociados a ePals, pero é fácilmente modificable para adaptalo ás necesidades do noso centro e a outros cos que teñamos relación. Incluso, se non podemos atopar outros centros para facer o traballo, podemos centrarnos nos obxectivos xeográficos e cartográficos aproveitando a idea e os recursos enlazados na páxina.

sábado, 10 de octubre de 2009

¡Alto aos desastres!

A EIRD son as siglas da Estratexia Internacional para a Redución dos Desastres. Depende da Organización das Nacións Unidas e propón medidas para a redución dos efectos dos desastres causados por perigos naturais como inundacións, terremotos e volcáns.
Entre as súas actividades formativas está a páxina ¡Alto aos desastres!, destinada a mozas e mozos entre 9 e 16 anos. Trátase de cinco xogos de simulación nos que hai que enfrentarse a situacións provocadas por desastres naturais: tsunami, ciclón, incendio forestal, terremoto e inundación. O obxectivo do xogo é construír un entorno seguro para a poboación e avaliar o risco de desastre intentando reducir os danos humanos, físicos e o coste económico.

martes, 6 de octubre de 2009

Redes sociais, quero ser o teu amigo

wNesta reportaxe emitida pola Cadea Catro analízase o uso de distintas redes sociais: emprego que fai delas a xuventude, problemas para a intimidade, aplicacións na política e no ensino...
A parte dedicada ao ensino está a partir do minuto 45 e está rodada en centros de A Coruña.
Como ferramentas máis empregadas polo profesorado fala de:
  • Moodle: aula virtual, para difundir apuntes e exercicios, manter contactos co alumnado mediante os foros...
  • Twitter: microblog, para levar un diario de clase
  • TeacherTube: sistema de aloxamento de blog, similar a Youtube pero especializado en blogs didácticos.

Ver documentales online en DocumaniaTV.com


Máis información sobre redes sociais:

lunes, 28 de septiembre de 2009

Séraphine de Senlis

O venres fun ver a película Séraphine, proxectada na XXXI Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo. Narra a vida da pintora francesa Séraphine Louis, tamén coñecida por Séraphine de Senlis. Esta muller traballou como pastora na súa infancia e, posteriormente, limpando casas. Fabricaba ela mesma as cores mezclando a pintura máis barata con cera de candeas que collía na igrexa, terra, a súa sangue...
O marchante de arte Willien Uhde a coñeceu nunha temporada que pasou en Senlis antes da 1ª Guerra Mundial, cando Séraphine limpaba a súa casa. Promocionouna comprando os seus cadros e incluíndoos na exposición colectiva "Los primitivos modernos".
Séraphine non soubo administrar os cartos obtidos nos seus anos de éxito. A crise económica de 1930 provocou a ruina de Williem Uhde e, por tanto, Séraphine voltou á pobreza. Os últimos anos da súa vida pasounos nun asilo psiquiátrico.


A película está dirixida por Martin Provost e protagonizada por Yolande Moreau e Ulrich Tukur.
Déixovos co seu trailer.

miércoles, 23 de septiembre de 2009

Henri Fantin-Latour no Museo Tyssen

Neste agosto tiven a oportunidade de ver a exposición "Fantin-Latour" na Fundación Calouste Gulbenkian de Lisboa. En colaboración con este museo en España poderémola ver no Museo Thyssen desde o 29 de setembro ata o 10 de xaneiro de 2010. Fantin-Latour (Grenoble, 1836 - Buré, 1904) formouse á carón de seu pai, tamén artista, e nos obradoiros de Lecocq de Boisbaudran e Courbet. Amigo dos impresionistas mantivo nos seus cadros un realismo lírico propio. Gran parte dos seus traballos podemolos ver no Musée d´Orsay e no Musée des Beaux-Arts de Grenoble. Compañeiro de xeración de Manet, Degas e Whistle, compartiu con eles moitas das súas aspiracións.
A esposición consta de arredor de 70 pinturas, consideradas de primordial importancia e algunhos debuxos preparatorios amosados cronoloxicamente e estructurados en seccións:
  • Autorretratos nos que busca a expresión de emocións a través da súa propia imaxe.
  • Copias de obras do Louvre, entre os que destacan os traballos de Titian, Veronese, Rubens e Delacroix.
  • Retratos intimistas xeralmente de figuras femininas bañados de silencio e dunha melancolía que reflexa a intimidade entre a modelo e o pintor.
  • Ramos e cadros de flores feitas con rigurosas mezclas de formas e cores.
  • Naturezas mortas elaboradas por Fantin-Latour na súa xuventude.
  • Estudos e lecturas
  • Retratos de artistas e escritores que lle foron contemporáneos.
  • Obras de tema musical constituiron unha fonte boa de inspiración do seu traballo.
  • Retratos austeros e retratos familiares coma o retrato da parella Edwards, o de Charlotte Dubourg e o do seu amigo Léon Maïtre son os mellores.
  • Temas simbolistas e naturezas mortas da fase de madurez do pintor.

