viernes, 25 de mayo de 2012

Symbaloo para as nosas aulas

Imaxe de webmix en Symbaloo con recursos de materias de  ciencias sociais (Galicia)
 Webmix Symbaloo CCSS
Symbaloo é unha aplicación que nos permite organizar os marcadores de forma visual con iconos cadrados que podemos personalizar e que nos levan ao enlace da web correspondente.
 Vía  Digitaula podemos acceder a máis información nos seguintes posts:
Facendo probas estou recopilando webs e blogs do profesorado galego.
Como exemplo deixo a dirección de webs e blogs relacionados coas materias de  Ciencias Sociais  feitos por profesorado galego.
Tamén comecei a recoller webmix relacionados coas NEE,  e pouco a pouco irei engadindo enlaces aos webmix de Lingua e LiteraturaBibliotecas Escolares, Primaria, Educación Infantil ...
Gustaríame coñecer a túa páxina ou blog. Enviame a dirección e tamén a doutro profesorado que coñezas e engadireinas ao Symbaloo.

miércoles, 23 de mayo de 2012

WhatWasThere

Hoxe pasei un bo e agradable rato agradable vendo fotos antigas en WhatWasThere. Esta páxina permite situar fotografías nun mapa e utilizar o Google Street Wiew para situar a imaxe na súa situación, regulando a transparencia para poder ver a fotografía ou como é o lugar na actualidade.

Hai moitas fotografías de cidades de Estados Unidos e Canadá. En Europa non hai moitas, destacando Londres e arredores con máis de 500 fotos. En España a maioría son de Villaviciosa e Barakaldo.

Mapa con imaxes situadas no seu lugar

Rexistrándose pódense subir imaxes. Xa estou buscando fotos antigas de Lugo e do Incio para situalas no mapa.

viernes, 18 de mayo de 2012

Time is nothing

Imaxe da cámara fotográfica Lumix GF1
XatacaFoto
Neste timelapse podemos dar unha mirada rápida arredor do mundo. A viaxe dura 343 días e visitamos 17 países mediante 6237 fotografías tomadas por Kiem Lam cunha cámara como a da imaxe.
Ideal para elixir o destino das próximas vacacións, se a crise o permite.


Fonte: Xatacafoto

jueves, 17 de mayo de 2012

Día das Letras Galegas 2012

Cando ti volvas 
Na matricial Galiza, sempre túa, 
que dend-a Torre d'Hercules ao Miño
un facho acenderá por cada illa,
cando ti volvas pol-o mare; 
de toxo unha fogueira en cada monte, 
cando ti volvas pol-o mare;
dos castros na coróa unha cachela, 
cando ti volvas pol-o mare;
unha loura candea en cada pino, 
cando ti volvas pol-o mare;
o seu cirio de frouma os alciprestes, 
cando ti volvas pol-o mare; 
luces de ardora branca en cada mastro,
cando ti volvas pol-o mare; 
un farol mariñeiro en cada dorna, 
cando ti volvas pol-o mare; 
veliñas â xanela en cada casa, 
cando ti volvas pol-o mare; 
e as pérolas das bágoas derramadas, 
cando ti volvas pol-o mare, 
cando ti volvas pol-o mare... 

Valentín Paz Andrade - Pranto Matricial 
 
Música: Pranto Matricial de 2 na Fronteira

sábado, 12 de mayo de 2012

Orbis, explorando a rede viaria romana

Orbis é un proxecto da universidade de Stanford que reproduce a rede de transportes do mundo romano. Elixindo dúas cidades proporciónanos a ruta entre elas usando as vías terrestres, marítimas e fluviais empregadas hai 2000 anos, calculando a distancia, o tempo e o custo da viaxe segundo o medio de transporte elixido e a época do ano. Permite optar pola ruta máis curta, máis rápida ou máis barata. Os datos para a elección da vía e os cálculos proveñen de documentos da época.
Por exemplo, a ruta máis rápida para cruzar a península desde Tarraco ata Flavium Brigantium ten 1602 km e tardaríase en facela máis de 17 días por rutas terrestres e marítimas.


As rutas pódense descargar no formato kml para incorporalas ao Google Earth.
A páxina de Orbis ofrécenos información moi completa sobre a ferramenta: como utilizala, incluíndo un videotitorial, exemplos, como se realizou, as fontes dos datos empregados, etc.

domingo, 6 de mayo de 2012

WikiPaintings

Acabo de descubrir WikiPaintings, un proxecto que pretende crear un repositorio de obras de arte de alta calidade abarcando dende a arte rupestre ata a actualizade.
Trátase dun proxecto sen ánimo de lucro onde o pesoal usuario pode contribuír engadindo imaxes ou modificando as descricións, corrixindo datos, traducindo a páxina a outros idiomas ou axudando no mantemento da base de datos.
A páxina permite buscas por obras ou artistas con varios criterios de clasificación: movemento artístico, cronolóxicamente, nacionalidade, estilo...
Tamén  se pode facer unha presentación de diapositivas coas obras dun autor.
Intentei crear unha conta, pero de momento a páxina está en fase de probas e recibín un correo informando que temporalmente non é posible rexistrarse.
Un proxecto interesante, que convén seguir e apoiar para ver como evoluciona.


miércoles, 2 de mayo de 2012

Where in the World


No blog de Google entérome de que está disponible o xogo Where in the World en castelán. Cada mes hai que localizar un lugar no Google Maps partindo dunha imaxe e varias pistas. Para resolvelo hai que indicar en qué lugar se atopa a imaxe e a súa localización  no mapa.
As pistas e o formulario para responder poden verse en https://sites.google.com/site/whereintheworldversionespanol/.
O premio non é gran cosa: felicitan á primeira persoa que de a resposta na páxina de G+, no foro de Google Earth e en Twitter. Pero buscando o lugar pásase un rato agradable.
Xa intentara nalgunha ocasión con xogos similares en inglés con pouca sorte e, agora, sego sen tela. Levo case unha hora buscando a imaxe nos arredores de Londres sen atopar nada parecido. Haberá que seguir probando.

Agardo que sexa do voso interese.