domingo, 20 de septiembre de 2009

Stieg Larsson

Este verán estiven lendo a triloxía Milenium de Stieg Larsson. Coincido coa opinión xeralizada de que son unhos libros moi adictivos. A súa lectura é dinámica e engancha de tal forma que nunha semana lin os tres.
Entérome polo blog de Montserrat Boix de que este autor recibiu un premio concedido polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial "pola súa aportación, a través da literatura, na visualización e denuncia da violencia contra as mulleres que se segue perpetuando nas sociedades actuais, tamén nas máis avanzadas; e por poñer de manifesto que non só é desesexable senon posible a construcción dunha sociedade libre de violencia de xénero, por todos os seus integrantes, mulleres e homes".
O premio vai ser entregado o 21 de setembro e vai ser recollido
por Eva Gabrielsson, compañeira do escritor.
Paréceme un bo acerto este premio.

miércoles, 16 de septiembre de 2009

¿E como chegaches aquí?

No Caderno Intercultural atopo un enlace ao blog "A longa viaxe de moitos inmigrantes a Andalucía. ¿E como chegaches aquí?" onde se recollen historias de persoas de distintos países do mundo que están vivindo en Andalucía. Fánselle preguntas sobre as costumes do seu lugar de orixe, os motivos da viaxe e como o fixeron, o que esperaban atopar en Andalucía, cidades polas que pasaron, como foi a súa acollida... É un excelente lugar para coñecer as súas experiencias.
Tamén podemos escoitar "Linguas do Mundo" onde recollen saúdos na súa lingua dalgunhas das persoas que colaboraron no blog e "Música do Mundo", unha colección de enlaces a vídeos musicais.
O blog está preparado por Guadalinfo, "A cidade virtual máis grande de Andalucía", unha rede social promovida polo goberno andaluz.

Ver Y como has llegado aqui en un mapa más grande

miércoles, 9 de septiembre de 2009

Webquest (I)

Facía tempo que non revisaba as webquest que vou gardando nos meus favoritos. Estas son as últimas que clasifiquei:
  • Viaxe a Roma - Creada por Fernando Sanz Barbadillo, do IES La Arboleda para que o seu alumnado de Bacharelato preparasen unha viaxe que fixeron en xuño deste ano. Trabállanse contidos de arte, xeografía, historia e física. Entre os materiais que deben preparar está unha guía de viaxe e un periódico virtual. É moi ambiciosa e tivo que supoñer un gran traballo tanto para o profesorado como para o alumnado implicado, que a realizou fora das horas de clase durante un trimestre. Ven acompañada dunha guía didáctica.
  • Historias da Idade Media - Preparada por Josefa Fernández Rodríguez para o alumnado do Terceiro Ciclo de Educación Primaria. O producto desta webquest é un conto ambientado na Idade Media, no que deben describirse os lugares nos que transcurre a acción es os personaxes: como van vestidos, a súa forma de vida... Nas primeiras actividades trátase de buscar información sobre a época, que despois aproveitarase na redacción do conto. Conta cunha "Guía do profesor" na que a autora explica os obxectivos, temporalización agrupamentos, intervención do profesorado...
  • Arte románica - De Mª Auxiliadora de la Torre para alumnado da ESO. Trátase de preparar uns murais sobre a arquitectura, escultura e pintura románicas que sirvan preparar os decorados dunha película ambientada na Idade Media.
  • Os cántabros - Ainda que trata dun tema que en Galicia non traballamos, póñoa como exemplo de webquest cun deseño atractivo para alumnado de Infantil e Primeiro Ciclo de Primaria. Os textos veñen acompañados de arquivos de son e animacións en flash. O autor é Oscar Barquin.

jueves, 3 de septiembre de 2009

Road movie

Javier Ridruejo, profesor de Historia da Arte no IES Alagón, publicou no blog Locus amoenus unha serie de artigos co título "Road movie" onde vai comentando algúns lugares de España e Inglaterra que visitou no verán. En vez de pararse nas zonas máis coñecidas das cidades visitadas preséntanos unha serie de edificios que chamaron a súa atención.
Así podemos visitar o edificio de usos múltiples da Xunta de Galicia en Vigo, a nova sede da Junta de Castilla e León en Valladolid, o Greater London Auditory de Londres, O Palacio de Festivales de Cantabria en Santander...
As posibilidades didácticas poden ser múltiples: o modelo dado por estes artigos pode ser aproveitado para algún traballo na aula ou tamén prepara un blog colectivo onde cada alumno e alumna describa algún lugar dos visitados nas vacacións. Ou, despois dunha excursión, facer unha wiki con traballos e fotografías dos lugares visitados.
Unha voa iniciativa para manter ao alumnado interesado nas últimas tendencias arquitectónicas e para afianzar o coñecemento e valoración do noso patrimonio histórico e cultural.
Esperemos que Javier siga mostrándonos os lugares visitados e repita a experiencia nas próximas vacacións.


Ver roadmovie en un mapa más grande
Agardo que sexa do voso interese.